Resultados dun ensaio de cebo de becerros e vacas de raza Cachena
Esta raza foi o centro do proxecto ‘Optimización da dieta de cebo en diferentes categorías da raza Cachena’, do cal se presentaron as principais conclusións no IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario
A raza Cachena é orixinaria da zona montañosa transfronteiriza do Xurés, localizada entre municipios ourensáns e portugueses. O proxecto ‘Optimización da dieta de cebo en diferentes categorías da raza Cachena’, levado a cabo entre Miña Terra S.L. e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) tomouna como protagonista para ver como varían diferentes parámetros productivos e de calidade da carne con diferentes tipos de cebo final. As principais conclusións da investigación presentáronse no IV Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).
A produción de carne de gando vacún está enmarcada nunha situación de crise con marxes de beneficio moi baixas, e mesmo con venta a perdas. Neste contexto, están xurdindo novos productos diferenciados de alto valor engadido como a carne de Cachena, moi apreciada polo consumidor tanto polo seu gusto como polo alto contido de graxa intramuscular. A raza Cachena representa unha oportunidade neste contexto, debido á orientación productiva de baixo custe, baseada no aproveitamento da herba e dos pastos arbustivos.
Ademais, esta raza recoñécese pola súa rusticidade e gran adaptación ao medio, característica que permite a súa cría en terreos abruptos e mesmo con poucos recursos herbáceos. Ademais, a súa calidade de reproductoras permítelles ter partos fáciles e amamantar as súas crías ata o destete. Segundo os datos do censo do 2022, máis do 75% da poboación total deste animal (6029 cabezas) localízase en Galicia.
Obxectivos, algúns resultados e conclusións
O proxecto centrouse na ‘Optimización da dieta de cebo en diferentes categorías da raza Cachena’, entre as que se seleccionaron becerros, de 10 a 12 meses de idade, xovencas e xovencos (menos de 48 meses), e vacas (vaca desvelle de máis de 5 anos). Os obxectivos da investigación trataron de comparar o efecto do cebo convencional, isto é, o penso e a palla, co do cebo forraxeiro, no cal se utilizaron grao húmido e silo de cereal con leguminosas. Nos casos dos xovencos e vacas o silo de cereal foi sustituído polo de millo e oleaxinosas.
Nos becerros observáronse os parámetros produtivos, a calidade da canle e a da carne. Nas xovencas, nos becerros, e nas vacas, no lugar desta última propiedade fíxose foco na calidade organoléptica e nutricional da carne.
Cada unha destas categorías tivo unha idade de sacrificio determinada: os becerros de 12 meses, as xovencas de 25 meses, os xovencos de 26 meses, e as vacas de 16 anos. Igualmente, pasaron por unha fase final de cebo: na primeira das categorías mencionadas foi de 100 días, na seguinte de 144 días, e nas dúas últimas de 138 días e 217 días respectivamente.
Despois de analizar as ganancias medias diarias en kg/día, o peso da canle fría, así como a conformación e engraxamento nas diferentes categorías da raza Cachena “démonos conta que os rendementos estaban por encima do esperado, e comparados case coas mellores razas cárnicas a nivel mundial; temos datos de ata máis dun 50% de rendemento en canal”, explica o veterinario e propietario de Miña Terra, Javier Blanco.
Deste xeito, entre as conclusións finais do proxecto sinálase que as Ganancias Medias Diarias (GMD) de peso son significativamente superiores en todas as categorías nos animais alimentados con cebo convencional, presentando as maiores GMD os becerros alimentados con cebo convencional (0,92 kg/día), e as menores na categoría de vacas en cebo forraxeiro.
“Dándolles un pouco máis de tempo de cebo e alargando un pouco máis o tempo de sacrificio, vimos que si que eramos capaces de manter e mesmo mellorar os datos de calidade de carne e niveis productivos da raza con cultivos forraxeiros que poden producir os agricultores e gandeiros galegos, isto é, dan cifras similares ás que tiñamos de referencia”, detalla o veterinario.
Cómpre diferenciar que nos rendementos observáronse resultados variables para as distintas categorías. Os becerros e xovencos foron significativamente superiores nos grupos de cebo convencional, mentres que as vacas e xovencas non manifestaron diferenzas significativas entre grupos. En termos de engraxamento e conformación presentaron niveis de significación que non teñen repercusión económica.
Outra das conclusión que se extraen de Miña Terra é que “os animais alimentados con cebo forraxeiro teñen un perfil de ácidos graxos máis saludables”, afirma Javier blanco, en relación ás porcentaxes significativamente superiores de omega-6 daqueles animais alimentados con cebo convencional.
Por último, os resultados do proxecto “comunicáronse á comunidade científica e ao sector gandeiro e industrial establecendo un plan de diseminación e promoción dos resultados dos proxecto”, engadiu Blanco.