Un estudo alerta da perda de biodiversidade nos solos das pradeiras de Galicia

Resumo do Traballo fin de Máster Oficial “Agricultura y ganadería ecológicas”, da Universidade de Sevila, elaborado por Claudia Alejandra Lidia Sandoval Rodríguez, baixo a titoría de Yann Pouliquen Kerlau, no que se realizou un estudo sobre poboacións de escaravellos coprófagos e tratamentos antiparasitarios con ivermectina'

Os escaravellos peloteiros degradan as bostas do gando nas pradeiras.

Este documento é un resumo do traballo de fin de Máster que Claudia Alejandra Lidia Sandoval Rodríguez realizou coa titoría de Xan Pouliquen Kerlau. Este estudio formou parte do labor realizado no Grupo Operativo “Vacún de carne a pasto: identificación e fomento de manexos gandeiros económica e ambientalmente máis sustentábeis” durante os anos 2022 a 2024.

O estudo foi realizado no seo da empresa “Xestión agrogandeira e natureza SL. Céntrase en avaliar o impacto da ivermectina nas poboacións de insectos que degradan as bostas do gando, as materias fecais para incorporalas ao ciclo de fertilización do solo, os chamados insectos coprófagos -principalmente escaravellos-, en granxas ecolóxicas e convencionais de Galicia.

O obxectivo final do estudo é mostrar:

a) que as pradeiras ecolóxicas teñen máis insectos coprófagos que as pradeiras convencionais
b) que os tratamentos con ivermectina teñen un efecto directo negativo sobre as poboacións de insectos coprófagos
c) que as parcelas con máis insectos coprófagos son máis fértiles

2. PORQUE ESTUDAR ISTO?

As infeccións parasitarias no gando son unha causa importante de perdas na produción gandeira. Aínda que os parasitos son unha parte natural da microflora animal, o seu desequilibrio pode provocar enfermidades que afectan á produtividade e á saúde do gando. Na actualidade, utilízanse amplamente os tratamentos antiparasitarios para mitigar estas perdas. Pero o uso excesivo e irracional destes medicamentos, como a ivermectina, pode provocar resistencias en parasitos e efectos adversos sobre o ecosistema.

Unha vez as feces caen no chan, son transformadas por escaravellos especializados niso: os insectos coprófagos, coñecidos popularmente como peloteiros. A ivermectina é un antiparasitario moi utilizado dende tempos atrás. Cando se trata un animal con este insecticida, este termina excretado nas feces, que é a vía de eliminación principal do produto. A molécula así depositada nas feces no chan segue a actuar como insecticida, o que pode afectar negativamente aos insectos coprófagos.

No sistema de produción convencional, existe un amplo uso da ivermectina como antiparasitario pola súa eficacia e facilidade de aplicación. Pola contra, en gandería ecolóxica o uso é restrinxido e regulado.

Os escaravellos coprófagos son un indicador importante de conservación da biodiversidade. As poboacións reflicten con precisión a intervención humana. Debido a isto, as poboacións poboacións tenden a ser máis abundantes en paisaxes selváticos e boscosos que en pradeiras e terras de cultivo. Por iso tamén, son utilizados en investigación para monitorizar a diversidade biolóxica dos ecosistemas.

3. INSECTOS COPRÓFAGOS, PARA QUE?

Estes insectos xogan un papel vital na descomposición do esterco: trasládano, desintégrano, entérrano. Incorpórase ao solo para a construción de niños e alimentación das crías. Algúns peloteiros forman bolas de crianza -de alí o seu nome, onde a femia deposita o ovo logo de enterralas. Outros, constrúen un conxunto de galerías no solo, que darán lugar ao niño onde poden depositar varios ovos.

Moitos factores interveñen na existencia e distribución das comunidades de escaravellos coprófagos nas paisaxes. Os microclimas, a vexetación, as características do solo, e a calidade e abundancia de alimento son fundamentais. Asemade, a velocidade da actividade dos escaravellos, depende de múltiples factores, entre os que se mencionan: a especie, o tamaño, a abundancia, os seus hábitos nutricionais e reprodutivos, a humidade, a temperatura, varias características do solo e o tipo de manexo do pastoreo .

Durante o seu ciclo biolóxico, ao procesar as feces, realizan de maneira paralela tarefas importantes no funcionamento do ecosistema terrestre:

➢ Limpeza de pastos:

Unha vaca adulta deposita sobre o pasto arredor de 50 quilogramos de material fecal ao día, cubrindo unha superficie de aproximadamente 1 m² por animal/día. Esa superficie de herba manchada non é consumida polos animais debido ao cheiro das feces. Na medida en que as feces son incorporadas ao solo pola acción dos escaravellos, o rexeitamento da herba diminúe. Polo tanto, canto máis actividade dos insectos coprófagos, máis produtividade do pasto.

➢ Dispersión de sementes:

Ao transportar e enterrar o esterco, os insectos son capaces de dispersar ata o 95% das sementes que contén. Desta maneira, contribúen á mobilización, xerminación e rexeneración de especies vexetais nos ecosistemas.

➢ Loita contra o cambio climático:

O esterco do gando emite cantidades importantes de gases de efecto invernadoiro. En efecto, os microorganismos que descompoñen a materia orgánica emiten dióxido de carbono, mentres que
as bacterias metanoxénicas que medran en condicións anaerobias producen metano. Ao desintegrar e airear o esterco, os insectos coprófagos evitan a anaerobiose, modificando os fluxos de metano. Ademais, o simple feito de enterrar o esterco aumenta a captura de carbono no solo.

➢ Mellora da estrutura do solo:

Os túneles e galerías cavados polos peloteiros melloran a estrutura, a retención de auga e a aireación do solo; todo iso son factores de maior crecemento das plantas e en consecuencia de aumento da produtividade das pradeiras.

➢ Mellora da actividade biolóxica do solo:

En combinación e retroalimentación co solo, a aireación xerada polos insectos coprófagos no solo e nos depósitos de feces favorecen a labor das bacterias aerobias, encargadas de liberar fósforo, potasio, nitróxeno y carbono para o seu uso posterior polas plantas.

➢ Reciclaxe e ciclo de nutrientes:

Xa se entendeu pois que os escaravellos coprófagos participan activamente da reciclaxe dos nutrientes. Os nutrientes non aproveitados polos animais en pastoreo, que se eliminan nas feces, son reincorporados ao solo, pechando así o ciclo de nutrientes. A acción de enterrar o esterco por parte dos escaravellos aumenta considerablemente a cantidade de nutrientes dispoñibles para as plantas. Tanto é así que a achega dos escaravellos ao crecemento das especies vexetais pode superar a dos fertilizantes químicos. Coméntase que a presencia de insectos coprófagos aumenta o pH e as concentracións de P, K, Ca, Mg, Cu, Zn y Mn.

➢ Control de varias pragas do gando:

A degradación do esterco polos peloteiros altera os ciclos biolóxicos de parasitos do gando, como helmintos e nematodos, evitando que os ovos expulsados nas feces e as larvas en estado de madurez completen o seu desenvolvemento ata larva infectante.

A transformación das feces evita que algunhas especies de moscas depositen os seus ovos no material fecal, o que reduce a súa poboación e, consecuentemente, a presenza de enfermidades do gando ligadas a moscas hematófagas.

Os escaravellos coprófagos transportan os ácaros do esterco, que teñen pouca capacidade de movemento. Estes ácaros aliméntanse de ovos e larvas de moscas e nematodos, polo que axudan a mitigar a presenza de enfermidades do gando. Unha vez que o substrato do esterco comeza a degradarse pola acción dos insectos, estes trasladan os ácaros ata novos substratos onde se separan do portador e poden seguir actuando como axentes de loita biolóxica contra patóxenos do gando.

4. DESEÑO DO ESTUDO

Seleccionáronse 12 granxas de vacún de carne e leite de Galicia: 6 ecolóxicas e 6 convencionais. En cada sistema de produción, a metade realizara con anterioridade tratamentos con ivermectina
e a outra metade, non. En 2 parcelas de cada granxa, colocáronse trampas no chan para capturar os insectos coprófagos. Pasadas 24 horas, recolléronse as trampas, e procedeuse a identificar e
contar os insectos coprófagos capturados. Paralelamente, procedeuse a extraer unha mostra de terra de cada parcela para a súa posterior análise físico-química. Os datos recollidos foron procesados mediante varias análises estatísticas.

5. CONCLUSIÓNS

Os resultados obtidos son os seguintes:

✔ Atopamos máis escaravellos en parcelas convencionais que en parcelas ecolóxicas, pero NON é unha diferenza estatisticamente significativa.

✔ Atopamos máis escaravellos en parcelas con animais sen ivermectina que en parcelas con animais tratados, pero NON é unha diferenza estatisticamente significativa.

✔ Atopamos máis escaravellos en parcelas pobres que nas parcelas máis produtivas, pero NON é unha diferenza estatisticamente significativa

✔ Atopamos máis materia orgánica en parcelas con animais tratados que en parcelas con animais sen tratar, con unha diferenza estatisticamente significativa

✔ Non atopamos ningunha relación entre insectos coprófagos e características fisicoquímicas do solo

Estes resultados negan totalmente o que se quixo demostrar. Sen embargo, isto é só a primeira impresión, que debe ser discutida, dando lugar a outras conclusións.

En primeiro lugar, debemos recoñecer que o estudo baseouse en decisións metodolóxicas non de todo acertadas para un traballo de tipo científico. En especial, a enorme diversidade de situacións
non se compensou dabondo con un número amplo de repeticións. Polo tanto, os resultados no deben ser xeneralizados nin extrapolados.

En segundo lugar, opinamos que a ausencia de diferenzas entre as parcelas ecolóxicas e as convencionais non é unha incoherencia. En efecto, nas nosas condicións, o tratamento que se lle dá ás pradeiras do vacún é, en definitiva, moi semellante en ambos sistemas: niveis de abonado químico escasos, práctica ausencia de tratamentos químicos, pastoreo.

A nosa hipótese para explicar que atopemos máis insectos en parcelas pobres que en parcelas produtivas susténtase no manexo do pastoreo. En efecto, as parcelas pobres escollidas foron basicamente parcelas con vexetación indicadora de sobrepastoreo. É dicir que se trata posiblemente de pastos con una carga de materias fecais maior, ofrecendo entón máis cantidade de alimento as poboacións coprófagas.

A presencia de máis materia orgánica en parcelas con tratamento de ivermectina sí sería coherente coas ideas iniciais, na medida en que as ivermectinas reducirían o impacto de transformación da materia orgánica. Cabe mencionar tamén que nas condicións experimentais a maioría dos tratamentos con ivermectina foran realizados con moita anterioridade á toma de mostras en solo. Se cadra o agroecosistema tivera resiliencia dabondo como para ter recuperado dun eventual efecto negativo do insecticida.

En calquera caso, non estamos satisfeitos con ningunha destas suxerencias. Entendemos que as conclusións finais de interese deben ser outras.

O que realmente debe ser posto de relevo é A ESCASA POBOACIÓN DE INSECTOS COPRÓFAGOS en todo o ensaio. A parcela que máis insectos recolleu chegou a 57 insectos por trampa; a segunda xa non superou os 25; na terceira baixamos xa a 15. A media total foi de 6,3 insectos por trampa; quitando as 3 parcelas extremas, esa media se queda en 2,5. É importante resaltar que a mostraxe se realizou nun momento do ano onde as poboacións debían estar plenamente activas.

Ao noso parecer, este é o resultado importante do traballo feito: as parcelas estudadas presentan polo xeral un nivel moi escaso de insectos coprófagos. Considerando eses insectos como indicadores de biodiversidade, teremos que chegar á conclusión que os solos das pradeiras son solos mortos, ou polo menos con moi pouca vida. Loxicamente, se per se, as poboacións de
insectos coprófagos é moi escasa, o efecto da ivermectina ou do sistema de produción non se poden identificar.

Polo tanto, o estudo NON conclúe que a ivermectina é inocua fronte aos escaravellos, NON conclúe que o modo de produción non inflúe, NON conclúe que non existe influenza mutua entre insectos coprófagos e niveis de fertilidade. Pola contra SI conclúe que os solos está moi degradados en canto a biodiversidade. E que fronte a esta situación, nas condicións do estudo, é moito máis importante e urxente resolver a mala praxis xeral contra dos solos que deterse sobre o emprego ou non da ivermectina.

Evidentemente, non estamos aquí a dicir que se deba esquecer o efecto negativo do antiparasitario; o que afirmamos é que as ganderías teñen outros fallos técnicos de máis calado que corrixir antes. Referímonos concretamente ás técnicas de manexo global dos pastos que favorecen a morte dos solos: compactación, mala xestión dos tempos de repouso e permanencia, malos cálculos de carga gandeira instantánea, etc..

Comments are closed.