Un estudo apunta á expansión do lobo en Asturias como ameaza para a gandería extensiva
Os investigadores afirman que os gandeiros están a favor da conservación do lobo, pero sempre que non afecte a súa economía e modo de vida
Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, en colaboración co Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (Indurot) da Universidade de Oviedo, realizaron un informe técnico sobre a percepción social do lobo. Unha das conclusións que recollen é que maioritariamente a cidadanía está a favor da aplicación de plans de xestión específicos que favorezan tanto a conservación como o control desta especie en cada territorio. Así mesmo, os enquisados consideran insuficientes as axudas de indemnización polos danos provocados por este animal nas reses de gandería extensiva que se atopan no monte.
Este estudo científico, asinado polo investigador Andrés Osoro Corsino e no que participan profesores da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC), afonda na percepción social da poboación urbana e rural respecto da actual situación do lobo ibérico, que dende 2021 está no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial.
O estudo sinala que nas últimas dúas décadas se duplicou o censo de lobo en Asturias. Neste contexto, o aumento da protección do lobo representa un problema para a gandería extensiva
Fronte ao progresivo incremento da poboación de lobo ibérico en Asturias, onde se pasou de 21 manadas a 41 nas últimas dúas décadas, e tamén dos danos económicos cada vez maiores que provoca, os autores deste estudo sinalan que a inclusión desta especie no Listado compromete o futuro da gandería en réxime extensivo, como mostra o incremento das reses atacadas e o volume das indemnizacións por este motivo. Andrés afirma que a radiografía respecto da situación do lobo en Asturias non se pode aplicar a Galicia, principalmente polas diferenzas dos sistemas de produción gandeira existentes en cada rexión.