Uso de fungos parasiticidas para mellorar a sanidade en ganderías extensivas
O Grupo Operativo Funtrapa está a investigar o emprego de fungos saprófitos como método de control biolóxico para a redución do risco de infección nas granxas de aves e porcino
Desde hai algunhas décadas, os consumidores demandan alimentos sans, obtidos en condicións de benestar animal, co mínimo efecto posible sobre o medio e cun enfoque que persegue a sustentabilidade da produción animal. Co obxectivo de contribuír ao control de parasitos baixo estas premisas, xorde a idea do proxecto Funtrapa, que se está a plasmar en aves e gando porcino en pastoreo, na que o emprego de fungos filamentosos saprófitos fixo posible a prevención de infección en galiñas poñedeiras e en leitóns.
Funtrapa comezou no 2022 e finalizará en setembro de 2024. Os primeiros resultados, que se expuxeron a través dun webinar, están a ser prometedores e víronse resaltados cun mellor estado de saúde dos animais, confirmando, aínda que de forma preliminar, o acerto desta estratexia. O Grupo operativo conta coa colaboración de Pazo de Vilane e Asociación Prodeme, onde se desenvolve o proxecto e aplícanse as técnicas de prevención e redución de parasitos nas galiñas poñedeiras e leitóns en réxime de pastoreo. Ademais, conta coa Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) como axente innovador.
Os sistemas pastorís aumentan o risco de que os animais inxiran formas parasitarias presentes no chan
Durante a presentación dos resultados, que polo momento son preliminares, María Sol Arias, membro do Grupo de Investigación Copar, do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria da USC, fixo fincapé en que “os sistemas pastorís teñen numerosas vantaxes, entre elas a redución dos costes de control de plantas invasoras ou a mellora do estado sanitario dos animais”. Pola contra, expuxo que “cando mantemos os animais en réximes pastorís, auméntase o risco de que inxiran formas parasitarias que están presentes no solo”.
Infeccións parasitarias
Os parasitos máis atopados son de diferentes grupos. Uns deles son os protozoos, que eliminan quistes /ooquistes e saen ao exterior xunto coas feces dos animais. “Presentan unha elevada capacidade de resistencia ou supervivencia aos produtos químicos convencionais, polo que resulta complexo eliminalos”. Arias indicou que outros grupos son os Cestodos, Trematodos e Nematodos.
Finalmente están os Nematodos estronxílidos, que se propagan polas feces excretadas polos individuos parasitados.
Parte dos fungos problemáticos eliminouse en porcentaxes superiores ó 80%
Segundo explica Arias, a solución ata o momento baséase no tratamento convencional, aplicando antiparasitarios alopáticos de síntese. Cabe destacar que moitos deles son eficaces e están dispoñibles comercialmente, pero tamén hai cepas resistentes a moitos parasiticidas. Ademais, hai un gran risco que é a reinfección, “xa que a desparasitación actúa sobre os organismos en animais en exclusiva, pero non hai acción sobre as formas infectantes presentes no medio”, puntualiza.
Manexo dos fungos parasiticidas
Na busca doutros sistemas alternativos, dende o Grupo de Investigación determinaron que “o emprego de fungos saprófitos, que actúan sobre os excrementos presentes na parcela, é un control biolóxico para a loita fronte a estas formas infectantes”. Neste proxecto traballan con fungos filamentosos que se clasifican en fungos con actividade ovicida (Mucor circinelloides, Trichodema atrobrunneum e Clonostachys rosea) e larvicida (Duddingtonia flagrans).
“Dende Copar propuxemos traballar con varios fungos á vez, mesturando fungos parasiticidas ovicidas e larvicidas, desta forma os nosos produtos terían un grande espectro”, aclara a investigadora.
O seguinte paso, segundo expuxo foi pensar como se distribuirían. Unha das formas que mostraron é como biocida, é dicir, pulverizando. “As esporas dos fungos pódense diluír, de feito crecen en medio líquido, e polo tanto habería que empregar unha pulverizadora convencional e propagalo”. Outras opcións foron facer unha premestura co alimento e tamén fabricar un concentrado comercial con esporas, que se podería distribuír por exemplo coa sementeira dos prados.
Os fungos empregados no control biolóxico pódense distribuír por pulverización ou en esporas, no intre da sementeira. Tamén submnistrarse na alimentación dos animais
Resultados obtidos en Prodeme
Na Asociación Prodeme, onde fan cría de leitóns, empezaron cunha fase de acondicionamento, oito días previos ao parto das porcas proxenitoras, e logo pulverizaron oito días previos á entrada dos leitóns na devesa. Durante a fase de mantemento, pulverizaron esporas en parideiras despois do parto, ata que os leitóns acadaron os seis meses, e na segunda fase pulverizaron as praderías nas que se atopaban os leitóns ata os seis meses.
En canto aos resultados, destacar que os coccidios reducíronse un 83 % na semana 20, con respecto aos datos obtidos na testemuña. En ascáridos baixou un 89 % na semana 4. Pola contra, “os resultados en Trichuris sp. non son nada bos. Estes parasitos dan moito problema para erradicalos empregando fármacos convencionais, polo que teremos que seguir traballando”, destaca a investigadora.
Sen efectos na calidade en Pazo Vilane
Pazo de Vilane é unha empresa que leva 27 anos funcionando, como explicou no webinar o seu veterinario Antonio Miguel Palomero. “Cando empezamos con este proxecto, decidimos reformar e acondicionar un vello galiñeiro que tiñamos para poder empezar de 0”, indicou.
Así mesmo, acondicionaron a sementeira da pradería con sementes previamente sumerxidas en medio líquido con fungos e logo realizaron a pulverización de esporas en paredes e solo dos refuxios (cada dous días durante os 8 días previos á introdución de aves). Na fase de mantemento, a pulverización foi mensual nos refuxios. “Durante o mantemento, os técnicos veterinarios do Pazo de Vilane tamén realizamos visitas para avaliar a saúde, benestar e desempeño produtivo dos animais; ademais consideramos fundamental interactuar cos animais para un correcto desenvolvemento”.
En canto aos resultados obtidos foron “moi bos”, concordan a investigadora e o veterinario. En canto a Eimeria spp., ás dúas semanas xa se rexistrou unha diferenza moi grande entre os individuos tratados e os testemuña. A porcentaxe de redución foi en torno dun 88 % na semana 4. Os ascáridos, na semana 14 mostran unha baixada do 84 %, “outro dato relevante”.
O veterinario conclúe afirmando que a “calidade é boa e non houbo diferenza significativa nos parámetros produtivos entre un grupo e o outro, ademais vemos que a aplicación destes fungos non ten efecto negativo sobre a súa saúde e sobre a súa produción”.
Beneficios para os gandeiros
No proxecto, conclúese que hai beneficios no enfoque preventivo de cara a evitar a infección, polo que se reduce o risco de enfermidade e o desenvolvemento de lesións nos animais. “Ademais, é unha estratexia sostible baseada en organismos antagonistas, inocuos para persoas, animais e vexetais que se atopan de forma natural no medio e que se integran en equilibrio con outros microorganismos”, incide a investigadora. Así mesmo, destaca que a distribución de fungos coas sementes en praderías abre unha posibilidade “ignorada ata o momento, facilitando o acondicionamento de prados e minimizando a carga de endoparasitos no chan, que resultará no desenvolvemento óptimo dos animais”.
O proxecto, que ten un presuposto total de 180.000 €, está subvencionado coas axudas da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimento nun 2,5 %.