A EVEGA realiza un proxecto piloto de optimización da fertilización do viñedo
O obxectivo de FERTISOST é a posta en marcha dun sistema de control integrado da xestión da fertilización no sector vitícola galego
Coa finalidade de poñer en marcha un sistema de control integrado da xestión da fertilización, desde a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) lanzaron o proxecto FertiSOST. Trátase dun sistema integrado de fertilización sustentable no sector agrario vitícola galego a través de estratexias que permiten establecer niveis de referencia para o diagnóstico nutricional. A idea é conseguir así unha redución do impacto económico e ambiental. Dentro do proxecto, tamén buscaban ofrecer ferramentas TIC e transferencia de coñecemento, por iso todos os datos se recollen na páxina web FertiSOST. Para iso, traballaron coas Denominacións de Orixe Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.
Durante a xornada de presentación dos resultados do proxecto Viñ@Sostible, as investigadoras da EVEGA Emilia Díaz e María Dolores Loureiro presentaron os resultados do proxecto FertiSOST. Ambos os proxectos son complementarios, posto que Viñ@Sostible centrouse na avaliación de residuos da industria vitivinícola como fertilizantes, e as adegas implicadas participaron previamente nun proxecto de fertilización sustentable similar a FertiSOST, pero levado a cabo nos D.O. Rías Baixas e Ribeiro.
As investigadoras resaltaron que unha fertilización deficitaria pode provocar unha diminución do vigor e rendemento da vide. Un sobreabonado pode aumentar o vigor da planta, ocasionando a deterioración do microclima de follas e acios, dificultando a madurez da uva e reducindo a súa calidade. Ademais, pódese ver afectado o pH e as calidades organolépticas dos viños, entre outros efectos. “Por todo iso, marcámonos o obxectivo de establecer protocolos en base á interrelación chan-clima-planta a partir do nivel de referencia da fertilidade do chan e de macro e micronutrientes na planta e dos parámetros de calidade do mosto”, explican as investigadoras.
Para o estudo recolleron diversos datos e mostras nas parcelas tipo seleccionadas: 3 bloques en cada parcela de 20 cepas cada un. Recolleron mostras do chan para analizar a fertilidade e o microbioma (comunidade de microorganismos coma os fungos, bacterias e virus) ademais de diverso material vexetal coma follas e uvas no que se analizaron elementos minerais e parámetros enolóxicos. Ademais, tomáronse datos agronómicos como produción, número de xemas, vigor etc. Recolléronse aproximadamente uns 28.000 datos e a partir deles establecéronse niveis de referencia para os nutrientes do viñedo de cada D.O..
Ademais, calculouse a temperatura media e a precipitación acumulada entre marzo e setembro de para cada ano e en cada D.O., tomando como base os datos rexistrados polas estacións meteorolóxicas de Meteogalicia en cada unha delas.
Resultados do estudo
Ao detallar por D.O., en Valdeorras establecéronse os valores adecuados de nutrientes en chan para alcanzar un grao alcohólico probable en mosto de entre o 12 e 13 % v/v e unha acidez total de 6 e 7 g/L en ácido tartárico, en base aos datos recolleitos nas parcelas de dita D.O. Aínda que estes valores son os indicados polo estudo, aconséllase aumentar lixeiramente o pH do chan (ata 6-6,5) mediante encalado co fin de aumentar a capacidade de intercambio catiónico e eliminar os ións de aluminio do complexo de cambio do chan.
Doutra banda, en Monterrei observouse que en moitas das leiras estudadas había un importante sobreabonado. As cinco mostras con contidos máis elevados de potasio tamén tiñan valores moi elevados en calcio, fósforo e magnesio en chan, en xeral. “En peciolo e limbo observamos que algunhas desas mostras seguen presentando os maiores valores de potasio; con todo, os valores altos de magnesio en chan non se correlacionan cos de peciolo, posiblemente debido a un bloqueo causado polo exceso de potasio”, aclara a investigadora Loureiro. O mosto desas cinco mostras caracterizouse por valores moi baixos de acidez total e altos de pH en xeral, posiblemente debido ao exceso de abonado con potasio. Isto incide na calidade final do viño, de aí a importancia de realizar unha correcta fertilización.
Na D.O. Ribeira Sacra seleccionáronse parcelas en catro das subzonas, observándose diferenzas importantes en pH, calcio, fósforo e potasio en chan entre elas. Tamén se conclúe que é altamente recomendable encalar moitas das leiras porque “posúen un pH, calcio e capacidade de intercambio catiónico baixos, estando presente aluminio no complexo de cambio”.
Web para consultar os datos
Javier Cancela e Xesús Pablo González, PDI Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela, foron os encargados de presentar a plataforma FertiSOST.
Para rexistrarse é necesario identificarse dentro da D.O. á que pertence cada usuario. “Hai unha alta cantidade de información, para a comunidade científica é relativamente fácil manexala, pero interésanos que sexa accesible para todas as persoas usuarias, en especial para os viticultores”, explican.
Na pantalla de inicio hai un visor de mapa onde se poden observar todas as parcelas que están rexistradas e funciona igual que calquera aplicación de mapeo. Ao entrar nunha parcela aparece toda a información relativa á mesma. Pódense activar as catro capas que hai dispoñibles: históricos, chans, mostos e peciolos.
“Toda a información do proxecto concentrouse nesta ferramenta, pero de maneira áxil para que calquera persoa a poida consultar”, indica González. Engade que se pode ver o rendemento de cada unha das parcelas e a súa evolución, así como as analíticas do chan.
Unha das partes máis importantes da ferramenta é que en cada parcela aparece un botón de ‘fertilización’ no que se pode entrar e se indican as recomendacións de fertilización que se debe aplicar na parcela.