“Grazas ao proxecto PRERIVID estamos a aprender a regar como a viña necesita e a ser máis eficientes no uso da auga”

Entrevista a Juan Martínez-Barberá, responsable de I+D+i de Bodegas Enguera e Director técnico de Enguera Planet. Esta adega valenciana é un dos socios do proxecto “PRERIVID: Predición de necesidades hídricas do viñedo para un uso sostible da auga de rega”, que se desenvolve en Galicia, Castela e León e Valencia.

Juan Martínez-Barberá, responsable de I+D+i de Bodegas Enguera e Director técnico de Enguera Planet

Juan Martínez-Barberá, responsable de I+D+i de Bodegas Enguera e Director técnico de Enguera Planet

Bodegas Enguera é unha adega familiar situada na zona de Terres dels Alforins, na D.O.P. Valencia. Produce en ecolóxico unhas 750.000 botellas anuais que exportan a máis de 25 países.

Os efectos do cambio climático están a afectarlles de cheo nos últimos anos, con perdas por seca que chegaron ao 90%. A necesidade de adaptarse ao novo escenario levounos a participar no  proxecto “PRERIVID: Predición de necesidades hídricas do viñedo para un uso sostible da auga de rega”. Este grupo operativo supraautonómico ten como obxectivo o desenvolvemento dunha ferramenta de xestión da rega en viñedos coa que se pretende predicir as necesidades hídricas de cada parcela, integrando múltiples parámetros: datos meteorolóxicos, humidade do chan, estado fenológico e predición meteorolóxica local. Este proxecto supraautonómico desenvólvese en Galicia, Castela e León e Valencia.

Falamos con Juan Martínez-Barberá, responsable de I+D+i de Bodegas Enguera e Director técnico de Enguera Planet, para coñecer esta adega de referencia na produción de viño ecolóxico en España.

-Canta superficie tedes plantada a día de hoxe, con que variedades e cales son os rendementos medios?
Contamos con 135 hectáreas de viña e 38 ha de oliveiral, todas elas certificadas en ecolóxico. Como variedades tintas máis relevantes para a nosa adega por extensión atopamos a marselán, monastrell e cabernet sauvignon. En brancas traballamos unha variedade minoritaria, case extinguida, denominada verdil da que facemos viños brancos moi singulares.

A metade do noso viñedo atópase en secaño, no termo municipal de Fontanars dels Alforins (Valencia) e conta cun rendemento medio de 5.200 kg/ha en tintos e 5450 kg/ha en brancos. No caso do viñedo situado en Enguera, que conta con rega por goteo, os rendementos son maiores: 7.000 kg/ha en tintos e 8.000 kg/ha en brancos.

-Como valoras a situación do sector do viño en España neste momento?
Ao ser o sector do viño español tan dependente do mercado exterior e atoparnos nunha fase de gran incerteza xeopolítica, é difícil ser optimista. Nalgúns dos países moi importantes para o noso mercado como é Alemaña, o consumo do viño descendeu mesmo máis que a media mundial. O rexeitamento das novas xeracións e da poboación en xeral ao consumo de bebidas alcoholicas tampouco augura prespectivas favorables para que esta tendencia cambie, nin as administracións están a apoiar suficientemente ao sector para fomentar un consumo responsable.

Ademais, estamos a experimentar episodios climáticos moi desfavorables: longos períodos de seca e vagas de calor cada vez máis numerosas, intensas precipitacións que xeran perdas importantes de solo e pragas emerxentes. Todo iso incrementa notablemente os custos de produción e comprometen a rendibilidade de moitas empresas do sector. A pesar desta situación son bastante optimista porque creo que esta situación favorecerá no medio-longo prazo ás adegas que apostamos fírmemente pola innovación e por elaborar viños de valor engadido.

-Como vos está afectando no voso caso a problemática arancelaria iniciada pola administración Trump?
Afectounos bastante porque o mercado americano é cada vez máis importante para nós. Si que é certo que traballamos unha tipoloxía de viños que nos permite absorver unha parte importante dos aranceis reducindo a nosa marxe comercial pero preocúpanos que o consumo en E.E.U.U se resinta de maneira importante debido a esta crise na que a administración Trump sumiu ao país. Aínda así, teño a esperanza de que os acordos aos que se cheguen sexan favorables, mesmo para as nosas exportacións no país e isto xere novas oportunidades.

-Estamos a comezos de maio coas cepas ben agromadas. Como está a ser o desenvolvemento das vosas viñas neste momento?
Vimos dunha anada 2023 e 2024 extremadamente secas con perdas produtivas do 40% e do 90% respectivamente na nosa viña de Fontanars dels Alforins que non conta con rega por goteo. O ano pasado tivemos que tirar moita uva ao chan para evitar que a planta morrese. Está claro que a viña é un cultivo de secaño pero é complicado que produza calidade e cantidade cando a precipitación anual non alcanza os 364 mm e 239 mm e ademais concéntrase na primavera e vendima e non no outono-inverno como é habitual na nosa zona. Por esta situación de seca tan extrema, a mortalidade de cepas foi importante nalgunhas parcelas polo que afrontamos un ano 2025 cunha poda en verde enfocada á que a planta se recupere.

 O cambio climático está a ter un efecto tan determinante na calidade das nosas colleitas que cada vez temos que alterar máis esta singularidade da materia prima mediante prácticas enolóxicas

-En que medida está a afectarvos o cambio climático nos vosos viñedos e no perfil dos vosos viños?
Está a ser cada vez máis complicado producir viños con mínima intervención. O cambio climático está a ter un efecto tan determinante na calidade das nosas colleitas que cada vez temos que alterar máis esta singularidade da materia prima mediante prácticas enolóxicas. Isto incrementa os custos pero é necesario para manter os estándares de calidade que temos marcados.

No que ao perfil de viños se refire, fixemos un cambio moi notable nos tintos fai 7-8 anos para adecualos ao mercado. Aqueles tintos moi tánicos e lonxevos teñen cada vez un peso máis residual no noso portfolio.

-Neste sentido, que vos levou a participar no proxecto PRERIVID?
O noso compromiso pola sustentabilidade e a procura de estratexias innovadoras para mitigar os efectos do cambio climático é o que nos levou a formar parte do GO-PRERIVID. Moitos pensan que saben regar, pero para regar ben debemos coñecer moi ben o noso viñedo e como se atopa en cada momento, e para facer isto non basta con preguntarllo ou mirar o calendario lunar senón que hai que tomar datos como o potencial hídrico do talo, precipitación ou humidade do solo e grazas a PRERIVID estamos a aprender a integrar estas e máis medicións no noso día a día.

Isto estanos ensinando a regar como a viña necesita e ser, por tanto, moito máis eficientes cun recurso tan escaso como é a auga. A procura de estratexias innovadoras para reducir as necesidades hídricas do noso viñedo en secaño como é o uso do caolín tamén era unha gran motivación para participar neste proxecto.

 “Grazas ao proxecto PRERIVID estamos a aprender a regar como a viña necesita e a ser máis eficientes no uso da auga”

-Cales son os labores da adega dentro deste proxecto, que actuacións se realizaron ata o de agora e cales se prevén para este 2025?
Na nosa adega están a implementarse os modelos de predición de rega de MONET cos que esperamos mellorar significativamente a xestión da rega. Ademais, desenvolvemos estratexias como o uso de caolín para reducir o estrés hídrico no viñedo. Tamén participamos activamente nos labores de divulgación dos resultados do proxecto. Somos conscientes de que estes resultados non están pensados unicamente para beneficiar ás adegas que formamos este consorcio senón que deben transcender ao sector no seu conxunto. Por iso, estamos a traballar moi intensamente neste sentido.

Para 2025 levaremos a cabo a validación dos modelos de MONET e confirmaremos nun ano climatolóxicamente normal o efecto que ten o caolín na redución das necesidades hídricas do viñedo.

-No voso caso ides realizar un ensaio de uso de caolín para reducir as necesidades hídricas do viñedo. Realizarades algún ensaio con anterioridade?
No pasado levamos a cabo aplicacións de caolín e vinificacións destas uvas para coñecer o efecto dos tratamentos nos viños. Con todo, o enfoque foi bastante diferente xa que aplicamos este tratamento mediante turboatomizador e no viñedo de Enguera que está acondicionado con rega por goteo. Un ensaio tan rigoroso como o que deseñamos xunto co Centro de Investigación sobre Desertificación (CIDE-CSIC-UV-GVA) non o realizabamos ata a data.

-Xa realizades regadío nos vosos viñedos? Con que resultados?
Nos nosos viñedos de Enguera contamos con pozo propio que conta con auga en abundancia. Con todo, cremos que o máis responsable é facer un uso eficiente e sostible desta auga e por iso PRERIVID é tan importante para nós. A realidade é que a rega sempre se fundamentou na intuición e non nos datos. Por sorte o noso equipo é moi estable pero o problema de regar por intuición e non por datos é que dependendo do técnico que regue a achega de auga será maior ou menor cando o que se debe facer é regar en función das necesidades hídricas do cultivo.

-E no caso das cubertas vexetais?
Contamos con cubertas vexetais espontáneas en Enguera e labra entrecepas desde hai 3 anos xa que estamos acollidos aos ecoreximes da PAC. Temos previsto levar a cabo ensaios que confirmen con datos as nosas intuicións. Por unha banda son evidentes os efectos positivos que teñen para evitar a perda de chan por escorrentía. Cremos que pode ter un efecto moi positivo na fertilidade do solo e mesmo no mantemento da humidade no chan. Porén, tamén pensamos que pode ser un reservorio para pragas moi polífagas como o mosquito verde que nos últimos anos experimentou un desenvolvemento sen precedentes.

-Pódesnos avanzar algo dos primeiros resultados que tivestes no 2024?
Aínda que aínda estamos a terminar de integrar todos os resultados, pódovos avanzar que implementamos con éxito os modelos de Monet no noso viñedo e esperamos este ano confirmar as diferenzas entre o modelo de rega que propón o modelo co noso.

No caso do ensaio de aplicación de caolín non vimos un efecto significativo do caolín na resposta fisiolóxica do viñedo nin tampouco na calidade e cantidade da colleita. Con todo, démonos conta de que resulta moi eficaz para o control do mosquito verde e ésto é especialmente interesante no contexto actual xa que é unha praga que se está expandindo moi rapidamente polos viñedos dos países da Conca Mediterránea.

 “A aplicación de caolín foi moi eficaz para controlar o mosquito verde”

-En xeral, que esperades que vos achegue este proxecto?
Esperamos que este proxecto nos ensine a regar e adaptarnos mellor ao cambio climático.

-Algo máis que queiras engadir?
Simplemente gustaríame dicir que o apoio de todas as administracións debe manterse ou mesmo incrementarse no contexto actual. Isto permitirá que as empresas podamos acometer proxectos de innovación tan relevantes para o sector como é este Grupo Operativo PRERIVID. Nos nosos case 15 anos de traxectoria na I+D+i puidemos comprobar como a innovación permítenos mellorar procesos o que nos fai ser máis sostibles, máis competitivos e en definitiva facer mellores viños.

LOGOS GO SIMBAV

O Grupo Operativo PRERIVID está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das ditas axudas. Orzamento total do proxecto: 589.371,54 €. Subvención total: 583.385,01 €.

O Grupo Operativo PRERIVID é a entidade responsable deste contido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *