“A intelixencia artificial permítenos ser máis eficientes no coidado da viña, e aínda máis en Galicia”
A enxeñeira agrónoma Marta Rodríguez Fernández preséntanos nesta entrevista algunha das claves da súa tese de doutoramento centrada na viticultura de precisión
A enxeñeira agrónoma Marta Rodríguez Fernández presenta a súa tese de doutoramento ‘Viticultura de precisión para a caracterización e xestión de viñedos nun contexto de cambio climático’, desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra. Os resultados obtidos na súa investigación supoñen un avance crucial para a xestión do viñedo. Así mesmo, establecen unha metodoloxía integral de zonificación dos viñedos, especialmente os relacionados coa variedade Albariño.
– A Intelixencia Artificial abre novas oportunidades nas investigacións, neste caso cal é a utilidade para o proxecto?
A utilidade da IA nesta investigación céntrase na predición de parámetros produtivos e de calidade, fundamentais para a xestión e organización de épocas cruciais para o viticultor, como é a vendima. Así como a obtención dunha produción óptima, coas características cualitativas necesarias para a elaboración de viños cun perfil determinado.
– Trabállase con imaxes de satélite Sentinel 2, como funciona esta ferramenta e que información achega?
As imaxes de Sentinel-2 son unha ferramenta de descarga gratuíta para o usuario, que nos achega información da toma remota de imaxes con datos cada 5-10 días, que nos permiten realizar un seguimento do viñedo. Posteriormente, podemos realizar cálculos de índices multiespectrais que nos aporten información específica do noso viñedo.
– A IA achegará unha mellor xestión dos viñedos fronte ao cambio climático, como se traballará con esta ferramenta?
A IA neste caso, permitiranos realizar unha xestión máis eficiente que nos axude a paliar os efectos negativos que o cambio climático está ocasionando na viticultura. Tamén nos axudará a realizar predicións futuras que nos permitan comprender a evolución da campaña vitícola, mediante a xestión dunha base de datos que o viticultor podería alimentar e xestionar no seu propio viñedo.
– Todo isto, traducido en redución do uso de abonado e de fitosaniarios, e por tanto en diñeiro, que aforro aproximado pode supor para un viticultor a aplicación da intelixencia artificial na viña?
A IA permítenos ser moito máis eficientes na xestión vitícola, aplicando o que é necesario no momento oportuno. Un bo manexo e aplicación de fitosanitarios é todo un reto que cambia en cada campaña vitícola, por o que non o podemos avaliar en termos económicos. Porén, si se podería dicir que o resultado de ser moito máis eficientes, anticipándonos a condicións adversas e mellorando as aplicacións en cada campaña, permítenos reducir os custos vitícolas considerablemente, xa non só en relación os fitosanitarios se no tamén en relación a recursos como pode ser a xestión da auga no viñedo (rego), abonos…
– Tamén permitirá achegar información detallada sobre as enfermidades. Detectará calquera tipo de enfermidade nos viñedos galegos?
A ferramenta de IA desenvolvida tamén se podería focalizar na detección de diferentes enfermidades no viñedo, podendo monitorizar a sanidade vexetal do mesmo a partir de índices espectrais e datos recollidos en campo, así como o estudo e anticipación de condicións climatolóxicas adversas.
– Como inflúe a orografía galega, con varios microclimas incluso na mesma parcela, e o minifundio a aplicación da intelixencia artificial e a viticultura de precisión nos viñedos galegos?
A zonificación vitícola é unha parte fundamental que se debe de tratar para realizar unha boa xestión do viñedo galego, no que atopamos esta diversidade e heteroxeneidade intraparcelaria. Poder aplicar de forma eficiente o que é necesario en función das necesidades e características do terreo, diferenciando pequenas áreas con comportamentos homoxéneos, é a clave para non caer no manexo uniforme dos viñedos, e a IA apórtanos as ferramentas necesarias para poder zonificar os nosos viñedos en función dos parámetros agronómicos que desexemos xestionar.
O proxecto céntrase no Albariño pero pódese trasladar a calquera zona vitivinícola dentro das D.O.
– A tese está centrada na variedade Albariño, por que esta variedade?
O Albariño é unha variedade de grande importancia na viticultura galega, correspóndese co 95 % da produción varietal da D.O. Rías Baixas. Trátase dunha variedade coa que os nosos viticultores están apostando por plantar en superficies de grandes extensións, nas que a aplicación da viticultura de precisión cobra gran peso para a súa xestión.
– O proxecto está centrado nas zonas do Ulla e Salnés, logo poderase aplicar a outras zonas de viñedos e outras DO?
Si, a aplicación do proxecto poderíase trasladar a calquera zona vitivinícola dentro de distintas D.O., aportaríamos información específica do noso viñedo, zonificación e melloras na xestión do mesmo, que nos permitiría poder levar a cabo esta tarefa independentemente da zona a estudo.
– En que liñas de investigación ve preciso ampliar a súa tese?
Os resultados obtidos poderíanse ampliar e seguir analizando a alimentación de datos do sistema deseñado, con datos de máis campañas a estudo, que permitan a mellora dos resultados e definición máis detallada do modelo intelixente segundo os obxectivos planeados.
– En que novos proxectos está a traballar?
Actualmente, estou realizando publicacións científicas dos diversos resultados obtidos da tese doutoral, así como analizando e estudando datos e técnicas para poder seguir mellorando o modelo intelixente definido. Asemade, estamos a traballar no estudo do emprego de augas rexeneradas para a rega, en relación ó proxecto I-Rewater (SUDOE).