O potencial da natureza atlántica en forma de cosmética
O químico Miguel de la Calle lanzou unha liña de cremas baixo a marca "Chorima Cosmética Atlántica", que conteñen extractos de mel, albariño e algas mariñas, e que ten por finalidade potenciar os produtos locais
“Chorima Cosmética Atlántica” naceu co obxectivo de darlle prioridade aos activos de orixe natural e local, que respecten o medio ambiente e as diferentes peles. Miguel de la Calle, natural da Estrada e químico de formación, sempre tivo interese por investigar sobre as propiedades das plantas e por potenciar o rural. “Estiven facendo os meus estudos e decateime de que a cosmética é un sector interesante, no que sempre hai innovación, ademais de ser un dos que máis factura en canto a exportacións. Vin que había moitas posibilidades e decidín dar un paso cara adiante”, explica o emprendedor.
A primeira liña de produtos que sacou ao mercado comprende unha crema de mans, un xel limpador, unha crema facial e unha leite corporal. Todos eles teñen un eixo común que é conter estratos de bagazo de albariño, de produtos apícolas (mel, propóleo e cera) e de catro algas galegas. “Os catro produtos completan o coidado da pel e son altamente reparadores”, apunta De la Calle e engade que, por exemplo, “a crema de mans está dirixida a aquelas persoas que traballan fóra, que teñen as mans expostas á climatoloxía e que precisan dunha cosmética efectiva”.
“Sempre lle dou moitas voltas aos produtos, non encaixo ingredientes sen máis”
En canto aos produtos que integra, busca que sexan de pequenos produtores. Como mostra, os elementos apícolas que emprega son dun pequeno fabricante da Estrada, Apícola Cañedo, “que en caso de que non me poida abastecer todo o que preciso, coma co propóleo que é un elemento que as abellas producen moi pouco, facilítame contacto doutros emprendedores que cumpren cos requisitos que eu marco”.
A finalidade non é ter unha marca ecolóxica plenamente, aínda que os ingredientes naturais están todos certificados a maiores deles emprega produtos sintéticos “que son totalmente seguros e me achegan algo que os produtos naturais non me dan”. Miguel indica que natureza é química, “pero isto é algo que non encaixa na sociedade. Por iso busquei combinar estes dous conceptos, sen irme a unha crema plenamente sintética, e darlle moitas voltas aos produtos, xa que eu non introduzo os ingredientes sen máis, todos eles teñen un por qué e un para qué”.
Un laboratorio en crecemento
Para facer as investigacións, Miguel lé moitas investigacións científicas e fórmase continuamente. Ademáis da súa formación en Química conta cun máster en dermofarmacia e formulación cosmética. As probas dos produtos elabóraas no laboratorio que ten na súa vivenda e logo noutro externo fanlle as producións. Os extractos tamén os merca a uns laboratorios externos, pero actualmente encóntrase acondicionando un local na vivenda para facelos el mesmo. “Gustaríame poder darlle valor a outros produtos que temos na Estrada como é a mazá ou a castaña. Hai infinidade de posibilidades para valorizar, incluso os residuos que xeran os alimentos, como as mondas”. Afirma que de cara a un ano realizará investigacións para estudar que produtos lle encaixan para futuras cremas.
En canto ao laboratorio externo afirma que seguirá traballando así, xa que sería unha grande inversión ter que comprar toda a maquinaria para a súa baixa produción. “Aínda chegando a ter un volume moi alto, creo que seguirei así. Polo momento conto co meu laboratorio de i+D, aumentarei para obter os extractos eu mesmo e a parte de produción continuará externalizada”.
As farmacias, o punto de venda estrela
Miguel apunta que os seus produtos non poden competir coas grandes marcas, por iso precisa de vendedores que sexan prescriptores da súa firma e se involucren nas vendas. Ante isto, considera que as farmacias son o público obxectivo, “pola miña formación e polo xeito no que deseñei as cremas”. Aclara que nas tendas de cosmética Chorima quedaría diluída entre as outras marcas.
Nestes momentos xa conta con varios puntos de venda físico, ademais da web da firma www.chorima.es, e está en expansión xa que contará cun distribuidor que se encargará desta parte. “Ata o da agora era eu o home orquestra, que me encargaba dende as investigacións ata buscar os puntos de venda ou do márketing, pero con esta persoa xa deixarei algo de lado esta labor comercial”.
A pesares de ter nacido o 18 de xullo e levar poucos meses no mercado, este emprendedor afirma que as vendas xa foron altas; “moito de familiares e amizades, pero hai que dicir que algúns xa repetiron, entón quere dicir que lles gustou. Ademais, está ben ter este público porque así podo ter unha opinión positiva ou negativa e seguir mellorando”.
Crema con protección solar, o seguinte paso
Coa finalidade de ir medrando e de poder ofrecer máis variedade de produtos, Miguel indica que o seguinte paso será crear unha crema facial con protección solar. “Xa o valorara ao principio, pero desbotei a idea porque pensei que a xente non estaba tan concienciada, agora decátome de que si”. Ante isto, afirma que ten que ser un produto que poña a venda “si ou si”.
Así mesmo, aumentará a gama dos que actualmente están a venda e creará cremas para os diferentes tipos de peles. “Quixen evitar dirixirme a un público máis concreto, pero sei que é necesario ter cremas para peles máis novas, máis maduras, máis ou menos graxas etc.”. Con este obxectivo traballará nos vindeiros meses para nun ano ter no mercado novos produtos.