O proxecto Novaterra celebra outro evento en Galicia sobre a xestión integrada de pragas no viñedo

A xornada terá lugar o 9 de maio na adega Terras Gauda e busca reunir a agricultores, investigadores e empresas para abordar os desafíos crave na protección do viñedo


O proxecto europeo Novaterra levará a cabo unha segunda xornada baixo o título ‘Sementando cambios na xestión integrada de pragas para unha viticultura máis sustentable’. O encontro busca reunir a agricultores, investigadores e empresas nunha cita na que se abordarán os desafíos clave na protección do viñedo. O evento terá lugar o 9 de maio nas instalacións da adega Terras Gauda (O Rosal, Pontevedra) e é totalmente gratuíto.

Durante a xornada faranse demostracións no viñedo e presentacións técnicas a cargo de expertos, coas que se comunicarán os avances do proxecto, que chegará ao seu fin en setembro de 2024. Emilio Rodríguez Canas, director Enolóxico de Terras Gauda, ofrecerá unha visión detallada dos resultados obtidos nas parcelas de ensaio, mentres que Felipe Neves dos Santos, xerente do Laboratorio de Robótica e IoT para Agricultura e Silvicultura de Precisión Intelixente de INESC TEC, presentará o robot Modular-E e a súa aplicación en campo.

Durante os relatorios técnicos, Gonzalo Sancristán, profesor e investigador da área de Microbioloxía na Universidade de Burgos, explicará o emprego de cubertas vexetais en viñedos. A influencia destas cubertas na fauna auxiliar e o seu papel na protección contra pragas será o tema central da charla de José Alberto Pereira, profesor e coordinador do Centro de Investigación de Montaña no Instituto Politécnico de Bragança. Finalmente, a tecnoloxía Instinct – Optynite para a estabilización do nitróxeno será presentada por Raquel Abad, Científica de Campo e Investigadora en Corteva Agriscience.

Aínda que a inscrición é gratuíta, para asistir é necesario facer previa inscrición.

Que é Novaterra?
Trátase dun proxecto financiado pola Unión Europea a través do Programa Horizonte 2020 e que está formado por 19 socios de España, Portugal, Francia, Italia, Grecia e Bélxica, e FEUGA, que é a entidade responsable da organización dos eventos. Cun enfoque na viticultura e a olivicultura, dous alicerces fundamentais da paisaxe agrícola mediterránea, Novaterra proponse reducir o uso de produtos fitosanitarios e mitigar o seu impacto negativo na saúde humana e o medio ambiente.

A través desta iniciativa búscanse novas técnicas e produtos para unha xestión integrada de pragas máis sustentable, e tamén se aspira a influír nas políticas de sanidade vexetal na Unión Europea. Espérase que os achados deste proxecto teñan un impacto significativo na agricultura da rexión mediterránea, onde a viticultura e a olivicultura desempeñan un papel crucial na economía e a paisaxe cultural.

Comments are closed.