Pastoreo controlado e robots para controlar as cubertas vexetais de viñedos e oliveiras da Ribeira Sacra

O proxecto Agri - Rovenat combina diversos métodos para o control da vexetación en cultivos leñosos, cuxo mantemento permite previr a erosión

O Grupo Operativo levou a cabo un innovador enasio en varias parcelas de vide.

O ensaio do Grupo Operativo AGRI-ROVENAT, impulsado pola Fundación Xeral CSIC, avanza con éxito en parcelas de vide e oliveira autóctona en Quiroga (Lugo). O proxecto busca manter a biodiversidade e o tapiz vexetal mediante dous métodos: o pastoreo controlado de ovellas con aversión inducida aos cultivos e o uso dun robot segadora teledirixido, desenvolvido por Millasur.

Estes métodos axudan a conservar a cuberta vexetal e a previr a erosión do solo, un problema común en zonas con pendente como a Ribeira Sacra. A experiencia lévase a cabo en terreos da empresa Ouro de Quiroga.

Carmen Martínez, directora do Grupo VIOR e coordinadora científica do proxecto, explicou que se compararán as vantaxes e desvantaxes de ambos métodos en oliveiral e viñedo galego. A aversión inducida permite que as ovellas só consuman a flora do chan sen danar os cultivos, garantindo o seu benestar e saúde.

Este método foi desenvolvido pola Universidade Autónoma de Barcelona. Tamén se estudará proximamente a calidade do leite destas ovellas para analizar posibles melloras na súa composición e sabor debido ao tipo de pastoreo.

O proxecto ten dous obxectivos principais: desenvolver métodos de manexo do cultivo sostibles e respectuosos co entorno e impulsar a recuperación de variedades de oliveira autóctona galega.

As propostas enmárcanse na economía circular, buscando ser eficaces e rendibles para os agricultores, ademais de fomentar o emprendemento sostible e dinamizar o medio rural galego mediante a produción de aceite de oliva autóctono.

Un exemplo é Ouro de Quiroga, unha pemes da Ribeira Sacra que aposta pola sustentabilidade, a innovación e a recuperación de tradicións locais, cultivando variedades autóctonas como a Brava Galega e a Mansa Galega para elaborar aceite de oliva virxe extra.

O Grupo Operativo AGRI-ROVENAT está cofinanciado pola Unión Europea e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Está liderado pola Fundación Xeral CSIC e impulsado polo grupo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).

Participan, ademais, o grupo Dairy Safe do Instituto de Produtos Lácteos de Asturias (CSIC), a Fundación Laboral Santa Bárbara (FUSBA) e as empresas Ovejas y Corderos e Millasur.

Aromas del Narcea e Ouro de Quiroga colaboran en varias fases do proxecto, baixo a coordinación administrativa de artica+i e a xestión da comunicación por Sánchez Pardo Comunicación. O custo total é de 615.375,45 €, dos cales 598.225,45 € foron subvencionados, cun 80% procedente de fondos FEADER.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *