GenoDrawing, intelixencia artificial para predecir os trazos das mazás
Con Intelixencia Artificial, predí a forma das mazás a partir de determinados marcadores xenéticos
Un equipo de investigadores desenvolveu a ferramenta GenoDrawing, baseada en Intelixencia Artificial para predicir trazos complexos en plantas. Este sistema utiliza autocoodificadores e enfoques deep learning para predicir imaxes de mazás a partir de marcadores xenéticos (polimorfismos de nucleótido único).
O estudo abre novas perspectivas para a mellora vexetal e introduce unha nova metodoloxía que predi os trazos físicos dunha variedade de mazá a partir da súa información xenética, xerando imaxes que se asemellan á realidade. Os resultados da investigación determinan que GenoDrawing é capaz de predicir a forma das mazás e reproducila en imaxes baseándose unicamente na información xenética procedente dos marcadores SNP cun alto grao de precisión.
Os integrantes do estudo, dirixidos pola investigadora do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA) María José Aranzana, subliñan que a potencia de GenoDrawing reside na utilización da IA. Aranzana confía na potencia da ferramenta: “Cremos que esta ferramenta podería ter unha ampla gama de aplicacións, non só no cultivo de plantas e a agricultura, senón tamén en diferentes campos da investigación científica e esperamos explorar o seu potencial en futuras investigacións”.
Unha das vantaxes desta ferramenta é que se pode utilizar para predicir un trazo complexo captado a través de imaxes, como a forma, e co potencial de predicir outras características, como a cor do froito, a morfoloxía ou a arquitectura da planta, en estudos posteriores. Os investigadores poden prever rápida e facilmente os trazos das plantas baseándose no seu ADN sen necesidade de cultivalas ou sen esperar a que estas teñan froitos, polo que derivaría en programas de mellora máis eficientes e eficaces.