Que beneficios aportan os bioestimulantes de algas en cultivos de horta e viña?

O grupo operativo Bio_ Marterra está a desenvolver bioestimulantes de algas mariñas cos que conseguir plantas máis sas e resistentes a enfermidades como Mildio e Botrite e maximizar o potencial do cultivo en horta


A achega de algas aos cultivos agrícolas é unha práctica histórica en zonas costeiras de Galicia na que se fixou o grupo operativo galego Bio_Marterra, que busca demostrar o efecto beneficioso dos bioestimulantes elaborados con algas mariñas nos cultivos. En concreto, están a probar o efecto que as algas poden ter en plantas sometidas a estrés abiótico (altas temperaturas, seca e salinidade) e biótico (ataques de fungos patóxenos).

Así, en apenas 7 meses e como continuidade a un proxecto previo, no marco do grupo operativo Bio_ Marterra están a elaborar os bioestimulantes a escala piloto acordes á normativa europea actual, tamén se fixeron ensaios sobre a produción tanto en agricultura convencional como ecolóxica e están a avaliar o efecto funxicida das algas en viñedos, á vez que realizan ensaios sobre a produción.

Os socios

O grupo operativo está integrado por grupos de investigación, unha empresa especializada na produción de algas, así como agricultores.

En concreto, participan a Unidade de Xestión de residuos e fertilización do grupo Agronomía da USC, que traballa desde hai máis de 25 anos na valorización de residuos de agricultura, a obtención de novos fertilizantes, emendas e substratos de cultivo. Outro dos socios é o grupo de investigación VIOR, da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, que ten ampla experiencia no comportamento agronómico e o efecto de determinados manexos de cultivo na calidade da uva e a resistencia a enfermidades fúnxicas.

A empresa Porto-Muíños SL, especializada na recolección, cultivo, procesado e elaboración de produtos para a alimentación humana a base de algas mariñas, encárgase da elaboración dos bioestimulantes.

O produtor de pataca na comarca da Limia, Avelino Santana e Horta da Lousa, empresa coruñesa con experiencia en cultivo ecolóxico de horta, están a colaborar coas probas dos bioestimulantes nos seus cultivos.

O grupo operativo conta ademais coa colaboración do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e integra á Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), con máis de 40 anos de experiencia transferindo coñecemento.

Bioestimulantes a base de algas

Os investigadores do grupo Bio-Marterra apuntan que os bioestimulantes a partir das algas melloran o crecemento da parte aérea da planta, incrementan a superficie foliar e a actividade fotosintética, así como a calidade dos froitos, xa que conteñen fitohormonas importantes para o desenvolvemento das plantas.

Ademais, as algas melloran a saúde do solo, xa que contribúen á actividade microbiolóxica e teñen efectos sobre a mellor retención de auga e aireación do solo, polo que tamén propician o crecemento radicular da planta.

“As macroalgas mariñas son seres extraordinarios pola súa capacidade de resiliencia e con compostos moi específicos que podemos utilizar en terra como bioestimulantes”: Elvira López, investigadora da USC

“As macroalgas mariñas son seres extraordinarios pola súa capacidade de resiliencia que ademais teñen unha serie de compostos moi específicos, que non teñen as plantas terrestres e que podemos utilizar en terra como bioestimulantes”, explica Elvira López, do grupo Agronomía da USC.

A empresa Porto-Muíños, con 26 anos de experiencia en algas mariñas da costa galega, está a encargarse da obtención dos bioestimulantes. Están a elaborar os protocolos de produción a escala piloto dos extractos de algas cumprindo coa lexislación vixente en canto ao método de elaboración, as especies de algas mariñas autorizadas e o contido mínimo en determinados composto. “Nestes meses avanzamos moito no escalado, o control de calidade e a produción destes bioestimulantes”, apunta Manuela Buján, da empresa Porto-Muíños.

Primeiros ensaios en laboratorio

Boa parte dos bioestimulantes elaboráronse a base de extractos de algas de Ascophyllum nodosum L. “Estas algas son moi ricas en Potasio e Xofre. Ademais teñen todo tipo de nutrientes, tanto macros como micronutrientes”, explica López.

Nas primeiras probas realizadas en laboratorio sobre a xerminación de berro en placas de Petri e sen condicións de estrés, o uso de bioestimulantes xera un crecemento total tanto de talo e raíz do 120%, cunha mínima achega de 0,075 mililitros por litro. Trátase dun ensaio realizado en 72 horas nas que se traballa cunhas mostras de 30 sementes e mídese a lonxitude total, o talo e a raíz.

Se se engaden condicións de estrés por salinidade (200mm de NaCl) tamén se aprecia un importante desenvolvemento. Así, cunha achega de 1,25 mililitros por litro apréciase un crecemento total do 81%.

Os bioestimulantes tamén ofrecen resultados interesantes fronte a estrés por calor (35 graos) cunha achega de 0,75 mililitros por litro conséguese un aumento do crecemento total do 28%. Cando este estrés é por seca do 15%, coa dose dun mililitro por litro conséguese un crecemento do 54%. “Na xerminación de sementes, este bioestimulante funcionou moi ben”, valora López.

Tamén baseado en Ascophyllum nodosum probaron a eficacia dun bioestimulante nun ensaio con col chinesa en maceta. En condicións sen estrés, ao achegar este bioestimulante conséguese un crecemento do 30%, coa rega diaria.

Ademais fixeron ensaios de crecemento de plántula dunha variedade comercial de leituga. Neste caso, a achega do bioestimulante sen condicións de estrés non supuxo diferenza sobre o peso unitario de cada leituga. Con todo, cando esas plantas padecen un estrés de salinidade, coa achega do bioestimulante conséguese un crecemento do 86% da parte aérea e do 24% da raíz.

“Cando a planta está sometida a algún tipo de estrés, o seu crecemento é menor e co bioestimulante conséguese un maior desenvolvemento”: Elvira López, investigadora

Outros dos ensaios en produción realizáronse con plántula de leituga Feáns, un ecotipo local. Neste caso ademais do bioestimulante a base de Ascophyllum tamén probaron outro bioestimulante a base dunha mestura de algas. Someteron ás plantas a un estrés por falta de luz, con 3.500 lux e o bioestimulante achegouse mediante rega por inmersión ou cunha achega foliar. Os mellores resultados obtivéronos as plantas que recibiron o bioestimulante realizado a base dunha mestura de algas e que foron regados por inmersión. Esas plantas experimentaron un crecemento total dun 40% máis. “Cando a planta está sometida a algún tipo de estrés, o seu crecemento é menor e co bioestimulante conséguese un maior desenvolvemento”, matiza.

Traballos en viñedo

Están a estudar os efectos dos bioestimulantes sobre as enfermidades fúnxicas de Mildio e Botrite, tanto en viñedo como en laboratorio, un seguimento que realiza o grupo VIOR. Por agora están centrados no Mildiu, xa que a incidencia de Botrite localízase tras o envero e os traballos en campo sobre este patóxeno realizaranse en setembro e outubro.

Para este proxecto decidiron estudar unha variedade branca (Albariño) e tinta (Mencía), xa que son as variedades máis estendidas en Galicia e en zonas limítrofes. “Escollemos unha variedade branca e outra tinta porque hai unha gran diferenza entre os seus ciclos vexetativos”, explica Carmen Martínez, investigadora principal do VIOR.

Polo momento, recolleron madeira de poda en xaneiro que conservaron en frio ata a primavera. Induciron a brotación e enraizado en cámara de cultivo e realizaron pulverizacións en campo durante a brotación e o tras o callado. Teñen pendente realizar outra aplicación en agosto, tras o envero. Agora, seguirán a súa evolución en folla e acios.

“Buscamos saber se este bioestimulante activa os mecanismos de defensa da planta fronte a estes patóxenos”: Carmen Martínez, investigadora do VIOR.

Polo momento, os primeiros datos recollidos non mostran efectos significativos dos bioestimulantes como funxicida, aínda que neste mes de maio non había nin moito inoculo nin síntomas da presenza de mildio, xa que as condicións climáticas non foron as adecuadas para o desenvolvemento do fungo. “Buscamos saber se este bioestimulante activa os mecanismos de defensa da planta fronte a estes patóxenos”, explica Martínez.

Tamén están a analizar os efectos dos biestimulantes sobre a produción, comprobando o vigor da planta, así como parámetros agronómicos de calidade como os quilos por uva ou o tamaño e peso dos acios. “Tras a aplicación do bioestimulante en maio, realízase un seguimento do cultivo ao longo do ciclo vexetativo, tamaño de follas/ pámpanos. Agora en xullo comprobaremos o crecemento foliar das plantas”, explica.

Ensaios en cultivos de pataca, leituga, pemento e tomate

Outro dos eixos do grupo operativo céntrase en comprobar os efectos dos biestimulantes en cultivos de horta, para iso contan coa colaboración do CIAM, así como de varios agricultores. No CIAM están a levar a cabo probas en cultivos de leituga, pemento de Oimbra e tomate negro de Santiago, todos cultivados en invernadoiro. “Elixiuse estes cultivos e variedades xa que os coñecemos moi ben e resulta máis doado ver as diferenzas que poden producirse”, explica Alfredo Taboada Arias, responsable do grupo de horta no CIAM.

No caso da leituga, cuxo estudo se realizou xa desde febreiro, o uso dos bioestimulantes non mostrou efectos significativos no peso e a produción comercial tras a aplicación de dous tratamentos e aplicados dúas veces. “O ensaio repetirase a principios do outono e o inverno, xa que a climatoloxía non axudou demasiado e febreiro tampouco é a época de cultivo máis axeitada para esta variedade”, apunta Taboada.

Aplicarán o bioestimulante seguindo un calendario, coma se fose un abonado, para comprobar de forma sinxela as variacións

Tamén van proceder a aplicar o bioestimulante seguindo un calendario, coma se fose un abonado, en lugar de aplicalo en fases concretas do crecemento, xa que lles permitirá de forma sinxela comprobar as variacións que se produzan.

Os bioestimulantes están a probarse tamén en plantacións de pataca en convencional e en ecolóxico da Limia. Para iso contan coa colaboración do agricultor Avelino Santana. Neste cultivo ademais de comprobar as variacións na produción, avalían a resposta da planta ao mildiu tras usar o bioestimulante.

O ensaio na plantación de pataca convencional faise con plantas da variedade Agria, onde delimitaron 8 parcelas de 6×10 metros nas que se aplica un dos bioestimulantes a doses de 1 centímetro cúbico por litro. O primeiro tratamento fíxose o 30 de maio e os dous restantes realízanse cada 20 días. Precisamente neste ensaios observouse que cando o calor é intenso as follas das plantas están máis tersas nas parcelas nas que se aplicou o extracto de algas.

Doutra banda, contan cunha parcela de pataca ecolóxica da variedade Kennebec. Neste caso delimitaron 12 parcelas de 60 metros cadrados e nelas aplícase outro bioestimulante e un composto con posible efecto antimildiu. Esta primeira aplicación estaba prevista que se realizase a comezos de xullo cunha dose de 1 centímetro cúbico por litro de caldo, xa que se sementou máis tarde.

Nos ensaios en horta tamén participa a empresa Horta da Lousa con probas nas súas plantacións ecolóxicas de tomate e leituga, aínda que as choivas desta primavera atrasaron o cultivo e polo momento non teñen datos significativos sobre a incidencia dos bioestimulantes.

Financiamento

O grupo operativo Bio_ Marterra dispón dun orzamento total de 179.634,83 euros e está financiado polas axudas da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), con fondos propios da Xunta de Galicia (14%) e con fondos do Ministerio de Agricultura (6%).

Comments are closed.