Un estudo no que participa a USC revela como o cultivo de millo aumenta as precipitacións
Unha investigación publicada na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS) demostra que o cultivo a grande escala de millo no chamado Cinto do Millo dos Estados Unidos, que abarca ata trece estados do medio oeste e sur do país, incrementa significativamente as precipitacións na rexión.
O estudo, titulado ‘US Corn Belt enhances regional precipitation recycling’, conta coa participación de Gonzalo Míguez Macho, profesor da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela, xunto con expertos estadounidenses e chineses.
Segundo explica Míguez Macho, esta rexión caracterizase por un clima continental onde as maiores chuvias se producen na estación cálida, primaveira-verán, coincidindo co período de crecemento das plantas. “A chuvia desa época é frecuentemente en forma de tormentas convectivas, ás veces moi intensas”, sinala.
A investigación revela que os cultivos, especialmente de millo irrigado, xeran un aumento significativo da evaporación e transpiración, incrementando o fluxo de vapor de auga cara á atmosfera, o que se traduce nun maior volume de precipitación.
“Hai un crecemento do que se chama a ‘taxa de reciclaxe’, é dicir, da parte da chuvia que provén da evaporación da rexión na que cae”, engade o investigador, que tamén indica como “o aumento na chuvia é atribuído a un significativo incremento da proporción de reciclaxe da precipitación desde 14 a 18%”, especialmente en anos secos.
O estudo tamén destaca a relevancia da hidroloxía subterránea e da xestión agrícola no ciclo da auga desta rexión, sinalando “implicacións moi importantes para as predicións climáticas rexionais e para a seguridade alimentaria e hidrolóxica”.