Universidade de Vigo e EnergyLab investigarán o efecto dos bioplásticos e polímeros sintéticos nos solos e nas augas

A Universidade de Vigo e EnergyLab desenvolven o proxecto Polbio, no que se centran nas características fisicoquímicas do proceso e o potencial efecto tóxico en solos e augas

A comunidade científica leva anos centrando os seus esforzos en buscar produtos alternativos, como os biopolímeros ou plásticos biodegradables, para facer fronte ao gran problema ambiental que supoñen as toneladas de plásticos que están no medio mariño e terrestre.

Neste sentido, Grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo (UVigo) en colaboración co centro EnergyLab crearon o proxecto Polbio, unha iniciativa que foi seleccionada dentro da convocatoria de Proyectos Estratégicos Orientados a la Transición Ecológica y a la Transición Digita do Ministerio de Ciencia e Innovación.

O obxectivo final de Polbio é incrementar o coñecemento existente sobre as características fisicoquímicas do proceso de degradación de bioplásticos e polímeros sintéticos, sobre o potencial efecto tóxico dos materiais e sobre o impacto que poidan ocasionar en ambientes terrestres e acuáticos. Ademais, tamén se busca determinar cales son as condicións máis apropiadas para a degradación destes plásticos a nivel industrial, nas plantas de tratamento de residuos que inclúan procesos aerobios ou anaerobios e, ao tempo, achegar información útil e innovadora aos xestores de tratamento de residuos, de modo que poidan desenvolver e optimizar os protocolos de traballo.

O proxecto botou a andar en decembro do ano pasado e ten por diante outros doce meses de traballo. Recentemente, os investigadores da Área de Zooloxía do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Salustiano Mato, Iria Villar e David Gutiérrez, xunto coa responsable da área de Bioenerxía de EnergyLab, Mónica Figueroa, amosaron os primeiros resultados obtidos.

En palabras de Salustiano Mato: “O obxectivo é aproximarnos á problemática dos microplásticos convencionais e, sobre todo, dos biopolímeros, chamados a substituír os plásticos sintéticos”. O catedrático resalta que a substitución dos plásticos sintéticos por biopolímeros é unha tendencia crecente, “pero dende o punto de vista científico temos que garantir que os biopolímeros que se poñen no mercado son de verdade inocuos e biodegradables e debemos constatar que ese proceso de biodegradación non afecta ao medio natural de ningunha maneira”.

Primeiros resultados obtidos

Céntranse nas características fisicoquímicas do proceso e no potencial efecto tóxico dos materiais

O proxecto está dividido en dous bloques, o primeiro, desenvolvido polos investigadores da UVigo, céntrase en determinar a biodegradabilidade dos polímeros e bioplásticos tanto no medio acuático continental como no medio terrestre, así como no estudo da trazabilidade de microplásticos na cadea trófica e na avaliación dos efectos ecotoxicolóxicos en organismos diana. O segundo bloque, da man de EnergyLab, analiza o destino dos bioplásticos vía dixestión anaerobia para produción de biogás.

No ámbito terrestre, Villar incidiu en que o solo “non é só un sumidoiro de microplásticos e de plásticos, senón que tamén é unha vía de entrada destes contaminantes ao medio acuático, tanto de auga doce como mariña”. Para analizar o impacto destes residuos no ecosistema, os investigadores están a realizar estudos para determinar a taxa de biodegrabilidade destes compostos nos chans, con experimentos tanto no laboratorio como no medio natural, empregando como material de ensaio bolsas film fabricadas cos bioplásticos PLA e PHB e con polipropileno, no caso de plástico convencional.

Os primeiros datos obtidos en laboratorio amosan que, tras 42 días de proceso, “tanto o PLA como o polipropileno amosaron un comportamento moi similar, mentres que o PHB consumiu máis osíxeno no proceso e polo tanto ten unha taxa de biodegrabilidade máis alta”. En solos naturais, tras tres meses na terra, os investigadores puideron comprobar que “o PHB ten unha gran fragmentación e unha maior biodegradación en comparación cos outros dous compostos, cuxa estrutura física era moi semellante á inicial”.

En canto ao medio acuático, David Gutiérrez presentou algúns dos avances obtidos. No que atinxe, por exemplo, ao impacto dos microplásticos na cadea trófica, o investigador explicou que se seleccionaron varias especies para o seu estudo. Esta parte do estudo está aínda en desenvolvemento. Outra das liñas de traballo é a análise da distribución dos microplásticos nos ambientes acuáticos e, para isto, elixiuse como lugar de estudo o río Louro, un dos principais afluentes do Miño.


Os investigadores recollen mostras no río Louro

O equipo está a realizar mostraxes cada 45 días en cinco puntos diferentes do curso do río co obxectivo de coñecer a porcentaxe de microplásticos na columna de auga e nos sedimentos para poder determinar que factores inflúen “nunha maior ou menor concentración destes compostos, dende factores climáticos ata a densidade poboacional ou os usos do solo”, factor este último que os investigadores consideran que pode ser máis o determinante.

Unha vez finalizado o estudo, poderán estimar que cantidade de plásticos medida en Kg pode chegar a ser transportada por un río destas características ao longo dun ano.

Comments are closed.