AlProSos, un proxecto internacional liderado dende Galicia, que busca potenciar os alimentos rexionais ricos en proteínas
A Rede Iberoamericana, da que forma parte o Centro Tecnolóxico da Carne, traballará tamén aspectos regulatorios, nutricionais, de seguridade alimentaria ou de métodos sustentables de procesado, purificación e funcionalización
Coa finalidade de dar resposta á crecente demanda da sociedade por obter produtos rexionais, de alta calidade e sustentables, xurdiu a idea da Rede de Alimentos Ricos en Proteínas Rexionais Sustentables (AlProSos). Esta Rede está liderada polo grupo de investigación do Centro Tecnolóxico da Carne (Ourense).
Desde a entidade galega, o investigador Jose Manuel Lorenzo describe que o consumidor é cada vez máis consciente do binomio dieta-saúde, e que a súa alimentación xoga un papel fundamental tanto na súa saúde como no seu benestar. Doutra banda, a investigación a nivel mundial céntrase en atopar novas fontes proteicas que poidan ser empregadas na alimentación, que presenten boas características nutricionais, tecnofuncionais e sensoriais, para poder enriquecer ou desenvolver novos alimentos.
Con estas premisas, nace a idea de crear unha Rede Iberoamericana que poida axuntar forzas, e traballar de modo conxunto tanto na identificación como na caracterización e uso de fontes proteicas rexionais dun modo eficaz. “A rexión Iberoamericana está composta por moitos países con peculiaridades, costumes e climatoloxía totalmente variada, o que permite que se dispoña de innumerables fontes rexionais de proteínas, que, a pesar de ser consumidas localmente, non están o suficientemente explotadas e valorizadas, ben por cultura, ben por aspectos regulatorios”, detalla.
A identificación, caracterización, funcionalización e procesado sustentable de novas fontes de proteínas propúxose como a única solución ao aumento da demanda
Así, o feito de combinar os coñecementos, as fontes e os recursos de todos os grupos de investigación e empresas involucradas na Rede vai supor un avance conxunto sobre a valorización, tratamento, procesado e uso das proteínas rexionais, promovendo a economía de proximidade cun impacto mínimo sobre o ambiente.
Relevancia do proxecto no contexto actual
Segundo un informe recente da FAO, prevese que a poboación supere os 10.400 millóns de persoas no ano 2100. “Este aumento da poboación mundial é unha preocupación importante, xa que as capacidades actuais de produción de alimentos loitan por satisfacer a crecente demanda de proteínas, e prevense deficiencias á hora de producir proteínas, o que intensificará máis aínda a presión na cadea alimentaria”, incide.
Así, a identificación, caracterización, funcionalización e procesado sustentable de novas fontes de proteínas propúxose como a única opción e solución para abordar dun modo eficaz este aumento da demanda, aínda que isto non deixa de presentar tamén un desafío. AlProSos pretende xogar un papel importante a nivel internacional, xa que está centrada en abordar todos aqueles aspectos que poidan afectar á comercialización de novas fontes proteicas, incluíndo aspectos regulatorios, nutricionais, de seguridade alimentaria ou de métodos sustentables de procesado, purificación e funcionalización.
Desenvolvemento das investigacións
Nesta etapa inicial da Rede están a organizarse e creando os diferentes grupos de traballo. Os responsables de cada un deles van xestionar as relacións entre as diferentes institucións que compoñen cada grupo de traballo, así como as que involucren diferentes grupos de traballo.
Tanto as actividades como as tarefas serán definidas no próximo mes. Ademais, os resultados prevense que vaian avanzando a medida que tamén avancen as actividades, e identifíquense e caractericen fontes proteicas, que poidan ser procesadas e incorporadas a novos alimentos. ?Prevese xa neste ano o intercambio de investigadores entre diferentes institucións que permita a capacitación en funcións ou técnicas que non teñan desenvolvidas. Isto é un resultado ?intangible? pero fundamental, xa que asegura que o persoal formado e capacitado por grupos consolidados poida executar e aplicar os coñecementos adquiridos na súa institución, o que permite un avance nas tarefas tanto de AlProSos, como calquera outra relacionada coa temática?, subliña o investigador.
Traballar con materias primas económicas e facilmente accesibles aos grupos da Rede é fundamental para o desenvolvemento das actividades
Nestes momentos, iniciarán a valoración de varias fontes proteicas rexionais, que serán caracterizadas e analizadas para poder ser incorporadas a alimentos. Con todo, nesta primeira fase, os diferentes grupos participantes proporán as fontes proteicas que consideren máis apropiadas, así como as actividades ou necesidades que detectasen para poder valorizarlas dun modo sustentable e eficaz.
“Evidentemente a Rede está a comezar, e quédanos un longo camiño por percorrer ata a súa finalización, polo que as actividades poderanse amoldar e modificar en función das necesidades que se detecten a medida que se vaia avanzando nas tarefas”, aclara Lorenzo.
Obxectivos do proxecto
O obxectivo xeral é consolidar unha rede Iberoamericana permanente e multidisciplinar para a produción, selección, purificación e funcionalización de proteínas alternativas obtidas de fontes tradicionais e rexionais para o desenvolvemento de prototipos de alimentos sustentables e de alta calidade nutricional. Nesta Rede, búscase desenvolver e optimizar métodos de produción, recolección, purificación e almacenamento de proteínas a partir de diferentes fontes rexionais tendo en conta factores económicos, sanitarios e de sustentabilidade.
Catalizarán o descubrimento ou desenvolvemento de novas ideas ou solucións adaptadas ás especificidades de cada rexión
Desta maneira diminuirase a dependencia doutras fontes proteicas, aumentando a competitividade dos produtores e empresas, pondo en valor as materias primas rexionais. Á súa vez, “traballar con materias primas económicas e facilmente accesibles aos grupos da Rede é fundamental para o desenvolvemento das actividades, promovendo a economía circular, de proximidade e minimizando o impacto sobre o medio ambiente”. As tecnoloxías emerxentes e modelos de procesado eficaces “son importantes para aumentar os rendementos e mellorar a calidade tecnolóxica e nutricional das proteínas”.
A maiores, e como obxectivo transversal, “cada socio achegará os seus coñecementos que se transferirán aos outros grupos da Rede co fin de catalizar o descubrimento ou desenvolvemento de novas ideas ou solucións adaptadas ás especificidades de cada rexión”. Realizaranse intercambios e estancias que propicien a formación e capacitación de grupos emerxentes.
A función do Centro Tecnolóxico da Carne
O grupo de investigación do Centro Tecnolóxico da Carne é o coordinador da Rede. Por tanto, o seu papel en AlProSos é, como outras institucións, pór a disposición da devandita Rede a infraestrutura, coñecementos, material humano ou todo aquilo que sexa necesario para a consecución das actividades e obxectivos da Rede.
Lorenzo recalca que teñen “experiencia na participación e coordinación de redes internacionais, xa que previamente tamén coordinamos outra rede CYTED, o que sen dúbida é un punto de partida importante ao coñecer de primeira man as principais tarefas, actividades, así como a coordinación dentro de ditas redes”.

José Manuel Lorenzo, investigador do Centro Tecnolóxico da Carne.
Ademais desta entidade, a nivel estatal hai 8 empresas e 3 grupos de investigación, nos cales está a ‘Universidade Miguel Hernández’ de Orihuela, liderado por Juana Fernández, o ‘Consello Superior de Investigacións Científicas’ de Madrid, liderado por Isidra Recio e o do Centro Tecnolóxico da Carne.
Financiamento do proxecto
AlProSos conta con financiamento de CYTED durante 4 anos, comprendendo dende xaneiro de 2025 ata decembro de 2028. Con todo, isto non significa que a Rede estea activa unicamente nestes 4 anos. De feito, un dos logros que se pretenden conseguir é a continuidade da Rede máis aló do financiamento CYTED, e que manteña a cooperación entre os diferentes grupos, mesmo aumentar os grupos e as empresas que integren AlProSos.