Horizonte Agro 2026: Innovación colaborativa no campo galego

O Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) en San Cibrao das Viñas (Ourense) acolleu o pasado 28 de maio a xornada "Horizonte Agro 2026: Innovación no Territorio", un evento coorganizado pola Fundación Empresa Universidad Galega (Feuga) no que se presentaron os resultados de cinco Grupos Operativos (GO) financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

O encontro, que reuniu a investigadores, empresas e profesionais do sector, serviu para amosar como a colaboración e a innovación aplicada están a transformar os desafíos do rural galego en oportunidades reais de mercado, cun claro foco na economía circular, a sostibilidade e a posta en valor de recursos locais.

Unha aposta pola innovación colaborativa

A xornada comezou coas palabras de benvida do Dr. Miguel Fernández Rodríguez, director-xerente do CTC, quen explicou que o centro actuou como anfitrión para presentar os resultados provisionais de cinco grupos operativos centrados no desenvolvemento de novos produtos a partir de materias primas galegas. Catro dos proxectos arrincaron no 2023 e un no 2024, e rematarán previsiblemente a finais de 2026.

Feuga asumiu a coordinación e organización da xornada, actuando como axente de innovación: achegou o seu coñecemento técnico aos consorcios, xestionou a divulgación dos resultados e garantiu o correcto desenvolvemento do evento. Pola súa banda, o CTC participou nalgúns dos proxectos en calidade de socio técnico. O investigador e responsable do departamento de producións agroalimentarias, medio ambiente e territorio do CTC, Lucio García, exerceu como moderador da mesa de presentacións.

Estes proxectos están cofinanciados nun 80% polo FEADER, cun 14% aportado pola Xunta de Galicia (a través de AGACAL) e un 6% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Proxecto GOTRISA Europa: Trigo sarraceno ecolóxico e sen glute

A primeira ponencia correu a cargo de Marisol López (Esteo Innova), quen explicou o traballo do GO Gotrisa Europa. O proxecto demostrou a viabilidade do cultivo de trigo sarraceno ecolóxico en Galicia, identificando a variedade “Liexa” como a de mellor adaptación. A partir deste pseudocereal, desenvolvéronse produtos innovadores sen glute, como masas de pizza e regañás, cun perfil nutricional mellorado (alto contido en proteína e fibra), pechando así a brecha entre a produción primaria sostible e a industria alimentaria.

Xornada Horizonte AGRO 2026 - Campo Galego-04

Proxecto Sueroval: Unha segunda vida para o soro lácteo

Adrián Prol Nogueira (Feuga) presentou o GO Sueroval, que ten como obxectivo revalorizar o soro lácteo, o principal subproduto da industria queixeira que representa un desafío xestional para os pequenos produtores debido ao seu alto contido orgánico, transformándoo nun ingrediente natural de alto valor engadido. O proxecto, no que colaboran Queixos Castelos, Trasdeza Natur, Amarelante, a Fundación Empresa Universidad Galega (Feuga), o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), buscaba empregar un deshidratador solar de dobre tapa, de pegada de carbono case nula, para obter un po proteico a partir do soro, combinalo con fariña de castaña (outro recurso local infravalorado) e crear unha gama de barritas funcionais, copos e snacks.

Xornada Horizonte AGRO 2026 - Campo Galego-09

O consorcio logrou caracterizar nutricionalmente o soro e realizar probas piloto exitosas nun deshidratador modificado en Trasdeza. Durante o proceso, detectouse que as condicións climáticas de Pedrafita (alta montaña) esixían optimizacións adicionais para acadar a eficiencia desexada, o que levou ao equipo a explorar diferentes melloras técnicas e tecnoloxías alternativas para adaptar a solución ás necesidades reais da queixería. O proxecto segue activo nesta liña de optimización, demostrando que a innovación é un proceso dinámico no que os axustes e a aprendizaxe forman parte do camiño cara a resultados aplicables.

Proxecto Bueyloñesa: Poñendo en valor os cortes secundarios do buey

Flavio Morganti (Auxilium Coquina) explicou o traballo do GO Bueyloñesa, que busca recuperar a tradición de aproveitar todas as partes da canal do buey galego, máis aló dos cortes nobres (solomillo, entrecote). Desenvolvéronse 11 produtos innovadores, como salsas boloñesas con garantía de carne 100% buey, patés, fondos, caldos e recheos para empanadas. O proxecto conseguiu así un rendemento do despiece do 97%, ofrecendo novas saídas comerciais a cortes infrautilizados e xerando un valor diferencial para os produtores.

Proxecto Guiprogal: Recuperando o guisante proteaxinoso autóctono

Ana María González Fernández (Misión Biolóxica de Galicia) presentou o GO Guiprogal, un proxecto que nace para reducir a dependencia exterior de proteína vexetal (como a soia) mediante a recuperación de variedades tradicionais de guisante proteaxinoso adaptadas a Galicia.

Xornada Horizonte AGRO 2026 - Campo Galego-14

Das variedades analizadas nunha rede de parcelas, seleccionáronse dúas: a variedade 127, para alimentación animal, que permitiu formular pensos nos que se substituíu totalmente a soia; e a variedade 277, para consumo humano, bautizada como “Chicharo da cova” (orixinaria de Sarria), que destaca polo seu 24% de proteína, un excelente perfil mineral (ferro, cinc) e a súa versatilidade culinaria como “guisante cocheiro”, ideal tanto en verde como en seco.

Os pensos experimentais con vacún non só mantiveron a produción, senón que melloraron a calidade da carne, incrementando os ácidos graxos insaturados (especialmente o oleico) e achegando a relación omega-6/omega-3 aos niveis recomendados pola FAO. Desenvolveuse tamén un humus de guisante para alimentación humana, validado con éxito.

Proxecto Ecoproveg: Patés e láminas de horta sen desperdicio

Rosendo Estévez (Trasdeza Natur) pechou as presentacións co GO Ecoproveg, o máis modesto en orzamento pero non en resultados. Partindo de excedentes de produción ecolóxica (fresas pequenas, hortalizas “feas”), desenvolveron patés vexetais (de tomate, cabaza, berenxena) e láminas deshidratadas (de tomate e fresa xa comercializadas). Unha parte importante do proxecto foi crear emprego local e acadar unha filosofía de “desperdicio cero”, onde ata os sépalos da fresa se usan como compost.

Xornada Horizonte AGRO 2026 - Campo Galego-18

O valor de innovar e transferir

A xornada foi clausurada por Martín Aliparte Vidal, director de AGACAL, quen salientou que Galicia innova e que a transferencia de coñecemento á sociedade é obrigatoria para que os proxectos non queden nun laboratorio e se convertan en solucións reais para o territorio. Recordou que no actual período de programación se aprobaron 44 proxectos FEADER cun investimento de 6,4 millóns de euros, e fixo unha reflexión sobre o uso eficiente dos fondos: o importante non é acumular números, senón innovar e ter un impacto real, tal e como exemplificaron os casos expostos durante a xornada.

Xornada Horizonte AGRO 2026 - Campo Galego-4

Finalmente, puxo en valor o traballo de Feuga na organización e coordinación do evento, así como o papel do CTC como anfitrión e interlocutor entre o sector produtivo e o coñecemento, lembrando que o futuro do agrogalego non pasa por competir en volume, senón pola diferenciación baseada na calidade, a identidade propia e, sobre todo, a innovación.

Xornada Horizonte AGRO 2026 - Campo Galego-7

A xornada rematou cun showroom de innovación e cata-degustación onde os asistentes puideron probar e avaliar os froitos destes traballos: mini-hamburguesa con lámina de tomate, hummus de guisante, pizza de trigo sarraceno, empanada de buey, barrita proteica de soro de leite e postre con lámina de fresa.

Xornada Horizonte AGRO 2026 - Campo Galego-10

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *