Premios da Cátedra do Pan a investigacións innovadoras
María Nerea Fernández Canto é a gañadora do primeiro premio polo seu traballo enfocado nun sistema que garanta a orixe das fariñas autóctonas de Galicia
A Cátedra do Pan e do Cereal da USC premiou unha investigación enfocada nun sistema que asegure a trazabilidade das fariñas que se empregan na elaboración do pan protexido pola Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Este sistema está sustentado no emprego de marcadores moleculares e técnicas microscópicas.
Coa entrada en vigor da IXP Pan Galego establécense parámetros como o de garantir o emprego de fariña autóctona nun mínimo do 25%. María Nerea Fernández Canto, autora do traballo, detectou a presenza/ausencia de fariña en función da súa orixe e ademais cuantificala cunha sensibilidade inferior ao 25%.
A birrefrinxencia do amidón permitiu identificar o trigo ‘Caaveiro’ nas mesturas de fariña, caracterizado por unha distribución trimodal dos grans fronte ao bimodal do trigo de Castela. “Esta técnica parece prometedora para determinar as porcentaxes empregadas na mestura”, segundo indica a autora, premiada con 1000 euros co primeiro premio.
Investigación sobre Vitamina D
O segundo galardón dos premios e dotado con 500 euros foille entregado a Sheila Castiñeira López, autora dunha investigación sobre a vitamina D, obtida principalmente pola exposición solar e complementada coa dieta.
Dado que os cambios sociais e as restricións pola Covid-19 dificultaron alcanzar os valores mínimos recomendados, a investigación propón unha ferramenta de suplementación a través da fortificación de produtos derivados dos cereais como o pan e galletas. Esta suplementación demostrou non alterar as características organolépticas dos produtos.
Enfermidade renal crónica
O estudo de Socia Boado Crego, premiado co terceiro galardón e dotado con 250 euros, propón actualizar as recomendacións sobre cereais integrais en enfermos renais crónicos.
Analizáronse fariñas, pans e mostras comerciais, demostrando un maior contido mineral nos cereais integrais e nos pans fermentados con lévedo. A fariña ‘Caaveiro’ presentou a composición mineral máis adecuada para os pacientes, mentres que entre as mostras comerciais só a pasta integral resultou apropiada.
Entrega de galardóns
A entrega dos premios tivo lugar o martes 14 no Pazo de Montenegro. O reitor da USC, Antonio López Díaz, foi o encargado de presidir o acto e estivo acompañado por Ángeles Romero, directora da cátedra institucional da USC, e Francisco Fraga, vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo.
Os criterios que se tiveron en conta á hora de escoller os traballos premiados foron a orixinalidade (25%); as novidades das súas achegas ao coñecemento dos temas estudados, tendo en conta a bibliografía (25%); a actualidade e calidade da metodoloxía (25%); a calidade formal dos textos (25%).