“A formación e o coñecemento son ferramentas clave para o progreso do sector lácteo”
Alexandre Rico, un mozo de Meira (Lugo) que cursou Veterinaria no Campus Terra (USC), está a rematar dous programas formativos en California en Medicina Preventiva e Epidemioloxía, logo de ser o primeiro becado da Fundación Caixa Rural Galega – Tomás Notario para estudos de posgrao no estranxeiro
– Fálanos da túa vinculación co sector gandeiro e da túa traxectoria formativa.
– Proveño dunha familia estreitamente vinculada ao sector lácteo, isto fixo que crecese rodeado de veterinarios, gandeiros e vacas, permitindo que coñecese o sector dende diferentes perspectivas: non só técnicas ou económicas, senón tamén sociais e culturais. Sentir que formo parte desta comunidade é o que me motiva a intentar axudar no seu progreso. Estou convencido de que a formación e o coñecemento son ferramentas fundamentais para lograr este obxectivo.
Por esta razón, decidín estudar Veterinaria no Campus Terra. Posteriormente, tiven a oportunidade de trasladarme aos Estados Unidos, onde realicei un internado en investigación. Actualmente, sigo formándome na Universidade de California, Davis, cursando dous programas de posgrao: un en Medicina Preventiva e outro en Epidemioloxía.
– Foches o primeiro becado da Fundación Caixa Rural Galega – Tomás Notario. Explícanos a túa traxectoria desde aquela ata o momento actual, e os plans de futuro.
– Síntome afortunado polas oportunidades que tiven. Estudar nos Estados Unidos é un privilexio que non sería posible sen o apoio constante da miña familia, dos meus mentores Alfonso Lago e Noelia Silva, e da confianza que a Fundación Tomás Notario Caixa Rural Galega depositou en min nun momento clave.
En setembro de 2022 iniciei un posgrao en Medicina Preventiva, e pouco despois matriculeime nun segundo programa en Epidemioloxía. Estes dous anos foron dedicados á formación teórica e a superar as avaliacións necesarias en ambos programas. Agora estou a punto de comezar a etapa de investigación, coa ilusión de aplicar métodos epidemiolóxicos ao sector lácteo para mellorar a toma de decisións nas granxas. Ademais, no futuro, farei o posible por retornar a Galicia.
– Como valoras os programas de Medicina Preventiva e Epidemioloxía que cursaches en California?
– Ambos programas están interrelacionados. O de Medicina Preventiva destaca polo seu enfoque práctico, pensado para veterinarios, e céntrase na vixilancia e control de enfermidades, na investigación aplicada e na comunicación de riscos.
Pola súa banda, o de Epidemioloxía é máis teórico e esixente, con especial atención ao deseño experimental, aos mecanismos causais e á bioestatística.
Valoro de forma moi positiva a experiencia en ambos programas, pero se teño que destacar algo, sería o crecemento persoal e o desenvolvemento do pensamento crítico que me proporcionaron.
– A prevención é unha das bases sobre as que a Comisión Europea trata de orientar ás granxas, con obrigas como a redución dun 50% do consumo de antibióticos de cara ó 2030. En que cuestións de manexo consideras que, en xeral, teñen que avanzar as granxas en Galicia para encamiñarse nesa liña?
– A prevención é clave nas producións animais modernas. Hoxe en día, as granxas de vacún son sistemas complexos, con múltiples áreas de manexo onde se pode intervir, pero os recursos dispoñibles, tanto económicos como humanos, non son ilimitados.
Ademais, cada granxa presenta necesidades e prioridades específicas que requiren solucións personalizadas. Por iso, considero fundamental definir obxectivos claros e tomar decisións adaptadas a cada caso, avaliando factores como o custo, o risco, o posible beneficio, a calidade da evidencia científica e os recursos dispoñibles.
A prevención é clave nas granxas. É fundamental definir obxectivos claros e tomar decisións adaptadas a cada caso
Dispoñer de sistemas eficaces de toma de decisións é esencial para o progreso, xa que parte do éxito das intervencións depende directamente dun proceso de decisión ben fundamentado.
– Vives en California, un dos principais estados a nivel lácteo en Estados Unidos. Do que puideches ver ou coñeces, como é alí unha gandería media?
– Estados Unidos é un país grande e diverso, con importantes diferenzas entre rexións, polo que xeneralizar non sempre é adecuado. En California, o modelo de produción adoita centrarse na economía de escala. O meu contacto coas granxas foi principalmente a través de proxectos de investigación, polo que recoñezo que a miña visión pode ser parcial.
As granxas que coñecín están localizadas no Central Valley, unha gran chaira considerada unha das rexións agrícolas máis produtivas do mundo. Estas explotacións, con miles de vacas, destacan polo seu manexo altamente eficiente e polo uso óptimo dos recursos dispoñibles.
As granxas en California oriéntanse a facer un manexo moi eficiente e a optimizar os recursos dispoñibles
Dan prioridade ao control dos custos de produción, á maximización do tempo de uso das salas de muxido e a unha planificación detallada das tarefas diarias.
Ademais, contan con equipos humanos numerosos, especializados en funcións concretas, e basean as súas decisións na análise de datos e na mellora continua dos procesos. Moitas destas granxas tamén implementan medidas enfocadas na sustentabilidade, como plantas de biogás, sistemas de reutilización da auga e o uso de aditivos alimentarios, contribuíndo deste xeito a mitigar o impacto medioambiental.
– En California, e noutras zonas de Estados Unidos, levades uns meses co problema da gripe aviar en granxas de vacún de leite. Que impacto está tendo a enfermidade nas ganderías e como ves as perspectivas da gripe aviar de cara ó futuro?
– É un asunto no que estou traballando neste momento. En California, xa se confirmaron máis de 300 granxas afectadas, o que representa un gran desafío para o sector. A información dispoñible ata o momento é limitada, polo que adiantar conclusións sería imprudente.
Os virus da influenza A son frecuentes e teñen un gran impacto tanto na saúde pública como na industria gandeira, especialmente no sector avícola. En marzo de 2024, o virus detectouse por primeira vez en gando vacún, con evidencia de transmisión entre vacas, rabaños e outras especies, incluíndo humanos.
A pesar diso, as autoridades consideran que o risco actual para a poboación é baixo, sen constancia de transmisión de persoa a persoa. Con todo, existe un risco potencial asociado ás mutacións e recombinacións do virus. Cómpre destacar tamén que o leite tratado térmicamente é un alimento seguro.
A gripe aviar é un gran desafío para o sector. En California hai máis de 300 granxas de vacún de leite afectadas
Nas vacas infectadas, observáronse síntomas como mastite, redución da produción de leite, problemas respiratorios, deshidratación e alteracións fecais, que requiren coidados durante dúas ou tres semanas. A mortalidade parece baixa, pero a incidencia real segue sendo incerta e pode variar segundo os casos.
Nos rabaños afectados, a produción total de leite chegou a reducirse máis dun 20%, xerando importantes perdas económicas.
– De cara ó consumidor no supermercado, como é a gama de produtos lácteos en Estados Unidos? Que te chama a atención ou que innovacións ves que destacarías?
– A maior parte dos produtos lácteos destinados ao consumidor promedio, tanto en España como en Estados Unidos, son, en xeral, produtos con pouco valor engadido, elaborados mediante procesos industriais estandarizados. Pola miña experiencia, as diferenzas que puiden observar entre ambos países non son demasiado significativas.
Algo que me chamou a atención é que nos supermercados de Estados Unidos é habitual atopar leite pasteurizado mediante o método HTST en lugar de leite UHT. Para o consumidor, isto implica que o leite HTST precisa refrixeración e ten unha vida útil moito máis curta, mentres que o UHT pode almacenarse a temperatura ambiente durante meses. Despois, en canto ao sabor, creo que o leite HTST conserva características máis próximas ás orixinais do leite.
– En base a túa experiencia en Estados Unidos, como ves a situación de Galicia en comparación, tanto a nivel de formación, no teu caso no Campus Terra, como a nivel profesional das granxas de vacún de leite.
– A miña experiencia no Campus Terra foi boa, e estou profundamente agradecido polo que aprendín alí. É fundamental poñer en valor o traballo que se realiza en Galicia para formar profesionais no ámbito veterinario e agrícola. Non obstante, a comparación resulta difícil. California é un estado cunha economía moi forte e diversificada, varias universidades de elite e un ecosistema de innovación que atrae talento e recursos de todo o mundo.
Ademais, o feito de ter unha única facultade pública de Veterinaria facilita a concentración de medios, tanto materiais como humanos, facendo que formarse aquí sexa unha experiencia única.
En Galicia, creo que hai moitas granxas profesionais con gandeiros e agricultores moi capacitados. Paréceme que conviven dous modelos distintos: un máis intensivo, influído por prácticas procedentes dos Estados Unidos e que concentra boa parte das entregas de leite á industria, e outro máis extensivo, máis próximo ás tendencias de certos países europeos.
En California, o modelo produtivo baséase, en gran medida, na economía de escala e nun marco legal diferente. Este modelo adoita centrarse nun enfoque práctico, o control dos custos, a planificación a longo prazo e unha visión máis global do sector. Desde o meu punto de vista, máis que unha diferenza técnica ou tecnolóxica, destaca unha perspectiva empresarial distinta.
A investigación aquí ocupa un lugar máis importante nas prioridades da sociedade. Enténdese como esencial para resolver problemas e impulsar a innovación
– E en canto a investigación, en especial no sector lácteo, como ves a situación en California?
– A investigación aquí enténdese como esencial para resolver problemas e impulsar innovacións, e percibo que, en comparación con España, ocupa un lugar máis destacado entre as prioridades da sociedade.
Destacaría as moitas iniciativas públicas e privadas, xunto co esforzo continuo para conseguir financiamento por parte de emprendedores e grupos de investigación, o que fai posible sacar adiante proxectos con gran potencial.
Por exemplo, sorprendeume o número de iniciativas para reducir o impacto medioambiental dos sistemas intensivos de produción láctea, con resultados prometedores para alcanzar a neutralidade climática mantendo os altos niveis de produción. Creo que este obxectivo é crucial para o sector, e as expectativas parecen boas.