A UVigo únese a un proxecto europeo para investigar a conexión entre a biodiversidade e as funcións do solo

O proxecto BIOservicES afondará no impacto do cambio climático e en novas prácticas de xestión sostible en diferentes rexións europeas

Socios do proxecto. / UVigo.

A Universidade de Vigo participa no proxecto europeo BIOservicES, unha iniciativa que reúne 22 socios de once países co obxectivo de estudar as interconexións entre a biodiversidade do solo e as súas funcións e servizos ecosistémicos en diferentes usos do territorio. Con un orzamento total de case 7,4 millóns de euros, BIOservicES pretende proporcionar novos coñecementos e ferramentas dixitais para tomar decisións que axuden a deseñar prácticas de xestión e programas de seguimento, conservación e a restauración ambiental.

O proxecto, iniciado en setembro de 2023 e que se prolongará ata agosto de 2028, está financiado pola Comisión Europea a través do programa Horizonte Europa, contando ademais co apoio das axencias de investigación do Reino Unido e Suíza. A UVigo recibe unha axuda específica de 686.875 euros para desenvolver o seu traballo dentro desta iniciativa coordinada polo catedrático Raúl Zornoza, da Universidad Politécnica de Cartagena. BIOservicES involucra universidades, centros de investigación, empresas e fundacións, cunha ampla experiencia en agricultura, innovación e comunicación.

O equipo da UVigo, encabezado por David Fernández Calviño e Andrés Rodríguez Seijo, pertence ao Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Os investigadores galegos xa contaban con colaboracións previas con algúns dos socios do proxecto a través doutras iniciativas europeas, como o proxecto SoildiverAgro.

BIOservicES ten como obxectivo principal comprender a relación entre os diversos organismos que habitan no solo —como virus, bacterias, arqueas, fungos, protistas, nematodos, microartrópodos, miñocas de terra, isópodos, milpés, insectos e arañas— e as funcións que desenvolven a distintas escalas e usos do territorio. Entre os obxectivos do proxecto atópase a identificación de presións e factores que afectan a estes organismos e os servizos do solo, realizar unha valoración económica da súa contribución ao ecosistema e desenvolver ferramentas e modelos de apoio na toma de decisións.

 

Un estudo en 25 emprazamentos experimentais, entre eles Ourense

“Aínda que a súa importancia nos servizos ecosistémicos está ben establecida, falta máis información sobre a interacción dos organismos chave do solo e os servizos ecosistémicos prestados en diferentes usos do territorio”, indican os promotores de BIOservicES, que destacan como o obxectivo do proxecto é informar sobre o papel dos organismos no solo e nos ecosistemas.

O proxecto desenvolverase en 25 emprazamentos experimentais distribuídos en diferentes rexións bioxeográficas de Europa, como a alpina (Suíza), atlántica e mediterránea (España), continental (Alemaña) e boreal (Letonia). Nestes lugares, BIOservicES estudará oito usos distintos do solo e a aplicación de prácticas de xestión sostible. No caso galego, a UVigo coordina a zona atlántica, onde se levarán a cabo estudos nos concellos de Toén e Ourense. Estes emprazamentos inclúen usos agrícolas, seminaturais, humidais, urbanos e mineiros, co fin de analizar como afectan diferentes prácticas de xestión á estrutura e biodiversidade do solo.

Un dos estudos en Galicia céntrase en antigas zonas de cultivo reconvertidas a uso forestal con bosques de acacia, piñeiro e carballo, onde se avaliará o impacto do cambio climático. Para iso, estase a desenvolver un ensaio experimental que se prolongará ata o verán de 2026 e no que se simula unha redución do 50% nas precipitacións e un aumento da temperatura de ata 2ºC. Este ensaio, desenvolvido tamén en áreas alpinas, boreais e mediterráneas con outros usos e intensidades, ten como finalidade obter unha imaxe dos impactos do cambio climático sobre o solo no ámbito continental.

 

Un papel clave na coordinación e análise de solos

A Universidade de Vigo ten un papel fundamental na coordinación dunha das principais liñas de traballo de BIOservicES, centrada en comprender o papel da biodiversidade do solo na provisión de servizos ecosistémicos en termos de iso e estrutura en distintas rexións bioxeográficas. “Este paquete de traballo desenvolve a estratexia de mostraxe, recollida e análise de mostras en 750 puntos de cinco países de Europa, así como a coordinación da realización das análises de solos e organismos sobre as que se sustentan os outros seis paquetes de traballo do proxecto”, sinalan os investigadores da UVigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *