Actividades económicas relativas á produción e transformación da castaña son importantes para a conservación da biodiversidade
A interrelación entre funcións ecolóxicas, servizos ecosistémicos e negocios está ameazada polo abandono da xestión tradicional, que dá paso a unha serie de transformacións que afectan tanto ás paisaxes de montaña como ao seu tecido socioeconómico
Apoiar os negocios relacionados coas Paisaxes de Produción Socioecolóxica (PPSE), como por exemplo aqueles que se atopan vinculados á castaña, podería contribuír á conservación da biodiversidade e a sustentabilidade no sistema territorial. Esta é a principal achega do traballo realizado polos grupos de investigación da USC Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos (COMPASSES), Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (ECOAGRASOC) e Biodiversidade e Botánica Aplicada (BIOAPLIC).
O traballo ‘Chestnut Production-Related Businesses in the Courel Mountains of Galicia, NW Spain: An Opportunity for Biodiversity Conservation, Ecosystem Restoration and Rural Development’ refírese á importancia que teñen as actividades económicas relativas á produción e transformación da castaña para a conservación da biodiversidade, a restauración dos ecosistemas e o desenvolvemento rural na área do Courel.
Tal e como explica o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra, Emilio Díaz Varela, a interrelación entre funcións ecolóxicas, servizos ecosistémicos e negocios está ameazada hoxe en día polo abandono da xestión tradicional, que dá paso a unha serie de transformacións que afectan tanto ás paisaxes de montaña como ao seu tecido socioeconómico. “Neste traballo exploramos as relacións entre as actividades socioeconómicas e a capacidade das PPSE para preservar altos niveis de biodiversidade no concello de Folgoso do Courel, unha zona cunha forte tradición en sistemas de produción de castaña”, explica o profesor do Campus de Lugo da USC.
Para iso, primeiro analizouse a estrutura económica da área utilizando estatísticas oficiais e identificando os negocios específicos relacionados coas PPSE locais. Tamén se empregaron sistemas de información xeográfica para analizar mapas de cobertura do solo e localizar e caracterizar as áreas de produción de castaña. O traballo completouse con entrevistas a propietarios de negocios coma a representantes da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia para obter elementos importantes na relación negocio- PPSE.
“Os resultados obtidos amosan unha forte dependencia dos negocios relacionados coa castaña coas PPSE locais, e como os aspectos multifuncionais da produción de castaña como as producións múltiples, os beneficios para a biodiversidade, ou os aspectos paisaxísticos, son activos importantes nas visións de ditos negocios”, explica o profesor da EPSE. “Tamén identificamos riscos e impactos que afectan a paisaxe produtiva socioecolóxica, moitas veces a través de conexións complexas entre procesos de envellecemento da poboación, o cambio climático, a competencia polo uso do solo ou as pragas e enfermidades”, engade.
Os resultados presentáronse no encontro anual do Academic Council of the United Nations System (ACUNS) que tivo lugar en Tokio en colaboración coa United Nations University e a University of Tokyo baixo o lema ‘Global Governance and Sustainable Development: Revitalizing Research to Support Multilateral Solutions’. O traballo foi realizado en colaboración coa Escola Politécnica de Mieres, da Universidade de Oviedo, e o departamento de Botánica, da Universidade de Granada.