Ampliado ata o 31 de outubro o prazo para concorrer aos Premios Rafael Crecente a iniciativas innovadoras de xestión territorial

Outorgaranse dous galardóns cunha contía económica de 2.000 e 1.000 euros, respectivamente

Cartel do certame Rafael Crecente

Os Premios Rafael Crecente chegan á súa sétima edición e teñen como obxectivo impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.

O prazo para concorrer ao certame amplíase ata o 31 de outubro e as propostas poden corresponder a traballos fin de grao, de mestrado ou teses de doutoramento, así como ideas orixinais, traballos técnicos, iniciativas ou proxectos en fase de proposta ou xa executados.

Concederanse dous premios, un primeiro e un segundo, co recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha contía económica de 2.000 e 1.000 euros respectivamente.

O Comité avaliador analizará a orixinalidade, así como a calidade científica e técnica da proposta. Considerando aspectos como a súa aplicabilidade ou a súa posible contribución no uso racional e sostible do territorio e dos recursos naturais.

Tamén valorarán a calidade expositiva e a claridade do documento presentado. Con respecto aos traballos de ámbitos territoriais alleos ao galego, a maiores do anterior, terase en conta a viabilidade e aplicabilidade en Galicia.

As persoas candidatas deberán enviar a proposta ao correo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es, en formato pdf. Os interesados poderán obter máis información na seguinte ligazón.

Rafael Crecente, considerado un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia

Estos premios, que nacen coma unha homenaxe ao profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015), buscan impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial.

Crecente foi profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vinculado principalmente á investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial desta universidade.

Así mesmo, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest, profesor invitado na Universidade de Múnich e investigador do IBADER adscrito ao Grupo de Investigación 1934 Territorio-Biodiversidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *