Azucena Mora recibe o premio PRAN pola súa investigación contra a resistencia aos antibióticos

O galardón recoñece o enfoque One Health desenvolvido no Campus Terra da USC

As investigadoras da USC Ana María López Beceiro, Vanesa García Menéndez e Azucena Mora. / Campus Terra.


A catedrática da USC, Azucena Mora, recolleu este luns 18 de novembro o premio á mellor iniciativa de investigación outorgado polo Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos (PRAN), recoñecemento que se entregou durante a Xornada anual polo Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos.

O traballo liderado pola profesora céntrase nas bacterias multirresistentes e no seu movemento nas interfaces da saúde humana, animal e medioambiental. Este enfoque, coñecido como One Health, busca solucións fronte a esta “prioridade mundial”, tal como a define a propia investigadora.

“A resistencia aos antimicrobianos supón unha ameaza cada vez maior para a saúde pública mundial e require medidas por parte de todos os sectores do goberno e a sociedade”, destacou Mora.

A investigación, desenvolvida no Campus de Lugo, foi premiada pola excelencia e compromiso do equipo de especialistas que emprega estratexias innovadoras baseadas no concepto One Health. O estudo identifica elementos clave como bioindicadores, que permiten un seguimento da resistencia aos antibióticos, adoptando unha perspectiva integradora e multidimensional.

Entre os aspectos analizados destacan os animais de produción e os produtos cárnicos derivados como posibles reservorios de patóxenos resistentes, os patóxenos prioritarios E. coli e K. Pneumoniae, a síndrome de ITU multirresistente -mortal en seres humanos e cans-, e indicadores ambientais como o xabaril, a carne derivada da caza ou o medio acuático.

O proxecto involucra un grupo internacional de especialistas en campos como o diagnóstico clínico, as tecnoloxías ómicas ou a seguridade alimentaria. Tamén conta coa colaboración de institucións de referencia como o Hospital Universitario Central de Asturias, o Centro de Investigación Biomédica da Rioxa, o Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia, o Instituto Federal de Avaliación de Riscos de Berlín, a Universidade de Copenhagen ou o Centro de Enxeñería Biolóxica da Universidade de Minho.

“Este premio reafirma o valor da colaboración e a innovación na investigación da resistencia antimicrobiana, un desafío global no que a unión de ciencia e tecnoloxía é esencial”, explica a profesora Mora.

Azucena Mora e o seu equipo estarán o próximo 28 de novembro en Triacastela coa iniciativa Ciencia á Feira que leva o laboratorio a colexios e feiras, onde explicarán “como funcionan as bacterias multirresistentes, onde se atopan e que podemos facer como sociedade para combatelas”.

Comments are closed.