Como avaliar con precisión o impacto da agricultura nos servizos ecosistémicos
A investigadora Sara Lago, do CRETUS da USC, evidenciou que determinadas prácticas promovidas como alternativas máis sostibles non sempre presentan un mellor desempeño ambiental

Non todas as prácticas agrícolas presentadas como alternativas máis sostibles ofrecen necesariamente un mellor resultado ambiental. É unha das principais conclusións da investigación desenvolvida por Sara Lago Olveira no Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de Compostela (CRETUS), na que se propoñen ademais novas ferramentas para avaliar con maior precisión os efectos da actividade agraria sobre o medio ambiente.
O estudo parte dun problema cada vez máis relevante: como aumentar a produción de alimentos para responder ás necesidades dunha poboación crecente reducindo ao mesmo tempo a presión sobre os recursos naturais. Para abordar esta cuestión, a investigadora recorreu á Análise do Ciclo de Vida (ACV), unha metodoloxía utilizada para cuantificar os impactos ambientais asociados a produtos e actividades.
A investigación chama a atención, con todo, sobre algunhas limitacións dos métodos convencionais. Os sistemas agrarios dependen de servizos que proporcionan os ecosistemas —como a fertilidade do solo, a regulación da auga ou o almacenamento de carbono—, pero a propia actividade agrícola tamén pode alterar a súa provisión. Ademais, estes efectos poden variar en función do lugar e das condicións concretas de produción.
Estas melloras poden contribuír a que as ferramentas utilizadas para tomar decisións sexan máis completas e representativas
A tese analizou diferentes estratexias agrícolas, entre elas as rotacións de cereal e leguminosa fronte aos monocultivos, así como distintas fórmulas de xestión do viñedo. Entre estas últimas estudáronse o uso de ozono para o control de pragas e a substitución de fertilizantes minerais por vermicompost.
Os resultados mostran que algunhas destas alternativas non presentan unha vantaxe ambiental clara fronte ás prácticas convencionais. En concreto, nin o uso de ozono para controlar as enfermidades nin a substitución dos fertilizantes minerais por vermicompost demostraron unha superioridade ambiental inequívoca nos casos estudados.
Para a investigadora, estes resultados evidencian a necesidade de analizar cada alternativa de maneira integral e ter en conta tanto os seus posibles beneficios como as compensacións ou efectos negativos que poida xerar.
Incorporar o factor espacial
Unha das principais achegas metodolóxicas do traballo é precisamente incorporar cuestións que ata agora estaban pouco presentes nas avaliacións ambientais. A investigación desenvolveu factores de caracterización que introducen de maneira explícita a dimensión espacial, permitindo analizar os efectos da agricultura sobre servizos ecosistémicos como a purificación da auga, o control da erosión do solo e o secuestro de carbono. Tamén se crearon factores de emisión adaptados a diferentes contextos de cultivo do arroz.
Segundo a USC, estas melloras poden contribuír a que as ferramentas utilizadas para tomar decisións sexan máis completas e representativas. O obxectivo é facilitar que responsables políticos, investigadores e profesionais do sector agroalimentario poidan deseñar estratexias que avancen cara a unha agricultura máis sostible e resiliente.
A tese desenvolveuse no marco do proxecto europeo PRIMA CerealMed e do proxecto nacional ALISE, e foi presentada na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. O traballo, dirixido polas profesoras Sara González García e María Teresa Moreira Vilar, obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude e Mención Internacional.



