Curso sobre Teledetección Forestal: Ferramentas e Aplicacións

Formación especializada con enfoque práctico en clasificación de especies e seguimento de cambios na cuberta forestal

Imaxe do Campus Terra.

O curso “Teledetección Forestal: Ferramentas e Aplicacións”, organizado pola Escola Politécnica Superior, terá lugar do 28 ao 30 de maio de 9.00h a 14.00h na Aula Informática 1, Pavillón 3 da EPS de Enxeñaría.

Estará impartido por Fernando Montes, do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA); Cristina Gómez, do Instituto Universitario de Investigación en Xestión Forestal Sostible da Universidade de Valladolid (UVA); e Isabel Aulló, investigadora no Instituto de Ciencias Forestais ICIFOR-INIA (CSIC).

Esta formación ofrece unha introdución aos fundamentos da teledetección, para despois afondar en ferramentas e aplicacións específicas no ámbito forestal. Trataranse temas como a clasificación de especies e metodoloxías avanzadas para a detección de cambios.

O alumnado adquirirá coñecementos básicos sobre a radiación electromagnética, os sensores remotos (activos e pasivos) e as plataformas máis empregadas para o seguimento forestal, como satélites, aeronaves e drons.

Tamén se traballará con imaxes satelitais de misións clave como Landsat e Sentinel-2. Para a xestión destes datos utilizaranse plataformas como EarthExplorer e Google Earth Engine, tanto para a súa descarga como para o filtrado e visualización.

O curso inclúe a análise de series temporais e o uso de índices espectrais como NDVI, MSI e NBR, para o seguimento de cambios na cuberta forestal. Abordaranse distintas técnicas de clasificación de imaxes, poñendo o foco en métodos de Machine Learning como Random Forest, Support Vector Machine e Redes Neuronais, aplicadas á identificación de especies.

Na parte final do curso, utilizarase a plataforma GEE e a ferramenta ProLand, onde o alumnado aplicará os coñecementos adquiridos nun caso práctico sobre dinámicas forestais.

A formación está dirixida a estudantes, persoal docente e investigador (PDI), así como ao sector produtivo. O período de inscrición está aberto, e as persoas interesadas poden inscribirse na seguinte ligazón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *