“É crucial incentivar ás farmacéuticas para que desenvolvan novas categorías de antibióticos”

Azucena Mora, catedrática de microbioloxía na Facultade de Veterinaria de Lugo, entrou na cadeira 21 da Academia de Ciencias Veterinarias e nesta entrevista analiza os avances en E. Coli, One Health e as seguintes investigacións nas que está a traballar


A catedrática de microbioloxía na Facultade de Veterinaria de Lugo e recoñecida polas súas investigacións sobre Escherichia coli (E. coli), Azucena Mora, tomou posesión da cadeira número 21 da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Durante o seu discurso de toma de posesión, Mora abordou un dos desafíos máis apremiantes para a saúde global: a resistencia aos antibióticos. Desde a perspectiva One Health, que conecta a saúde humana, animal e ambiental, Mora destacou a interdependencia destes ámbitos e profundou na importancia da loita contra as bacterias multirresistentes, á vez que destacou a necesidade dun enfoque integral para facer fronte a esta “pandemia silenciosa”.

Nesta entrevista aborda como recibiu a noticia de entrar na Academia de Ciencias Veterinarias, o concepto One Health e os retos que supón, cales foron os principais avances en E. Coli e cales son os seguintes avances.

– Recentemente entraches a formar parte da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia na cadeira 21. Que supón para a túa carreira a entrada nesta institución?
Nos agradecementos do meu discurso de ingreso na Academia mencionei a fortuna de poder enfrontar novos retos ilusionantes que se presentan na miña carreira. Ademais de formar parte da Academia, teño a honra de participar en proxectos e entidades relevantes, como a Fundación Rof Codina, na que exerzo como directora científica; o Instituto de Investigación do Medio Acuático para Unha Saúde Global (iARCUS); o Comité Científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN); e o Comité Executivo do Food- and Water-born Infections Study Group (EFWISG) da European Society of Clinical Microbiology and Infectious Diseases (ESCMID).

O meu ingreso na Academia supón unha gran responsabilidade e un estímulo para continuar visibilizando e fortalecendo a profesión veterinaria nas súas diversas áreas. Desde o meu papel como docente universitaria e investigadora, espero contribuír ao desenvolvemento e proxección da nosa profesión en Galicia e máis aló.

– Contas con máis de 25 anos de experiencia en E. coli patóxena para humanos e animais. Que avances destacarías destes anos investigando a E. Coli?
Destacaría dous aspectos principais. Primeiro, a revolución metodolóxica que presenciamos nestas décadas. Tivemos que adaptarnos e aprender a usar ferramentas avanzadas como as tecnoloxías “ómicas” e a intelixencia artificial, sen deixar de lado a microbioloxía clásica. Este cambio transformou radicalmente como abordamos o estudo dos microorganismos e as enfermidades infecciosas. A velocidade de xeración de datos é tan alta que ás veces resulta abafador procesar e comprender toda esta información, e estou convencida de que isto é só o comezo. Agora temos o reto de avanzar cara á armonización e unha implementación efectiva destas ferramentas.

E. coli pode actuar como patóxeno, e a súa capacidade para adaptarse a diferentes contornas débese ao seu enorme repertorio xenético

En segundo lugar, a miña investigación en E. coli confirmoume que esta bacteria ejemplifica a interconexión entre as tres interfaces da saúde: humana, animal e ambiental. E. coli móvese con facilidade entre estes ecosistemas, demostrando que non existen barreiras reais entre eles.

– Poderías realizar un “mapa” da gravidade que as infeccións por E. coli tanto en humanos como en animais? Esa gravidade está a baixar ou aumentando?
Considero que E. coli é un excelente bioindicador para avaliar a evolución da resistencia aos antibióticos nas tres interfaces da saúde: humana, animal e ambiental. Ademais, serve como indicador clave para monitorizar as intervencións alternativas ao uso de antibióticos, como as vacinas contra a colibacilosis ou o emprego de probióticos.

Esta idea é un dos eixos centrais da miña investigación, en especial no proxecto “Monitorización integrada do fluxo de resistencias a antimicrobianos (RAM) e dianas de intervención do medio ambiente, á granxa e á mesa”. Este traballo foi recentemente galardoado na IV edición dos premios do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos.

E. coli forma parte da microbiota gastrointestinal normal de humanos e animais homeotermos e foi fundamental na tecnoloxía do ADN recombinante. Con todo, máis aló de ser un habitante inofensivo do intestino, E. coli tamén pode actuar como patóxeno, e a súa capacidade para adaptarse a diferentes contornas débese ao seu enorme repertorio xenético: dos máis de 22.000 xens identificados nesta especie, menos de 2.000 son esenciais ou compartidos por todas as cepas.

A OMS clasificou a E. coli produtora de betalactamasas de espectro estendido (BLEE) como un patóxeno de prioridade crítica. En España, as infeccións urinarias multirresistentes, principalmente causadas por E. coli BLEE, representan a causa máis frecuente de mortalidade nos hospitais. Nas nosas investigacións estamos a estudar os clons de alto risco de E. coli, aqueles que presentan xens de resistencia e/ou virulencia, tanto en infeccións humanas como animais. No ámbito animal, observamos unha “revolución” nos clons predominantes nos seus microbiotas a medida que se reducen os antibióticos e se implementan novas alternativas.

– É importante buscar medidas alternativas ao uso de antibióticos. Cales son esas alternativas? De que maneira poderíase reducir ese uso e cambiar por esas alternativas?
É crucial incentivar ás farmacéuticas para que desenvolvan novas categorías de antibióticos, á vez que traballamos en preservar a eficacia dos que aínda funcionan. Actualmente, a optimización terapéutica baséase na categorización de antibióticos da OMS e en axustar cada vez máis o espectro e a dosificación do tratamento á sospeita etiolóxica, evitando os antibióticos de amplo espectro, cuxo uso era común hai anos.

Existen varias alternativas ao uso de antibióticos, especialmente enfocadas na prevención de infeccións. Unha das estratexias máis efectivas é o uso e desenvolvemento de vacinas, tanto para infeccións humanas como animais, e neste sentido, fomentar programas de vacinación é fundamental.

Outras medidas que se están estudando inclúen:

-Bacteriófagos: virus específicos que atacan bacterias e que ofrecen unha terapia dirixida para infeccións específicas, sen danar a microbiota. A fagoterapia considérase unha alternativa prometedora, especialmente para bacterias resistentes.

É esencial reducir a nivel mundial as mortes humanas relacionadas coa resistencia aos antimicrobianos nun 10 % para 2030

-Probióticos e prebióticos: o seu uso contribúe a manter unha microbiota saudable, competindo con bacterias patóxenas e reducindo así o risco de infeccións.

-Inmunoterapia e anticorpos monoclonais: mediante o uso de anticorpos específicos contra patóxenos, esta terapia busca fortalecer o sistema inmune e reducir a necesidade de antibióticos en infeccións graves.

-Péptidos antimicrobianos: estes compostos, que imitan as defensas naturais dos organismos, teñen propiedades antibacterianas, antifúnxicas e antivirais, e representan unha liña de investigación activa na loita contra infeccións resistentes.

-Control ambiental e bioseguridade: reducir a carga bacteriana en ambientes de risco (hospitais, granxas etc.) mediante medidas de hixiene e bioseguridade, diminuíndo así o risco de infeccións e a necesidade de antibióticos.

Todas estas estratexias, xunto cun uso prudente dos antibióticos existentes e a educación tanto de profesionais da saúde como do público en xeral, son fundamentais para reducir a dependencia dos antibióticos e frear a resistencia.

– O 3 de novembro conmemorouse o Día One Health e recentemente levouse a cabo a Asemblea da ONY que fixa recudir as mortes por resistencia aos antimicrobianos nun 10 % en 2030. Como se poderá alcanzar este obxectivo? Que medidas haberá que tomar para chegar a esa redución a nivel global?
Os líderes mundiais comprometéronse na 79ª Asemblea Xeral da ONU a reducir as mortes humanas relacionadas coa resistencia aos antimicrobianos nun 10 % para 2030. Para iso solicitouse ás organizacións cuatripartitas (OMS, OMSA, FAO, PNUMA), xunto cos países, que actualicen o Plan de Acción Mundial sobre a Resistencia aos Antimicrobianos para 2026, de modo que garanta unha resposta multisectorial sólida e inclusiva, a través dun enfoque ‘One Health’.

As medidas son todas aquelas que virán ao redor da vixilancia, control, prevención, investigación, formación e comunicación. O desenvolvemento de marcos lexislativos mundiais é moi importante. Tamén é esencial que estean involucrados todos os sectores sociais, co obxectivo de reducir a nivel mundial as mortes humanas relacionadas coa resistencia aos antimicrobianos nun 10 % para 2030. A priorización de medidas preventivas contra enfermidades infecciosas en animais é de suma importancia.

É por iso que a OMSA continuará axudando aos países desenvolvendo estándares e directrices, avaliando marcos de políticas para a prescrición de antimicrobianos e apoiando a implementación de programas de bioseguridade e vacinación en enfermidades prioritarias que poden axudar a reducir a necesidade de antimicrobianos, entre outras medidas. O PNUMA seguirá estando á vangarda dos esforzos para reducir a carga da RAM nas sociedades e abordar a tripla crise planetaria.

– España lidera a redución do uso de antibióticos en saúde humana e animal. Que medidas se tomaron para alcanzar esta posición?
Hai numerosas entidades involucradas de forma coordinada na vixilancia da resistencia aos antibióticos.

No ámbito nacional, ademais da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que supervisa a seguridade alimentaria en España, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) xoga un papel crucial. A AEMPS coordina o Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN) e regula o uso de antibióticos, tanto en medicamento humano como en veterinaria.

O PRAN, establecido en 2014, asumiu o reto de reducir o uso de antibióticos en saúde humana e animal. Este plan estratéxico busca minimizar o risco de selección e diseminación da resistencia antimicrobiana, protexendo así a saúde humana e animal e preservando a eficacia dos antibióticos existentes de forma sustentable. O PRAN organízase ao redor de seis liñas de acción crave dentro dun enfoque One Health: vixilancia, control, prevención, investigación, formación e comunicación.

A xenómica e a intelixencia artificial están a transformar a nosa capacidade de resposta fronte ás infeccións resistentes

A nivel europeo, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) realiza un labor de vixilancia sobre patóxenos transmitidos por alimentos, incluíndo bacterias resistentes, en toda a cadea alimentaria. A European Centre for Disease Prevention and Control (ECDC) é outra entidade crave, responsable da vixilancia e control de enfermidades infecciosas, incluída a resistencia antimicrobiana en saúde pública.

No ámbito global, a Organización Mundial da Saúde (OMS) lidera o esforzo contra a resistencia antimicrobiana a través de programas como o Global Antimicrobial Resistance and Use Surveillance System (GLASS), que proporciona datos globais sobre resistencia. A Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA) (anteriormente OIE) tamén desempeña un papel esencial no monitoreo e o desenvolvemento de políticas de uso racional de antibióticos en animais a nivel mundial, especialmente no sector gandeiro.

Estas entidades colaboran a través de programas e redes internacionais, como o European Joint Action on Antimicrobial Resistance and Healthcare-Associated Infections (EU-JAMRAI 2).

– Consideras importantes ferramentas baseadas na xenómica e a intelixencia artificial. Que relevancia teñen estas ferramentas e como poden mellorar as estratexias terapéuticas?
Actualmente, o reto é combinar ferramentas xenómicas, intelixencia artificial e microbiología convencional para optimizar os tratamentos, anticiparnos á emerxencia de clons de alto risco, e identificar dianas de intervención. Estas ferramentas son esenciais, xa que nos permiten analizar grandes cantidades de datos xenómicos de forma rápida e precisa, algo impensable con técnicas convencionais.

A xenómica permite secuenciar e estudar o xenoma completo de patóxenos, identificando xenes de resistencia e virulencia específicos. Isto non só facilita a vixilancia de cepas de alto risco, senón tamén a personalización de terapias ao seleccionar os antibióticos máis adecuados para cada infección en función do perfil xenético da bacteria.

Pola súa banda, a intelixencia artificial achega modelos predictivos capaces de analizar patróns na resistencia a antibióticos e na diseminación de bacterias. Mediante o uso de IA, é posible anticipar cambios na epidemioloxía de cepas resistentes, mellorando a toma de decisións clínicas e reducindo o uso de antibióticos de amplo espectro.

Ademais, estas tecnoloxías poden guiar o desenvolvemento de novos fármacos ou estratexias terapéuticas, identificando potenciais dianas moleculares para intervencións futuras. En conxunto, a xenómica e a intelixencia artificial están a transformar a nosa capacidade de resposta fronte ás infeccións resistentes, mellorando a precisión e a efectividade das estratexias terapéuticas actuais.

– En que proxectos estás traballando nestes momentos?
Agora mesmo estamos a traballar intensamente no proxecto Seguridade alimentaria: monitorización integrada de antibiorresistencias e dianas de intervención do medio ambiente, á granxa e á mesa – XERACIÓN DE COÑECEMENTO 2022 – Proxectos investigación orientada que precisamente premiou a Axencia Española de Medicamentos e Produto Sanitario como mellor iniciativa de proxecto fronte á resistencia aos antibióticos.

No marco deste proxecto estamos agora mesmo analizando que tipo de bacterias multirresistentes están presentes nas infeccións de ouriños de humanos (hospitalarias e da comunidade), nas mascotas (cans e gatos). Tamén estamos a analizar a microbiota dos xabaríns, como bioindicatores ambientais. Así mesmo, analizamos os animais de produción, e os seus produtos derivados. Outro obxectivo é a análise de augas procedentes de plantas depuradoras (antes e despois dos tratamentos). Doutra banda, estamos a traballar cun grupo portugués para identificar fagos que poidan utilizarse con carácter terapéutico fronte a colibacilosis porcina.

Outro proxecto no que estamos nestas datas traballando, cun carácter máis educativo e de comunicación á sociedade, é Ciencia á Feira. Ciencia á Feira – FECYT 2023. É un proxecto FECYT, no que participamos distintos grupos que imos a escolas e feiras rurais. O meu grupo leva o tema das ‘Superbacteria‘. Estaremos o próximo 28 de novembro en Triacastela. .

Temos outros proxectos en marcha, pero en conxunto podo dicir que traballamos en investigación o seis liñas de acción crave dentro dun enfoque One Health que motivan ao PRAN: vixilancia, control, prevención, investigación, formación e comunicación.

Comments are closed.