Eivas no benestar animal reducen a rendibilidade nas granxas lucenses
A veterinaria Sonia Verdes realizou unha tese na que conclúe que factores como a reducida dimensión dos cubículos ou superficies incómodas afectan á saúde dos animais
Baixo o título ‘Benestar animal nas granxas de vacún de leite da provincia de Lugo e as súas implicacións na produción’, unha tese de Sonia Verdes Gil, da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, concluíu que as dimensións reducidas de cubículos e os corredores e as superficies incómodas ou esvaradías nas salas de espera, corredores e pasos laterais son dous dos principais indicadores negativos de benestar animal advertidos nas explotacións de vacún de leite lucenses.
Esta tese, que estivo baixo a dirección dos profesores da USC Pedro García e Luis Quintela, sinala que estas eivas afectan de xeito negativo aos animais, xa que se trata de deficiencias que poden provocar problemas de hixiene e tamén na súa saúde, ao tempo que teñen un impacto negativo na produtividade e nos ciclos de reprodución das vacas, polo tanto, na rendibilidade das explotacións.
A maioría das explotacións avaliadas (case 200) amosan condicións axeitadas tanto no manexo dos animais como no mantemento das instalacións, aínda que presentan aspectos susceptibles de mellora relativos ao deseño e aos materiais utilizados na súa construción. Os resultados tamén resaltan a necesidade de establecer un plan de bioseguridade que teña en conta todos os posibles riscos e defina estratexias para previr enfermidades.
Un 19% das vacas das granxas obxecto de estudo presentaba coxeiras
Entre os principais aspectos a considerar, detalla a investigadora, está a introdución de novos animais, xa que poden ser portadores de enfermidades adquiridas na granxa de orixe, nos mercados ou durante o transporte. Para mitigar este risco, recoméndase dispoñer dun curral de corentena para evitar a propagación de posibles patóxenos.
A avaliación cuantitativa do nivel de confort derivado das instalacións e manexo mostra que as granxas con mellores puntuacións destacan pola calidade do material das camas e o seu óptimo mantemento e limpeza. Pola contra, nas explotacións peor cualificadas advírtense reses cunha hixiene deficiente nas patas e no ubre, unha menor taxa de detección de celo e unha produción de leite inferior.
Así mesmo, a investigación asocia a limpeza das áreas de descanso e corredores cunha menor incidencia de enfermidades dos cascos e de mamites nas vacas, ao tempo que atribúe ás reducidas dimensións dos cubículos e dos corredores a unha alta incidencia de coxeiras, unha tipoloxía de lesión que presenta o 19,3 % das vacas das explotacións obxecto da investigación, sobre todo en ganderías con alta densidade de animais.