Estudos xenómicos en Galicia avanzan na conservación da árnica ameazada

A investigación, liderada pola USC e financiada pola Deputación de Lugo, busca preservar as poboacións naturais da planta medicinal Arnica montana

A árnica é unha planta medicinal amplamente utilizada en sectores como a industria farmacéutica e cosmética polas súas propiedades medicinais, derivadas de compostos bioactivos. Porén, a extracción intensiva para abastecer os mercados reduciu drasticamente as súas poboacións en moitos países, chegando incluso a desaparecer en algúns deles.

En Galicia, a investigación desenvolvida no Campus de Lugo está a levar a cabo un estudo xenómico para comprender as dinámicas reprodutivas da especie e garantir a súa supervivencia.

Desde 2017, grazas ao financiamento da Deputación Provincial de Lugo, realizáronse estudos que permitiron identificar unha considerable variabilidade xenética entre as poboacións de árnica analizadas en Galicia.

Co obxectivo de evitar a desaparición das poboacións naturais, no ano 2018 creáronse parcelas de cultivo na localidade de Xermar (Lugo), onde se conseguiu domesticar a árnica “con éxito ofrecendo incluso rendementos produtivos moi superiores aos que se atopan nas poboacións naturais”, como explica Manuel Vera Rodríguez, responsable dos estudos xenéticos e profesor da Facultade de Veterinaria da USC.

Os resultados duns estudos de 2021 indicaron que as poboacións da costa cantábrica están máis relacionadas coas galegas, que presentan o quimiotipo ibérico, mentres que as de Castela-León e Cataluña están vinculadas ás poboacións da Serra do Courel, que presentan o quimiotipo europeo, o que subliña a relevancia das poboacións galegas na conservación do grupo ibérico da árnica.

En 2023, continuaron os traballos de caracterización xenética dos exemplares cultivados na finca de prácticas da EPSE da USC, engadiuse tamén unha nova poboación natural procedente de Samos e creouse un sementeiro con flores de tres exemplares cultivados en Pontepedrido.

En 2024, o proxecto continuou coa análise xenómica de máis de 400 exemplares cultivados en Galicia, mentres que o primeiro ensamblado do xenoma da planta proporcionado polo CNAG servirá de base para estudos futuros.

O equipo tamén colabora con grupos europeos para asegurar a conservación a longo prazo desta especie ao longo do seu rango natural, que vai dende a Península Ibérica ata a Península Escandinava e os Cárpatos.

Comments are closed.