Evento en Lugo para celebrar os dez anos da Aula de Produtos Lácteos

Imaxe de arquivo.
O 1 de xuño de 2015, coincidindo co Día Internacional do Leite, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (APLTA) estreaba as súas novas instalacións no barrio lucense de San Fiz. Dez anos despois, este centro tecnolóxico celebrará o seu aniversario cun evento aberto ao público o vindeiro 30 de maio a partir das 17:00 horas.
As persoas asistentes poderán coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve na APLTA, un referente europeo en en I+D+i no sector alimentario. A visita incluirá un percorrido polas instalacións, onde se poderán ver algúns dos produtos xa coñecidos polo público e desenvoltos no centro.
Aínda que moitos proxectos non poden mostrarse por cláusulas de confidencialidade coas empresas colaboradoras, haberá exemplos visibles de innovacións públicas ou privadas das que as propias compañías se senten orgullosas. O evento tamén contará cunha mesa redonda, unha deguntación comentada de queixos e uns petiscos de despedida.
A mesa redonda, titulada “Innovación: da orixe á internacionalización”, reunirá representantes de destacadas empresas lucenses como Sergio Martínez (Innolact-Quescrem), Jesús García (Grupo Lence) e Ana Vázquez (Airas Moniz).
Nela falarase sobre a colaboración entre estas compañías e a APLTA e como a innovación lles permitiu exportar os seus produtos a nivel global. Tamén se abordará o impacto que teñen estas iniciativas no desenvolvemento local e na creación de emprego. Para participar na mesa redonda é preciso inscribirse previamente, enviando un correo a comunicacion@aplta.es ou un WhatsApp ao 647 344 098.
Como peche da xornada, terá lugar unha degustación de queixos de empresas que teñen colaborado coa APLTA nesta última década: Savel de Airas Moniz, untables de Quescrem, Amarelo de Casa Donicio, macerado en mencía de Lácteos Ribeira Sacra, Pau Santo de Central Leiteira Galega, queixo DaJosefa de Quesería DaJosefa e Gran Capitán e Flor de Esgueva de Lactalis.