Formación sobre os cogomelos como producións non madeireiras do bosque

En outubro haberá unha formación na que se aprenderán a identificar as especies máis importantes de Galicia de fungos superiores que producen cogomelos


O XVII Curso de Cogomelos Comestibles e Velenos de Galicia do Campus Terra da Universidade de Santiago será do 21 ao 25 de outubro. Trátase dunha formación, que terá lugar na Escola Politécnica de Enxeñería, que será teórica e prácticas, dirixida ao alumnado de grao e máster, PDI, PAS, profesionais e sector produtivo. A formación conta con 25 prazas e ten a inscrición aberta.

A finalidade é que os asistentes ao curso coñezan a importancia dos cogomelos como producións non madeireiras do bosque e que sexan capaces de identificar as especies máis importantes de Galicia de fungos superiores que producen cogomelos, tanto comestibles coma velenosas. Tamén se abordará a importancia da silvicultura, concretamente as técnicas culturais e silvícolas que melloran a produción micolóxica.

Nunha primeira sesión tratarase o reino Funghi, o fungo e cogomelo, os macromicetos e micromicetos, a reprodución dos fungos, as formas de vida dos fungos e morfoloxía e ecoloxía dos cogomelos. Na segunda e terceira, abordaranse as principais especies produtoras de cogomelos comestibles e as principais especies produtoras de fungos tóxicos. En ambas describiranse as características diferenciais, confusións, hábitats e época de frutificación. No caso de fungos tóxicos, falarase sobre as intoxicacións por inxestión de cogomelos e tratamentos das mesmas. Finalmente, trataranse as técnicas culturais e silvícolas que melloran a produción de cogomelos.

A formación está coordinada por Antonio Rigueiro Rodríguez e as sesións estarán impartidas por Juan Luis Fernández Lorenzo, Julián Alonso Díaz, Roque Julio Rodríguez Soalleiro e Antonio Rigueiro Rodríguez.

Comments are closed.