“Fortalecer o Campus Terra”, a aposta da USC para os vindeiros anos

Antonio López, reitor da USC, acudiu ao acto conmemorativo do San Tomé onde deu un discurso sobre os beneficios que traería a mellora da sede da universidade en Lugo e cales son os obxectivos futuros

Celebración de Santo Tomé de Aquino na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da USC.

O reitor da USC, Antonio López, acudiu ao acto conmemorativo do San Tomé que se levou a cabo o luns 27 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. No seu discurso, o reitor fixo fincapé en que mellorar o Campus Terra “achega importantes beneficios para a provincia e para Galicia no seu conxunto”.

No acto, Antonio López destacou os avances conseguidos por este campus de especialización nos últimos anos e esbozou os principais obxectivos para o futuro.

 

Incremento no número de matrículas

O reitor destacou o aumento na matrícula do Campus Terra, especialmente no Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, que rexistrou un incremento do 35%. Tamén subliñou o crecemento significativo do estudantado internacional, cun aumento do 89% nos graos e do 60% nos mestrados nos últimos dous bienios.

En conxunto, o número de estudantes de primeira matrícula no campus creceu un 41% nos últimos seis anos, pasando de 621 a 876, o que elevou o total de estudantes a preto de 4.300, unha cifra similar á de hai unha década.

O reitor asegurou que se garantirá a continuidade das titulacións centrais para a especialización do Campus Terra, destacando o recoñecemento ao Grao en Veterinaria como grao de excelencia, o primeiro da USC en obter esta distinción.

“Estou seguro de que, seguindo este exemplo pioneiro, outras titulacións, tanto de Compostela, como deste campus de Lugo, chegarán a incorporarse a este club distinguido en vindeiras convocatorias”, engadiu Antonio López.

Finalmente, avanzou a creación de dous novos mestrados na EPSE que poderían iniciarse no curso 2026-2027: o Máster Interuniversitario en Vehículos Autónomos e o Máster en Enxeñaría da Paisaxe, Infraestruturas Verdes e Transición Rural.

 

Investigación a nivel internacional

Antonio López Díaz recordou como no Ránking de Shanghai “a investigación feita dende a nosa Universidade sobresae en quince ámbitos temáticos”, como é o caso de Veterinaria, que se sitúa entre os postos 51-75 a nivel mundial e no intervalo 4-5 no ámbito estatal.

Lembrou tamén o centro que estará aprobado no segundo semestre do 2025 e que está centrado na interacción entre o medio ambiente, a saúde animal e a saúde das persoas. Como indicou o reitor, esta temática é a axeitada para a especialización e a investigación do Campus Terra.

Antonio López destacou tamén un estudo recente dos profesores Roberto Bande Ramudo e Diana Fernández Méndez. Este cifra o impacto do Campus Terra na produción provincial en máis de 75 millóns de euros. Tamén agradeceu o financiamento da Xunta e o apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial.

 

Lección Maxistral

Na mesa presidencial tamén estiveron o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco J. Fraga López; a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera; e a presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra Rey.

O encargado da Lección Maxistral foi o profesor Roque Julio Rodríguez Soalleiro, catedrático de Produción Vexetal, que falou sobre o tema ‘Entre carballos e castiñeiros: xestión activa para producir madeira de calidade’.

O profesor Roque Julio Rodríguez Soalleiro, encargado da Lección Maxistral.

“A Universidade, sobre todo na súa vertente das ensinanzas técnicas ou de enxeñaría, aparte da súa actividade docente e investigadora, debe xerar alternativas, neste caso de xestión do territorio, que teñan unha posibilidade de aplicación a nivel local”, destacou o profesor.

A problemática das frondosas caducifolias en Galicia é similar á doutros países europeos, onde o cambio climático afecta as coníferas e aumenta “os problemas sanitarios nas plantacións de especies de crecemento rápido”. Incrementar a resiliencia do sector forestal require “unha xestión activa destas formacións”, conclúe o profesor Rodríguez Soalleiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *