IBADER: 25 anos traballando para que o medio ambiente sexa o motor do medio rural
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC cumpre un cuarto de século promovendo a conservación da natureza e a protección dos espazos naturais, cun papel relevante no recoñecemento da actual rede galega de Reservas da Biosfera
No corazón do Campus Terra, en Lugo, ten a súa sede o IBADER, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural. Del depende tamén a Estación Científica do Courel, localizada en Seoane, nas montañas orientais de Galicia.
un grupo de científicos traballa a diario para resolver un dos maiores retos do século XXI: como protexer a natureza sen frear o desenvolvemento económico. É a misión do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER),
Nado no ano 2001 dunha alianza estratéxica entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, o IBADER é un instituto mixto que leva 25 anos traballando para resolver un dos maiores retos do século XXI: como protexer a natureza sen frear o desenvolvemento económico.
Neste tempo, tivo un papel destacado na declaración da Rede de Reservas da Biosfera en Galicia e converteuse nun referente científico que conecta o laboratorio co mundo agrario e a natureza, conxugando as figuras legais de protección coas necesidades reais do rural galego e os seus habitantes.
A misión do IBADER é conciliar o desenvolvemento económico do medio rural coa protección da natureza
Grazas á súa transferencia de coñecemento, é posible avanzar en modelos produtivos que respecten as evidencias científicas en relación á protección da natureza, garantindo que o rural galego siga sendo vivo, produtivo e, sobre todo, sostible.
Gardiáns da biodiversidade

O Ibader custodia importantes coleccións de pole e plantas
A Deputación de Lugo cedeu como sede do IBADER a antiga vivenda do director da Granxa Pecuaria Rexional de Galicia (A Granxa), proxecto promovido polo goberno da Segunda República que non foi materializado até a década de 1940.
A restaurada Casa da Granxa acolle na súa planta baixa o laboratorio de catalogación e recursos biolóxicos, con dous herbarios e unha colección de pole, así como un banco destinado á crioconservación de mostras biolóxicas, xunto a diverso instrumental de microscopía óptica. O persoal do instituto traballa por exemplo sobre o terreo analizando dende a calidade dos solos ata o control de especies exóticas invasoras que ameazan os ecosistemas autóctonos.
O IBADER alberga na súa sede dous herbolarios e unha colección polínica
Na sede do IBADER hai tamén un laboratorio de cartografía e un sistema de información xeográfica orientado á planificación e xestión do medio rural e dos espazos naturais, outro dos grandes eixos de traballo do instituto.
A iniciativa do grupo de investigación Laboratorio do Territorio, o IBADER estableceu no ano 2016 os Premios Rafael Crecente, un galardón que se concede anualmente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial. O profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015) era considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia.
Estación científica do Courel

Edificio da Granxa no campus universitario de Lugo, sede do Ibader
En maio de 2024 o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela adscribiu ao IBADER a Estación Científica do Courel, localizada en Seoane do Courel, pertencente ao Concello de Folgoso do Courel, no corazón da montaña oriental de Galicia.
Como centro localizado nun entorno rural de montaña permite a realización de proxectos de investigación aplicada. A parcela onde se construíu o edificio da Estación Científica foi cedida polos veciños de Seoane á USC. As obras iniciáronse no ano 2009, sendo inaugura o 28 de maio de 2010.
Creouse cos obxectivos de potenciar a interdisciplinariedade e a cooperación entre grupos de investigación en áreas como a ecoloxía, a biodiversidade, o medio ambiente, os sistemas agrarios, o desenvolvemento rural e a xestión de espazos naturais.
Investigadores
O persoal científico do IBADER está conformado neste momento por 66 persoas. Os investigadores e investigadoras intégranse en 13 grupos de investigación da Universidade de Santiago, vinculados todos eles co Campus Terra.
Os investigadores e investigadoras pertencentes ao IBADER intégranse en 13 grupos de investigación
A través do desenvolvemento de actividades de I+D+I, o IBADER presta servizos de asesoramento, colaboracións científico-técnicas e de divulgación con diversos organismos pertencentes á Administración europea, estatal, autonómica e local, así como con asociacións e entidades privadas.
Artífices das Reservas da Biosfera

Pablo Ramil Rego, director do Ibader
O IBADER non é un centro de teoría abstracta, senón que o seu impacto ten coordenadas reais. Un dos seus maiores fitos históricos foi o liderado técnico para que a UNESCO declarase a actual rede galega de Reservas da Biosfera, un selo internacional que puxo no mapa global a riqueza ambiental de Galicia.
A declaración dunha Reserva da Biosfera pola UNESCO non é un mero trámite administrativo, senón un complexo recoñecemento internacional que esixe un soporte científico impecable. En Galicia, ese aval técnico ten un nome propio: o IBADER. A través da súa Área Ambiental, o instituto asumiu un rol protagonista na delimitación, xustificación e xestión das xoias ecolóxicas da comunidade.
O Ibader foi o motor científico que deseñou a actual rede galega de Reservas da Biosfera
Un labor de tres décadas: De Terras do Miño á Ribeira SacraO traballo do IBADER abrangue todo o mapa galego de espazos protexidos pola UNESCO:Terras do Miño (2002): O instituto coordinou o deseño científico da que foi a primeira Reserva da Biosfera de Galicia e un dos espazos protexidos máis grandes da Península. Recentemente, incluíuse na prestixiosa rede internacional Global Flagship Landscapes grazas ao valor singular das turberas do Xistral.Os Ancares Lucenses (2006): O IBADER redactou a monografía técnica e as bases cartográficas necesarias para demostrar o valor ecolóxico e cultural deste espazo de montaña.Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel (2021): O instituto actuou como o gran valedor técnico desta candidatura. Liderou a elaboración da proposta científica para a Xunta de Galicia, defendendo que os canóns do Sil e as montañas orientais cumprían rigorosamente os tres eixes da UNESCO (conservación, desenvolvemento local e loxística).
Grazas a esta blindaxe científica, Galicia conta hoxe co 30% do seu territorio recoñecido baixo algunha figura da UNESCO, convertendo o coñecemento nado no campus universitario lucense nun motor directo para o ecoturismo e a sustentabilidade do rural.
Pasar do mapa ao terreo na planificación pública

O IBADER é un centro de investigación clave que desde o ano 2001 funciona como o cerebro verde de Galicia. A través do desenvolvemento de actividades de I+D+I, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural presta servizos de asesoramento, colaboracións científico-técnicas e de divulgación con diversos organismos pertencentes á administración europea, estatal, autonómica e local, así como con asociacións e entidades privadas.
O IBADER é un aliado técnico das administracións e está involucrado en diversos proxectos Life europeos
Hoxe en día, ningunha política ambiental ou de desenvolvemento rural en Galicia se deseña a cegas. O IBADER funciona como o asesor de cabeceira para concellos, gobernos autonómicos e proxectos europeos, como o Programa LIFE, que desde o ano 1992 é o único instrumento financieiro da Unión Europea dedicado, de forma exclusiva, ao medio ambiente.
O coidado do medio ambiente: unha oportunidade de futuro
A necesidade de preservar a biodiversidade natural de Galicia non pode estar reñida co desenvolvemento económico das zonas rurais, é máis, a conservación da riqueza medioambiental pode ser motor económico e social para o territorio.
“A conservación da biodiversidade e a xestión sostible do medio rural son obxectivos integrados, compatibles e que se necesitan mutuamente. Non se pode entender a biodiversidade nun territorio como é Galicia sen entender o seu medio rural e tampouco se pode pensar que o medio rural poida ter un futuro sustentable se non temos tamén cumpridos uns obxectivos de conservación”, afirma Pablo Ramil, director do IBADER.
Non se pode entender a biodiversidade nun territorio como é Galicia sen entender o medio rural
“O medio rural sufriu nestes 25 anos unha importante transformación desde o punto de vista socioeconómico e aparecen tamén novas necesidades de dotar á xente que vive e traballa no rural dunha mellor calidade de vida”, asegura.
Desde o punto de vista do medio ambiente, Pablo destaca a labor das explotacións agrogandeiras extensivas na conservación da biodiversidade. “É un modelo de explotación tradicional que se remonta á Idade Media e que ten novas necesidades técnicas e novas orientacións en canto á produción e ás que tamén se lles esixe, en canto á normativa europea, novas obrigas de carácter ambiental”, di.



