Lugo acollerá o Congreso AEPAS, referente estatal en análise sensorial

Investigación, empresa e tecnoloxía conflúen para explorar a fusión entre sentidos e datos

Xuízas realizando unha cata de queixos. / Tastelab.

A cidade de Lugo será o epicentro da análise sensorial en España entre o 4 e o 6 de xuño coa celebración da sexta edición do Congreso da Asociación Española de Análise Sensorial (AEPAS).

Baixo o lema “A fusión entre sentidos e datos”, o encontro abordará durante tres días os desafíos empresariais desde a perspectiva sensorial, explorando aplicacións da intelixencia artificial e os sentidos no desenvolvemento de produtos e na toma de decisións baseada en datos.

A inscrición pode realizarse ata o 21 de maio a través da seguinte ligazón, con tarifas reducidas para estudantes. Ademais, convocouse un concurso de resumos científicos, do que sairán dous traballos premiados.

O evento contará coa participación de persoal investigador de universidades españolas e do CSIC. Desde a organización destacan que o congreso “consolida o seu papel como o principal espazo de reflexión e avance nesta disciplina”.

Tamén asistirán entidades como CLUSAGA e importantes empresas do ámbito galego e estatal. Entre elas, destacan Innolact, Martín Códax, Viña Costeira, Estrella Galicia, Nova Pescanova, CAPSA, Congelados de Navarra, Ametller Origen, Grupo Carinsa e Pascual.

“Esta pluralidade de sectores e experiencias enriquecerá o intercambio de ideas e fomentará novas sinerxías entre a academia, a industria e as institucións”, sinalan.

O programa incluirá conferencias, mesas redondas, relatorios, catas, talleres e espazos de networking. Tamén haberá actividades sociais e gastronómicas, ademais dunha visita guiada pola cidade.

Organiza o evento a Universidade de Santiago de Compostela, a través das profesoras Mª Ángeles Romero e Mª Lourdes Vázquez, tamén cofundadoras de TasteLab, spin-off da USC especializada en análise sensorial. Maruxa Quiroga preside o comité organizador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *