Medio Rural e a facultade de Veterinaria intensificarán a súa colaboración en materia de formación
Alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude fixeron xa prácticas no Hospital Universitario Rof Codina e estudantes da facultade de Veterinaria poden recibir formación por parte do persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo
A Consellería do Medio Rural e a facultade de Veterinaria da USC intensificarán a súa colaboración mutua en materia de formación, tanto do alumnado dos centros dependentes da Consellería como dos da facultade situada no campus de Lugo.
A titular da consellería, María José Gómez, cualificou esta colaboración como “necesaria” e valorou a “relación íntima que xa existe” entre centros propios como o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude (Boqueixón) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) coa citada facultade, unha relación que se seguirá ampliando.
Ambas partes afondarán no desenvolvemento de novas accións formativas para os seus respectivos alumnos, ampliando así o convenio existente de cooperación educativa subscrito entre a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería, e as tres universidades galegas. En virtude deste acordo, as partes asinantes acordaron establecer un programa para a realización de prácticas, tanto curriculares como extracurriculares, no caso do alumnado de mestrado.
A maiores, un total de 64 estudantes de 2º curso de Gandaría e asistencia en sanidade animal do CFEA de Sergude realizaron xa formación práctica no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, dependente da USC e situado no campus de Lugo. Esta iniciativa lévase realizando nos últimos tres cursos académicos. Asemade, estudantes da facultade de Veterinaria poden recibir formación por parte do persoal do CIAM, adscrito á Consellería. Neste sentido xa existen colaboracións formativas entre ambas entidades como a do Máster de Produción de Leite.