Ga-link, axenda de actividades no rural a un clic
Estudantes do Campus Terra foron premiados no III Terra Creative Jam por esta iniciativa, na que buscan dar a coñecer a oferta de lecer na xeografía galega
Na actualidade tres estudantes do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo están a dar continuidade a este proxecto, que pretende “dar a coñecer dunha maneira directa todas as actividades, produtos e todas as experiencias que ofrecen os pequenos pobos de Galicia”.
Ga-Link xurde en resposta, cando menos en parte, ás necesidades advertidas por Juan Hernández, Gabriel Barrigón e Abel Belhaki, tres estudantes procedentes de Albacete, Cáceres e Murcia, respectivamente. Na súa estadía en Lugo botan en falta a dispoñibilidade dunha axenda en tempo real que permita que calquera poida consultar desde o seu móbil que é o que está a suceder ao seu arredor. “Ao ser de fóra sentimos dunha forma máis radical a necesidade dunha aplicación que nos facilite a estancia nun territorio completamente novo”, explican. Engaden que “a miúdo, neste mundo hiperconectado, estamos máis informados sobre o que sucede alén do planeta que na nosa propia contorna”.
A longo prazo buscan que a plataforma chegue a todas as comunidades españolas e mesmo ao estranxeiro
A plataforma parte dunha interface moi simple e intuitiva na que calquera usuario pode consultar todos eses eventos, festas e atractivos que pode atopar preto da súa localización. Unha sorte de mapa colectivo no que profundar nas paixóns e afeccións individuais, relatan estes universitarios. Tamén ofrece a pequenos concellos, aldeas e empresas unha plataforma aberta para darse e a coñecer e atopar so seu sitio no mapa.
Os tres estudantes que lideran o proxecto sosteñen que, a curto prazo, o futuro da plataforma é acabar o MVP (acrónimo en inglés de produto mínimo viable). A partir de aí, confían en presentar a proposta a investidores, pero tamén ao Goberno galego. Deste xeito, pasarían a potenciar a capacidade da plataforma ampliando o catálogo de pobos, eventos e lugares incluídos. A longo prazo, entre os seus desexos está chegar a todas as comunidades españolas e, no horizonte final, mesmo ao estranxeiro.
O Terra Creative Jam está promovido polo Campus Terra xunto coa Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC e en colaboración coa incubadora Lug Open Factory. Nesta ocasión, a idea gañadora está impulsada por cinco estudantes.