O cambio climático ameaza a supervivencia do castiñeiro europeo na Península Ibérica
Un estudo no que participan investigadores da USC prevé a redución do hábitat idóneo da especie e sinala a necesidade de estratexias de mitigación

Imaxe do Campus Terra.
O castiñeiro europeo (Castanea sativa), unha das especies arbóreas máis emblemáticas da Península Ibérica, podería enfrontarse a unha drástica redución da súa área de distribución nas próximas décadas debido ao cambio climático.
Un estudo publicado na revista Frontiers in Forests and Global Change indica que o hábitat idóneo para esta especie verase afectado especialmente nas rexións mediterráneas, debido ás temperaturas en ascenso e menor dispoñibilidade hídrica. Pola contra, as rexións atlánticas poderían manter condicións máis favorables.
A investigación contou coa participación de persoal investigador da USC, da Universidade de Oviedo, do Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade (Universidade de Oviedo, CSIC e Principado de Asturias), da Universidade de Granada e da Fundación Oso Pardo.
O castiñeiro europeo, promovido inicialmente por gregos e romanos polo seu valor alimenticio e forestal, consolidouse na Idade Media como unha peza clave dos sistemas agroforestais da Península Ibérica.
Ademais de proporcionar madeira de alta calidade, os seus froitos foron un recurso importante para as comunidades rurais. Porén, a súa distribución e capacidade produtiva poderían verse afectadas nas próximas décadas se non se adoptan medidas adecuadas.
Un hábitat en transformación
O equipo investigador indica que o hábitat idóneo do castiñeiro está ligado a rexións húmidas con precipitacións anuais superiores a 800 litros por metro cadrado e temperaturas medias entre 10 e 15 graos centígrados.
“As proxeccións climáticas do noso estudo indican que o hábitat idóneo para o castiñeiro sufrirá unha redución progresiva nas próximas décadas, especialmente nas rexións mediterráneas, onde o aumento de temperaturas e a diminución de precipitacións limitarán a súa capacidade de supervivencia”, comentan as persoas investigadoras.
Mentres tanto, “as rexións atlánticas, con maiores niveis de humidade, mostran unha maior resiliencia fronte ao cambio climático, aínda que o castiñeiro podería verse afectado pola competencia con outras especies máis adaptadas ás novas condicións”, explican.
Ademais, engaden “que o castiñeiro experimentará un desprazamento altitudinal duns 60 metros de media, migrando cara a zonas máis elevadas onde as condicións ambientais sexan máis favorables”.
Estratexia para a súa conservación
O profesor da USC e coordinador do grupo de investigación COMPASSES, Emilio Díaz Varela, indica: “Estas variacións na distribución óptima do castiñeiro subliñan a necesidade de adoptar un cambio nos enfoques da xestión forestal, da paisaxe e do territorio, fronte a unha situación na que a supervivencia da especie precisará da comprensión das súas dinámicas de adaptación e evolución en escenarios climáticos cambiantes”.
A investigación subliña a urxencia de implementar medidas para mitigar os efectos do cambio climático sobre o castiñeiro. Entre as accións recomendadas destacan a selección xenética de variedades máis resistentes á seca e a temperaturas extremas, a xestión eficiente da auga en plantacións agroforestais e a restauración de ecosistemas forestais degradados.
“Estas accións serán fundamentais para garantir a sustentabilidade do castiñeiro a longo prazo e preservar o seu papel na biodiversidade e na economía rural de moitas rexións ibéricas”, apuntan as persoas autoras do estudo.
O castiñeiro ademais de ser unha fonte de recursos, desempeña un papel esencial nos ecosistemas forestais, e o seu declive afectaría a biodiversidade. A investigación e as estratexias de conservación son prioritarias para a ciencia, a xestión forestal e as comunidades rurais.
O estudo foi desenvolvido no marco do proxecto LIFE19 NAT/ES/000913 ‘Osos con Futuro’, financiado pola Unión Europea e coordinado pola Fundación Oso Pardo. Ademais, contou con financiamento adicional do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España.