O Campus Terra lidera un proxecto europeo para analizar a saúde dos solos
A catedrática galega Rosa Mosquera coordina o proxecto SUS-SOIL, do que forman parte 15 países
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela lidera o proxecto SUS-SOIL, unha iniciativa orientada a estudar a saúde dos solos, co fin de determinar o seu grao de sustentabilidade. A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría Mª Rosa Mosquera Losada, atópase á fronte desta nova iniciativa europea de I+D+i, que está impulsada por un consorcio de 25 socios, entre os que figuran a USC, Feuga, Goberno de Murcia e UDC como representantes españois, ademais doutras entidades dun total de 15 países.
O proxecto SUS-SOIL posibilitará analizar a saúde dos solos desde diversas perspectivas: física, química, biolóxica…, ao tempo que servirá para ampliar información e coñecemento sobre a existencia de residuos que poidan resultar nocivos para o medio ambiente e incluso tóxicos. Outro dos ámbitos de acción deste proxecto atinxe á avaliación de prácticas de xestión agroecolóxica que se desenvolven nos distintos territorios.
A iniciativa, incluída no programa Horizonte Europa e dotada con 7 millóns de euros de financiamento, ten outro obxectivo que é determinar a capacidade dos solos para a absorber carbono. Esta dimensión, precisou a catedrática Rosa Mosquera, presenta un especial interese para Galicia, dadas as características singulares que presentan os solos da comunidade galega.
Primeiras actividades
As primeiras accións programadas ao abeiro do proxecto SUS-SOIL comezarán a desenvolverse ao longo do outono de 2024. A USC, a través do grupo en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, non solo actúa como líder do proxecto, senón que xestionará de xeito directo un orzamento de arredor de 800.000 euros.
Respecto implicación da comunidade científica do Campus Terra neste novo programa europeo, Rosa Mosquera cifrou en preto dunha ducia o número de docentes, investigadores e demais persoal técnico da sede universitaria luguesa que terá unha participación activa na xestión e no desenvolvemento de SUS-SOIL. Daquela, entre as persoas implicadas atópanse, ademais de Mosquera, os tamén catedráticos da USC Antonio Rigueiro, Esperanza Álvarez, ademais de investigadores como Nuria Ferreiro ou Javier Santiago. Divina Vázquez Varela e Teresa Piñeiro ocuparanse das tarefas de xestión, do mesmo xeito que Pablo Fernández e Manuel Condado desenvolverán outros cometidos específicos.