‘O laboratorio de formas rural’ reivindica os saberes e faceres de cada territorio
A proposta figura entre as 22 candidaturas aprobadas no programa ‘Art for Change’, que impulsa proxectos de creación que favorezan a transformación social
Esta proposta artística de intervención social está promovida polos profesores da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Estella Freire, todos eles ligados ao colectivo Escola Imaxinada. Responde a un proxecto que se presenta como un escenario de acción móbil que permite o desenvolvemento de talleres creativos, interxeneracionais e interdisciplinares, a través dos que as persoas participantes teñen a oportunidade de afondar no coñecemento e na conservación do patrimonio natural, material e inmaterial.
As accións do proxecto empezarán en febreiro no CEIP O Corgo nas que haberá formación para o profesorado
Vicente Blanco sinalou que un dos retos fundamentais deste proxecto de consolidación deste tipo de metodoloxías activas de creación artística pasa por salientar a infancia como esperanza para afrontar un escenario de crise ecolóxica, cultural e educativa que se manifesta de xeito significativo nunha contorna rural cada vez máis despoboada e abandonada.
‘O laboratorio de formas rural’ contempla a celebración de talleres orientados a comunidades educativas e familias que viven e exercen a súa actividade no medio rural. De feito, todas as accións previstas desenvolveranse a partir do mes de febreiro do CEIP O Corgo, un escenario no que ademais de traballar coa infancia, tamén se impartirán accións formativas dirixidas ao profesorado. Blanco explicou que o proxecto empregará nas súas distintas sesións catro estacións de traballo diferentes: gráfica (imprenta), barro, construción (madeira) e narrativa (reprodutores).
O artista fixo especial fincapé na importancia de conservar e poñer en valor a sabedoría e as tradicións propias de cada territorio, ao tempo que apuntou este tipo de metodoloxías activas poden constituír tamén un recurso apropiado para mellorar a capacidade de atención da infancia durante os procesos de aprendizaxe.
Presentación das candidaturas
‘Art for Change’ é unha iniciativa impulsada e financiada pola Obra Social La Caixa a través da que se apoian proxectos de creación en distintas disciplinas liderados por artistas e cuxo desenvolvemento implica a participación activa de colectivos en situación de vulnerabilidade e contribúe á transformación social. As accións aprobadas na súa convocatoria de 2023 botarán a andar ao longo do mes de febreiro, logo dunha xornada de presentación das candidaturas que se celebrará en Barcelona a finais de xaneiro, relata Vicente Blanco. Ademais, precisa que o orzamento deste programa sitúase ao redor de 20.000 euros, dos que a Obra Social La Caixa achega 15.000 euros.