“O modelo tradicional dos soutos galegos permitiu salvar as nosas variedades autóctonas”
Galicia, e nomeadamente as provincias de Lugo e de Ourense, son os principais enclaves produtores de castaña de España. Analizamos, coa axuda de Santiago Pereira, catedrático do Campus Terra da USC, a realidade actual do cultivo e as posibilidades futuras
Lugo acolleu a finais de xuño o VII Simposio Internacional da Castaña, unha xuntanza cuatrianual na que participan os principais expertos mundiais neste froito, de fonda tradición en Galicia e que se abre camiño nos mercados internacionais.
Santiago Pereira Lorenzo, catedrático da Escola Politéctica Superior de Enxeñería e vicepresidente da división de froitos secos da Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS) foi o coordinador do simposio. Falamos con el dos principais retos e oportunidades de cara ao futuro.
O control das pragas que afectan ao castiñeiro e os problemas relacionados co relevo xeracional e o abandono dos soutos son dúas das principais problemáticas que debe afrontar o sector en Galicia para acadar un aproveitamento óptimo dos recursos cos que conta.
Galicia, salienta o profesor da USC, é a principal produtora de castaña de España e a rexión que presenta unha maior diversidade xenética, con árbores monumentais que preservaron ese legado durante séculos.
En Francia, onde se apostou polos híbridos, practicamente desapareceu a día de hoxe a produción
É un valor que considera que se debe manter porque aporta riqueza e é unha garantía de futuro. “En Francia, onde se apostou polos híbridos, practicamente desapareceu a día de hoxe a produción e teñen que importar toda a castaña para subministrar á súa industria transformadora”, asegura Santiago. “En Galicia, o feito de ter mantido o modelo tradicional dos soutos preservou as nosas variedades autóctonas e salvou a produción”, destaca.
Pero alén da produción de castaña, o profesor Pereira Lorenzo tamén pon en valor a importancia do castiñeiro pola súa madeira de calidade, así como pola súa fonda pegada na paisaxe e mesmo na tradición cultural europea.
Cantos castiñeiros hai en Galicia?
Galicia conta cunha extensa superficie con presenza da especie Castanea sp., ben como especie principal, ocupando o castiñeiro unha superficie de 12.500 hectáreas en masas puras, ou ben como especie secundaria en formacións mixtas (46.455 ha segundo os datos do último Inventario Forestal Nacional). Ao mesmo tempo, a superficie de soutos de froito ascende aproximadamente a unhas 38.000 hectáreas, segundo os datos da Xunta.
Pero existe controversia entre os datos oficiais, tal como recoñece o profesor Pereira. Segundo as estatísticas do Ministerio, do ano 2018, en Galicia estarían en produción 24.592 hectáreas en plantacións regulares de castiñeiro, ao que habería que engadir máis dun millón de árbores diseminadas.
As nosas son producións extensivas, cuns rendementos de 1.500 kg por hectárea
Os cálculos do Ministerio estiman uns rendementos de 3.000 kg por hectárea e 84 kg por árbore individual, o que equivalería a máis de 160.000 toneladas de produción na comunidade dos 185.000 do total estatal. Lugo, con 50.000 toneladas, e Ourense, con 100.000, sumarían a maior parte da produción galega, unhas estimacións moi por enriba da realidade.
“As nosas son producións extensivas, duns 1.500 kg por hectárea, nada que ver coas grandes parcelas de produción intensiva que vemos en Estremadura ou noutros países”, matiza Santiago. Cos datos aportados polo Ministerio, Galicia produciría moitas máis castañas que todo Portugal xunto, cando na realidade a produción portuguesa dobra a galega.
Caída da produción nos últimos anos
Galicia é hoxe a principal comunidade autónoma española en produción e exportación de castañas. Os datos de produción dunha campaña normal sitúanse nos 20 millóns de quilogramos, que se traducen en máis de 30 millóns de euros pagados a produtores e que, á súa vez, xeran un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización unha vez transformados.
O valor anual da produción, transformación e comercialización de castaña supera os 70 millóns de euros en Galicia
Pero nos últimos 5 anos (2018, 2019, 2020, 2021 e 2022) a produción veuse afectada por diversos factores, como a avispiña, a seca ou os fungos, reducindo a castaña recollida por baixo das 15.000 toneladas.
Pero a produción flutúa ademais en función doutros factores, como por exemplo o prezo, que se move entre 1 e 2 euros o quilo dependendo do ano e o calibre. A castaña galega xoga nun mercado globalizado e a cotización varía tamén segundo a demanda e a produción noutros países.
Incentivar a plantación e a recollida vía prezo
Non toda a castaña que se produce en Galicia se recolle. A cantidade que queda tirada no monte varía dependendo do prezo que se pague ese ano e dos problemas produtivos noutras zonas que son competencia directa, como Italia ou Turquía. “Hai movementos de castaña cando falla a produción nunha zona”, indica o catedrático de Produción Vexetal da USC.
“Cando o prezo que se paga é bo, aquí aparece castaña. Unha parte dos froitos que os castiñeiros dan recoléctase só cando o prezo é axeitado. Cando a praga da avispiña fixo caer a produción en Italia, ese ano saíron camións de castaña de Galicia”, afirma Santiago.
Cando o prezo que se paga é bo, aquí aparece castaña
Alén das zonas produtoras clásicas tradicionais, como son as montañas de Lugo e Ourense, “hai outras máis agochadas e pendentes do prezo”. Non é algo que aconteza só en Galicia. “Non só pasa aquí, tamén en Turquía, que é a gran produtora de castaña sativa a nivel internacional, en función de como estea o mercado europeo colocan mellor ou peor o seu produto. Por iso están a adoptar as regulacións europeas de calidade para non ter problemas despois para exportar”, conta.
Hai certo repunte do castiñeiro e hai máis plantacións, pero haberá que ver despois se iso serve para aumentar a produción
Nos últimos anos está bastante alto o valor da castaña e iso está impulsando novas plantacións, opina. “Nos datos vese que hai certo repunte do castiñeiro, hai máis plantacións pero hai que ver se iso redunda en máis produción, porque o factor determinante vai ser o prezo”, insiste.
IXP e industria transformadora
Desde o ano 2009 funciona a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, a única IXP neste ámbito existente a nivel do Estado, un indicativo que ampara as producións de calidade diferenciada que teñen como base este produto forestal pero que por agora só inclúe a 156 produtores e arredor de 2.000 hectáreas.
O destino final da castaña galega divídese do seguinte xeito: 50% comercialización en fresco, 40% primeira transformación e 10% segunda transformación
A metade das castañas colleitadas en Galicia destínanse ao consumo en fresco e a outra metade ás industrias de transformación para o seu pelado e conxelado ou para a elaboración de produtos como fariñas, cremas e confituras. En postos de traballo, estímase que este sector supera os 500 empregos directos e os 800 indirectos, con máis de 230.000 xornadas de recolleita.
Galicia adoita producir cada ano arredor de 20.000 toneladas de castaña. É a comunidade líder en España, coa metade de toda a produción estatal, pero aínda así, a colleita galega é insuficiente para abastecer á industria e ás empresas comercializadoras da comunidade, que se ven obrigadas a importar case 10.000 toneladas máis doutras zonas produtoras de España e Portugal para cubrir as súas necesidades.
Galicia ten industria asociada á castaña, algo importantísimo, e a través da IXP garántese a produción desde o campo á mesa, unha cousa que se valora moito agora na UE
A nivel do Estado, a castaña andaluza é a primeira en chegar ao mercado, coas variedades pilonga e temprana de Ronda. Na Sierra de Aracena, en Huelva, prodúcense variedades como a ancha, a helechal ou a comisaria; de Asturias (cunha importante superficie de castiñeiro aínda que basicamente de tipo forestal) vén a chamberga; do Bierzo a parede; e de Extremadura (onde hai grandes extensións pertencentes a grandes propietarios na comarca cacereña de Las Villuercas) procede a verata, máis tardía.
Portugal produce grandes cantidades de longal e judía en rexións fronteirizas con Galicia, como a de Tras Os Montes ou o Alto Douro. O país ten preto de 35.000 hectáreas ocupadas por castiñeiros, o 85% delas nas rexións do norte, pero “está habendo unha aposta moi forte pola extensión de novas plantacións en Portugal”, asegura Santiago. A produción actual oscila, dependendo do ano, entre 50.000 e 60.000 toneladas, amparadas por catro DOP: Terra Fría, Serra da Padrela, Soutos da Lapa e Marvão.
Arredor dun 75% da castaña galega véndese a outros países, principalmente de Europa, en tanto o restante 25% comercialízase a nivel de España
“Pero Galicia ten industria asociada á castaña, que se concentra aquí, e lideramos a transformación, é algo importantísimo”, destaca Santiago. Empresas como Alibós, Cuevas ou Naiciña colocan a castaña galega (e a importada de Portugal) noutros mercados europeos. De feito, tres cuartas partes da castaña galega véndese a outros países.
Alongar o consumo máis aló do outono
O déficit galego en castaña dá unha idea do potencial que hai no monte para a súa produción, pero, que posibilidades de futuro ten o sector? “A demanda de castaña vai ser constante e incrementar a súa importancia”, opina o catedrático de Produción Vexetal da USC.
Sen embargo a castaña segue a ser un froito de consumo estacional, vinculado, no hemisferio norte, á chegada do outono. “A castaña híbrida ten o seu valor como castaña temperá. Son as primeiras, as que dan cor e diversidade aos escaparates das froitarías cara ao final do verán, pero moitas veces chega antes que o frío e non se consume, porque adiántanse moito respecto á época de consumo e a castaña ten unha compoñente cultural moi importante”, salienta.
Hai que avanzar en novas elaboracións, como snacks ou produtos sen glute elaborados a partir de fariña de castaña
“Os galegos non podemos entender un outono sen magosto, porque é un froito tradicional moi ligado á cultura, pero hai que ofrecer tamén novas modalidades que alonguen e desestacionalicen o consumo”, propón o catedrático da USC.
A industria galega de transformación presenta a castaña en distintas elaboracións, desde pelada e conxelada a fariña, marrón glacé, almíbar ou cremas e confituras, pero Santiago defende seguir innovando en derivados que se adapten aos novos xeitos de consumo, como snacks ou produtos sen glute elaborados a partir de fariña de castaña.
Á hora de agrandar os mercados, todos os países que teñen tradición histórica de presenza de castiñeiros son consumidores potenciais de castaña, aínda que hoxe teñan xa abandonado o cultivo. “En México, por exemplo, existe consumo de castaña e non teñen produción. O mesmo pasa en Arxentina”, conta.
Conservar o importante acervo varietal
Santiago Pereira escribiu hai 34 anos a súa tese de doutoramento sobre as castes de castiñeiro galego, un traballo que serviu despois de base para a IXP, e posteriormente, no ano 2018, liderou un estudo pioneiro do grupo de Agronomía da USC para estudar 105 árbores senlleiras de España, Italia e Portugal. “O castiñeiro é un cultivo porque se enxerta. Son castes moi antigas que se preservan deste xeito porque son valoradas”, destaca o profesor da Politécnica de Lugo.
A calidade das variedades galegas é comparable á do ‘marrone fiorentino’ italiano
A courelá, por exemplo, é unha variedade que aparece enxertada nun castiñeiro galego de 11 metros de perímetro con varios séculos de antigüidade, pero hai outras árbores monumentais, coma a de Pexeirós, no concello ourensán dos Blancos, de 14 metros de perímetro e datada entorno ao século XVI, ou a que foi recuperada recentemente na Cortiña Dorden, na aldea do Mazo, preto de Folgoso do Courel, de 21 metros de perímetro.
“Estaba oculto, limpouse para poder visitalo. Hai que irse a Sicilia para atoparse cun tronco similar, o de Cento Cavalli, de 22 metros de perímetro. O do Courel sería o segundo de Europa, temos a obriga de conservalo”, afirma.
A luguesa é unha variedade fantástica que está en desuso
Entre as 23 variedades rexistradas e con presenza en Galicia, “hai 10 grandes variedades campioas”, asegura. “A longal para a industria é fundamental, pero en zonas frías funcionan mellor a parede e a luguesa, e a negral destaca como a gran polinizadora galega”, exemplifica.
Mellora xenética e novas variedades
As variedades amparadas pola IXP son as variedades tradicionais. “Ese é o gran valor das nosas producións”, insiste, xa que son “variedades antigas únicas adaptadas ás nosas condicións edafoclimáticas”.
Lograr castiñeiros resistentes ás principais afeccións, como son a tinta (Phytopohthora cinnamomi) o cancro (Cryphonectria parasitica) e máis recentemente á avespiña (Dryocosmus kuriphilus) é unha das liñas fundamentais en materia de mellora xenética nos últimos anos.
Hoxe podemos ir a un viveiro e mercar as variedades tradicionais enxertadas en patróns seleccionados con garantías xenéticas
Os esforzos na última década están encamiñados a crear novos xenotipos controlados que sexan resistentes á tinta, que é o maior problema dos castiñeiros galegos, e contra a que non hai posibilidades de loita biolóxica, como acontece co cancro ou a a avispiña.
“Temos grande variedade de portaenxertos que funcionan bastante ben e que aportan resistencias á tinta do castiñeiro, estanse obtendo novos patróns que poden traer vantaxes no futuro”, di o profesor Pereira.
Variedades como a rapada, a negral ou a longal teñen unha maior resistencia fronte á avispiña
“Nas variedades estamos a ver algunhas que funcionan mellor ante a avispiña, aínda que de momento son resultados preliminares. Pero, en xeral, as variedades que temos agora en produción en Galicia funcionan todas bastante ben”, asegura.
Por iso, Santiago é partidario de “non alterar a nosa produción, como aconteceu nos viños, onde as castes propias foron substituídas nun primeiro momento”, aínda que na actualidade, salienta, “estamos volvendo a pasar dun sistema monovarietal a un plurivarietal porque se foi recupernado toda a diversidade e riqueza de variedades autóctonas de viñedo que tiñamos nas distintas zonas”.
Pódense introducir variedades mellorantes, pero non me gustaría cambiar moito a estrutura produtiva
“Pódense introducir variedades mellorantes, pero non me gustaría cambiar moito a estrutura produtiva. É dicir, debemos manter as variedades tradicionais vinculadas a cada zona: no Courel a courelá; a negral, amarelante e inxerta en Manzaneda, a longal e a famosa en Verín, Riós e Vilardevós; a negral e reigona en Valdeorras; a garrida e a loura en Chantada; ou a luguesa e a paredes en Lugo”, exemplifica.
Control das principais enfermidades
Diante das pragas que afectan aos castiñeiros na actualidade, “a comunidade científica móvese moi rápido e é capaz de plantexar solucións”, valora Santiago.
“Neste momento temos todas as ameazas xuntas, pero nótase moito cando hai intervención dos distintos estamentos para tratar de frear ou minimizar, por exemplo as campañas para frear o cancro, que están dando os seus froitos. Vemos que os castiñeiros están a cicatrizar”, asegura.
Eu vexo posible o control da praga da avispiña a curto prazo; o castiñeiro é unha especie moi resiliente e as soltas de torymus están a ter un efecto lento pero positivo
Tamén no caso da solta do parasito Torymus sinensis contra a avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) ve un “efecto lento pero positivo”. “A loita biolóxica podería funcionar mellor, pero temos xente preparada e a implicación da Administración”, di.
“Eu vexo posible o control da praga a curto prazo, porque aínda que é certo que está moi estendida, chega un momento no que a árbore é capaz de convivir; o castiñeiro é unha especie moi resiliente”, destaca.
Ante outros problemas, como o da pudrición do froito, que lle afecta á comercialización, aposta por solucións como as que xa se practican en Italia, como o de controlar a temperatura que se aplica no momento de curar a castaña.
Cambio climático
O cambio climático é outra das graves ameazas actuais para o sector. “Está afectando á produción, polas olas de calor, pero tamén porque hai pragas que afectan ao momento de cuallar o froito se hai períodos moi secos. Se en setembro non temos choivas a produción vese moi afectada”, concreta.
En Galicia téñense constatado nos últimos anos descensos do 35% por mor da seca, afectando tamén á sanidade do froito. O mesmo está a acontecer en Portugal, onde o ano pasado as olas de calor do mes de xullo provocaron que a produción de castaña caera á metade.
Trátase dun problema global que require de solucións comúns e a longo prazo. “Temos establecido unha colaboración cos investigadores portugueses, que teñen unha rede de parcelas con plantacións experimentais, nas que se introduciron tamén variedades galegas para estudar o seu comportamento, e tamén estamos colaborando co grupo de investigación da Universidade de Córdoba en Estremadura. “Nos próximos anos imos ver resultados interesantes neste sentido”, avanza Santiago.
Relevo xeracional e abandono dos soutos
Un dos graves problemas que enfrontan os soutos galegos é o despoboamento e abandono das aldeas. O 80% da superficie galega de castiñeiros (e a práctica totalidade dos soutos tradicionais) atópanse nas comarcas da Fonsagrada, O Courel, Sarria, Lemos, Valdeorras, Verín, Trives e Viana, moitas delas aqueixadas dun forte avellentamento poboacional.
A maior parte dos castiñeiros galegos están nas comarcas de montaña do oriente de Lugo e Ourense, zonas marcadas polo despoboamento
“A falta de xente nova no rural é un problema para a produción, este é un tema crucial de cara ao futuro, porque ten que haber xente para facer as podas, as plantacións e os enxertos, ademais de para apañar as castañas. É un cultivo que necesita da presenza humana. Pode entenderse como unha actividade de fin de semana, pero as labores mínimas de plantación, enxertía, poda e manexo do solo hai que facelas”, evidencia.
Sen poboación rural é difícil pensar no cultivo e produción de castaña
O estado actual dos castiñeiros galegos varía en función dos seus coidados en tres niveis: “Está entre o abandono, o aproveitamento e o cultivo. Hai zonas que poden aparentar abandonadas pero nas que hai algunha limpeza e certos coidados de vez en cando que fan que haxa produción, aínda que non sexa a óptima. Esas producións tamén chegan ao mercado”, asegura Santiago.
O castiñeiro necesita unha certa profundidade de chan e fertilidade do solo, condicións que atopa en Galicia. “A especie Castanea sativa está restrinxida a unha zona moi limitada, polas características dos chans calizos e a climatoloxía, aínda que toda Galicia sería apta”, aclara o catedrático de Produción Vexetal do Campus Terra.
A produción de castaña é viable en toda Galicia, pero require máis atención que o eucalipto
“O castiñeiro pode vivir a nivel do mar, sempre que non reciba directamente a brisa mariña, pero historicamente a recesión do castiñeiro nas zonas costeiras puido deberse a problemas de enfermidades como a tinta e á introdución doutros cultivos máis produtivos como a pataca ou o millo, e máis recentemente á presión doutras especies, como o eucalipto, que relegaron aos castiñeiros a zonas máis do interior da comunidade”, argumenta.
É moi difícil competir co modelo do eucalipto para unha poboación que ten o seu modo de vida na cidade
“Non podes ter unha plantación de castiñeiro cun modelo de adicación como o do eucalipto”, compara, por iso, di, “o eucalipto é unha especie máis compatible cun propietario forestal cada vez máis urbano”.
“Sen poboación rural é difícil pensar no cultivo e produción de castaña; en zonas como A Gudiña ou Verín, está habendo dificultade para manter os soutos produtivos pola falta de poboación rural vivindo alí”, exemplifica.
China, principal produtor mundial con máis da metade da superficie de castiñeiros do planeta
A Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra da USC en Lugo acolleu o pasado mes de xuño o VII Simposio Internacional da Castaña, un encontro que deu cita en Galicia a máis de 100 investigadores de países como EEUU, China, Xapón, Malasia, Chile, Hungría, Georgia, Eslovenia, Austria, Francia, Suíza, Italia ou Portugal.
O profesor Santiago Pereria, que tamén é vicepresidente da división de froitos secos da ISHS, a principal rede mundial da área de horticultura, formada por máis de 70.000 membros entre investigadores, universidades, gobernos e compañías comerciais de medio cento de países e rexións dos mundo, foi o coordinador do simposio, que se celebrou en edicións anteriores en Francia, Portugal, China, EEUU e Turquía. Tras recalar en Galicia, porá rumbo a Torino, en Italia, dentro de catro anos, e logo a Chile.
O VII Simposio da Castaña foi un foro de análise e debate das últimas liñas de I+D e propostas de innovación arredor desta especie forestal celebrado no mes de xuño en Lugo
Promovido pola Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS), as distintas ponencias e visitas programadas serviron para intercambiar resultados de investigacións, así como para debater cuestións orientadas a recoñecer e potenciar o valor socioeconómico, natural e cultural dos soutos.
“O valor dos soutos vai moito máis aló do económico. Existe na sociedade un aprecio como parte da nosa paisaxe, iso vai sobrevivir. Permite tamén a produción de madeira de calidade, que se vai seguir cotizando, e outras producións asociadas, como poden ser as de mel ou cogomelos. Diversificar é algo moi galego”, destaca o catedrático da USC.
O ISHS é unha organización independente que actúa como plataforma mundialmente recoñecida nos eidos da investigación, o intercambio de información científica e a colaboración a prol da innovación sustentable en horticultura.
A produción de castaña no mundo
A produción das 500.000 hectáreas de bosques de castiñeiros existentes no mundo é de 2 millóns de toneladas anuais. A produción de castañas en Asia é case 8 veces máis que en Europa. China, que conta con máis de 300.000 hectáreas de castiñeiros, é o principal produtor mundial nunha listaxe na que tamén destacan outros países como Corea e Xapón, en Asia, así como Turquía, Italia, Portugal e España, en Europa, e Chile, en América do Sur.
China está a facer traballos punteiros en xenómica
A principal diferenza entre a produción asiática e a europea está na cantidade, pero sobre todo no feito de que se trata de dúas especies cultivadas distintas: Castanea mollissima, en China, e Castanea crenata, en Xapón, mentres que en Europa, onde se estima a existencia duns dous millóns de hectáreas de bosques dominados por castiñeiros, cultívase Castanea sativa, explica o profesor Pereira.
A nivel europeo a gran produtora de castaña sativa é Turquía e está habendo unha aposta moi forte nos últimos anos pola extensión de novas plantacións en Portugal, pero dentro da UE Italia segue a ser a gran produtora e a máis tecnificada, con industrias que absorben non só a produción italiana senón tamén a doutros países excedentarios, como é o caso de Portugal, que leva moitos menos anos transformando produto.
EEUU adoptou o castiñeiro chino en territorio americano, unha especie que aquí non recoñecemos comercialmente
En América, Estados Unidos ten unha especie propia de castiñeiro, a dentata, nativa dos bosques caducifolios do leste, pero neste momento atópase en estado crítico de conservación. “En EEUU introduciron o castiñeiro europeo e o chino, pero acabaron adoptando o chino, que é máis doado de cultivar e máis resistentes a pragas e enfermidades”, describe Santiago.
Ao revés que nos EEUU, Chile optou por introducir a castaña europea, a partir das variedades italianas. “Van tamén a un modelo produtivo máis intensivo e con plantacións máis tecnificadas”, explica.
En Turquía teñen a mesma cultura de castaña que temos aquí: tamén varean os castiñeiros e teñen ouriceiras como as que hai na zona de Cervantes
Unha das grandes virtudes do castiñeiro é esa, a de unir a países e culturas distantes. “En todo o sur de Europa consúmese a castaña da mesma forma que aquí. En Francia teñen pisa de castaña, igual que temos nós, e en Turquía varean os castiñeiros e teñen ouriceiras, como as que hai na zona de Cervantes”, compara.
Tamén en China poden verse as mesmas modalidades na industria transformadora que hai en Galicia. “A castaña molísima adáptase ao pelado, aínda que sexa máis dificultoso que coa castaña europea, e a partir de aí fan todas as variantes, incluídos os snacks. Teñen tamén gran produción de castaña pelada e conxelada para cociña”, conta Santiago Pereira, que visitou o país no 2008, dentro dos simposios do ISHS.