O proxecto Bastall gaña o Terra Creative Jam cun bastón innovador para persoas maiores

Dúas xornadas de creatividade e tecnoloxía na USC dan lugar a solucións innovadoras para mellorar a vida na contorna rural

Participantes do Terra Creative Jam.

O proxecto Bastall, centrado no desenvolvemento dun bastón deseñado especialmente para persoas maiores con dificultades de mobilidade en áreas rurais, alzouse co primeiro premio no Terra Creative Jam. Este evento de innovación, organizado pola USC, busca xerar ideas que promovan reinventar o rural galego.

Bastall incorpora un sistema de estabilización de caídas e un mecanismo de elevación motorizado para facilitar o levantamento en caso de caídas, cargado a través de batería solar.

O Terra Creative Jam, realizado en dúas xornadas, ofreceu unha variedade de talleres e desafíos tecnolóxicos, sociais e ambientais. Os participantes puideron gozar de prototipaxe con máquinas 3D, realidade virtual e IA, workshops e drons, entre outras actividades. A primeira xornada centrouse en ideación e prototipado, mentres que a segunda consistiu nun hackatón onde os equipos presentaron as súas propostas finais ante un xurado.

O segundo premio foi para o proxecto Fogate, unha iniciativa que deseña dispositivos de captación e filtrado de auga de néboa para xerar enerxía, dirixida a zonas rurais que carecen dos afluentes necesarios para as terras agrícolas durante todo o ano.

Outro dos segundos postos foi para Concha, un tráiler que funciona sen internet e contén unha máquina cunha IA para facer diferentes cousas sobre as que poden existir dúbidas, destinado tamén a persoas maiores. O terceiro lugar ocupouno Aldéame, unha páxina web para a procura de emprego.

Ademais dos premios tecnolóxicos, os tres proxectos gañadores obtiveron prazas na Residencia LOF TALENT e no programa de emprendemento Explorer USC. O evento, promovido polo Campus Terra da USC en colaboración con Lug Open Factory, foi gratuíto e cubriu aloxamento, desprazamento e manutención para todos os participantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *