O proxecto europeo Go-Grass analiza en Lugo novos usos e aproveitamentos da herba
Investigadores de vinte países europeos tratan os posibles aproveitamentos da herba de terras de baldío ao abeiro do programa Go-Grass
O proxecto Go-Grass acolle a investigadores de 20 países europeos que tratan os posibles aproveitamento da herba de terras de baldío como da procedente de excedentes para a fabricación e proteína ou papel, así como para a elaboración de camas de gando ou de biochar. Na iniciativa participa o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A reunión final tivo lugar no Campus Terra da USC e abriuna Rosa Mosquera, catedrática da área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e coordinadora deste grupo de investigación. Posteriormente, presentáronse os distintos prototipos desenvolvidos polos socios integrados e implicados no proxecto Go-Grass que permiten ou cando menos albiscan novas posibilidades de aproveitamento da herba colleita ou residual desde a perspectiva da bioeconomía ou economía circular.´
Os catro prototipos demostrativos xerados no marco do proxecto Go-Grass albiscan novas posibilidades de aproveitamento sustentable da herba alén do seu emprego como recurso para alimentación do gando. Son unha mostra do potencial que agocha este recursos natural como materia prima para a produción de proteína orgánica apta para a fabricación de pensos de alimentación animal, pero tamén para alimentación humana, para a elaboración de camas para o gando, para a fabricación de pasta de papel e mesmo para a elaboración de biochar.
Redución dos custos agroalimentarios
Go-Grass agromou a través dos novos usos e aproveitamentos da herba respectuosos cos postulados da economía circular, que se antollan como solucións de vital importancia tanto para Galicia como para o conxunto de Europa, dado que arredor do 21 % de la superficie total de la UE está cuberta de pastizais e áreas arbustivas. Por iso, as novas posibilidades de aproveitamento da herba como materia prima para diversos negocios e ou actividades empresariais constitúen, segundo indicou a investigadora da USC, un novo aliado para loitar contra o progresivo abandono da terra e, en consecuencia, do medio rural. Tamén o impacto social é outra das claves do proxecto, xa que un dos principais cometidos é ofrecer ao tecido empresarial ferramentas para desenvolver actividades e impulsar modelos de negocio baixo o paraugas da economía circular.
Mosquera indicou que a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias tratará de achegar ao empresariado da comunidade o prototipo demostrativo do consorcio europeo que permite o emprego de herba como materia prima para a obtención de proteína para uso alimentario. Engadiu que o aproveitamento dos recursos que ofrecen os prados e demais superficies agrarias de Galicia para fabricar proteína implicaría unha redución de costes, ao tempo que mitigaría sensiblemente a pegada de carbono deste proceso.