Seminario Re_imaxinando a alimentación dende o prato_do_territorio
Un seminario para explorar futuros alimentarios sostibles, activar o potencial do territorio e impulsar o papel transformador da xente nova no cambio social

Imaxe de arquivo.
O seminario “Re_imaxinando a alimentación dende o prato_do_territorio” impartirase hoxe 24 de abril de 16:00 a 20:00 na aula 2 da Facultade de Ciencias do Campus Terra de Lugo. Está coordinado por Luzia Oca, docente de Fundamentos Antropolóxicos da Alimentación, e impartido por Lucas Requeijo, director da Axencia de Innovación Alimentaria da Mariña Prato DO.
O obxectivo do seminario é favorecer que o alumnado tome conciencia da importancia de imaxinar escenarios futuros para a alimentación, reflexione sobre os coñecementos herdados do pasado e adapte ideas e habilidades co fin de dar resposta a retos reais que afectan ás comunidades locais.
A partir do exemplo da Mariña, un territorio cunha forte tradición no sector primario e potencial gastronómico, fomentarase a innovación na alimentación como ferramenta para reactivar a economía local e promover proxectos sostibles que respondan ás necesidades da poboación.
O seminario estrutúrase en seis bloques temáticos e abordará cuestións como o papel transformador da alimentación, a elaboración dunha cartografía alimentaria, a xeración e intercambio de ideas innovadoras, e a promoción da apertura ao cambio e á acción.
Estas ferramentas permitirán transformar as ideas en accións concretas, favorecendo que a mocidade asuma un papel activo no cambio social, tanto individual como colectivamente, e contribuíndo a construír un futuro máis sostible e resiliente. As persoas interesadas en participar poden inscribirse na seguinte ligazón.