“SmarTerrae é unha metodoloxía que fai que o territorio entre na aula e que a aula saia ao territorio”

Lorena Salgado e Rubén Forján foron os gañadores do VIII Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial co seu proxecto SmarTerrae. Trátase dunha metodoloxía educativa para achegar soluciòns inmediatas dende o ámbito académico aos problemas do día a día no mundo rural. Falamos con eles para coñecer en detalle o que pode significar SmarTerrae

– En que consiste o proxecto SmarTerrae? Como teñen pensado aplicalo?

Rubén: Smarterrae é unha plataforma de innovación educativa en torno ao medio natural que conecta a comunidade científica, os centros educativos e o medio rural. Toma sempre como punto de partida o propio territorio: como se transforma e se degrada, como se planifica e se xestiona e que decisións de uso e de manexo están detrás de cada cambio.

Aplicámola a través de proxectos concretos: o alumnado traballa en contextos reais, recolle datos no medio, interprétaos, e devolve resultados útiles á comunidade e aos actores do territorio. O eixo é sempre “aprender facendo” e ligando cada actividade a unha decisión real de manexo ou planificación.

Lorena: Eu describo Smarterrae como unha ponte entre o que pasa no territorio e as aulas, a diversos nivéis educativos, dende educación secundaria ata ensinanza de formación profesional e educación universitaria.

Traballamos co medio e o seu dinamismo: solos, lumes, cultivos ou minería que o alumnado ten preto pero que a día de hoxe cada vez está máis desconetado da xente nova, e transformamos eses contextos en proxectos didácticos con rigor científico, que permiten mostrar aos participantes o que é a xestión territorial e do medio natural. En resumo, dende a óptica educativa, SmarTerrae é unha metodoloxía que fai que o territorio entre na aula e que a aula saia ao territorio.

– Que obxectivos pretende acadar Smarterrae?

Rubén: Conectar aula e territorio a través de ciencia aplicada, activar vocacións STEM ligadas á xestión ambiental e territorial, traer problemas reais ás aulas e producir resultados que poidan ser usados fóra delas, comunicar en aberto os resultados e xerar alianzas duradeiras entre centros, universidade, administración e tecido produtivo.

SmarTerrae busca achegar a ciencia ao territorio e ao estudantado para formar os xestores ambientais do futuro

Lorena: O obxectivo central é sinxelo e ao mesmo tempo ambicioso: espertar vocacións científicas vinculadas á xestión ambiental e territorial. SmarTerrae pretende facer visibles estas áreas de coñecemento para o alumnado, mostrarlle que son relevantes, próximas e con futuro profesional, e combater así o descoñecemento que hoxe limita o seu interese. En resumo, busca achegar a ciencia ao territorio e ao estudantado para formar os xestores ambientais do futuro.

Acelerar a análise e toma de decisións para resolver os problemas do día a día no campo é o fin de SmarTerrae

– Que os levou a deseñar este proxecto e non outro?

Rubén: Partimos dun diagnóstico bastante incómodo: a mocidade mostra unha clara desconexión cos retos ambientais e territoriais da súa contorna, e iso tradúcese en menos vocacións técnicas e científicas e nunha menor capacidade futura de xestión do territorio e resposta a crises ambientais. SmarTerrae nace precisamente para atacar ese burato: se seguimos ensinando territorio e medio ambiente de forma abstracta, sen pisar o chan nin tomar decisións, non imos ter os xestores ambientais que fan falta.

Lorena: Tanto Rubén coma eu desenvolvemos a nosa actividade profesional no mundo académico, vinculados á docencia e á investigación. Co tempo decatámonos de que as titulacións relacionadas coa xestión ambiental e territorial resultaban pouco atractivas e afastadas para o alumnado que debería ser o corpo de futuros xestores do territorio, algo que se reflexa claramente na baixa matrícula nestes estudos.

Ademais, nas actividades de divulgación dos proxectos de investigación nos que participabamos vimos que non existía unha falta de interese polo contido, senón un claro descoñecemento. Esa constatación foi o detonante: deseñar un proxecto que reducise esa distancia entre universidade, territorio e estudantado.

– En que zonas xeográficas de Galicia se podería desenvolver?

Rubén e Lorena: A metodoloxía é plenamente exportable a Galicia. Podería desenvolverse en calquera comarca onde haxa conflitos ou retos de ordenación do territorio e do medio natural: zonas forestais con risco de lumes, áreas gandeiras intensivas, vales agrícolas, espazos costeiros sometidos a presión urbanística, etc. Se teño que priorizar, eu empezaría por comarcas onde se vexa con claridade o impacto das decisións de uso do solo (forestación, abandono agrario) e exista un tecido educativo e social disposto a implicarse. O factor limitante non é xeográfico, senón a vontade de cooperación local.

O proxecto pode desenvolverse en calquera comarca onde haxa conflitos ou retos de ordenación do territorio e do medio natural

O seu proxecto foi galardoado polo seu carácter innovador. Cales son as liñas de innovación?

Rubén: As nosas liñas de innovación son claras: aprender facendo no lugar onde vivimos, e conectar centros educativos con centros de investigación para despertar vocacións científicas e crear canteira de futuras e futuros xestores do territorio e ambientáis.

SmarTerrae reduce a distancia entre o campo os centros de ensino

Ademáis está a parte das redes sociáis, xa que Smarterrae a parte de traballar con centros educativos de todos os nivéis de forma directa tamén mostra os traballos, dende os proxectos en si ata asistencia dos estudantes a foros especalizados, a vez que divulga contido ambiental e territorial, no que nos denominamos como fase pasiva.

Lorena: Ademáis das anteriores eu destacaría o protagonismo do alumnado como equipo técnico e divulgador principal en foros especializados de forma que se xera un vínculo máis estreito co proxecto e un sentimento de pertenza.

O que facemos é deseñar proxectos asumibles: protocolos claros e poucas capas administrativas engadidas

– As organizacións agrarias levan anos denunciando os atrancos burocráticos que se atopan no mundo rural en case todas as actividades. Tamén os habería para desenvolver SmarTerrae?

Rubén e Lorena: Si, e hai que dicilo con claridade. En canto pretendes traballar en entornos de titularidade privada, recollida de datos, movemento de alumnado, aparecen cuestións de permisos, seguros, protección de datos e coordinación entre administracións. O que facemos é deseñar proxectos asumibles: protocolos claros, poucas capas administrativas engadidas e integración en estruturas xa existentes (centros educativos).

– Que papel xogaron as novas tecnoloxías e, especialmente, a Intelixencia Artificial (IA) no desenvolvemento do seu proxecto?

Rubén: Non utilizar IA, ao noso xuízo, sería como “poñer portas ao campo”. É unha ferramenta que chegou para quedar e que pode axudar moito se se usa con sentido. No noso caso, non hai unha implementación intensa: empregámola como axudante para tarefas de soporte, por exemplo, para facer a divulgación máis clara e atractiva, mantendo sempre o criterio humano no centro. A idea é simple: aproveitar o que suma, explicar os límites e garantir que a tecnoloxía está ao servizo da aprendizaxe e do territorio, non ao revés.

Non utilizar IA, ao noso xuízo, sería como poñer portas ao campo. É unha ferramenta que chegou para quedar

Lorena: As novas tecnoloxías son un dos fíos dos que sempre tiramos, de forma que tentamos facer máis comprensible o territorio para a mocidade. Un claro exemplo é o uso de mapas dixitais e imaxes de satélite, mediante o cal o alumnado ve o que cambia no seu arredor e aprende a interpretalo con criterio, primeiro paso da xestión do territorio, saber o que pasa no territorio que vas estudar e no que vas traballar.

– O proxecto precisa da colaboración da universidade e outros centros de ensino. Xa houbo avances nesa materia?

Rubén: Si, SmarTerrae nace precisamente desa colaboración entre universidade, centros de secundaria e alumnado de grao e mestrado, que participan activamente nos proxectos. Xa existen experiencias concretas coa Escola Politécnica de Mieres e co Instituto de Recursos Naturais e de Ordenación do Territorio (INDUROT), ambos da Universidade de Oviedo, sendo este último o centro ao que pertencía cando SmarTerrae comezou a tomar forma. Estes dous organismos foron piares fundamentais no deseño e consolidación de SmarTerrae.

Lorena: Pola súa parte, o IES Bernaldo de Quirós de Mieres foi o primeiro centro educativo non universitario co que establecemos vinculación. Esta traxectoria é a mellor proba de que o modelo funciona e de que hai espazo para amplialo a novos centros e territorios. Actualmente temos tres proxectos con este centro vinculados 2 a incendios forestáis e 1 a contaminación química.

As novas tecnoloxías, sobre todo a IA, son básicas no funcionamento do proxecto

– Por que decidiron empezar a aplicación en Asturias?

Rubén: É o lugar donde desenvolvíamos o noso traballo no momento que comenzou a nacer Smarterrae, e dende donde tiñamos acceso a todos os axentes necesarios.

O primeiro paso da xestión do territorio é saber o que pasa nel. O que vas estudar e no que vas traballar

Lorena: Ademáis sempre tivemos o apoio tanto do INDUROT, centro no que traballabamos ambos naquel momento, eu ainda o fago, como da Escuela Politécnica de Mieres, a partir da cal surxiron moitas das colaboracións con alumnos.

– Volvendo ás tecnoloxías, SmarTerrae semella precisar dun fluxo constante de información. Como se vai solventar o problema de falta de cobertura en moitas zonas rurais?

Rubén e Lorena: No noso caso non é un problema, os proxectos pódense desenvolver sen cobertura e posteriormente divulgalos en zonas con cobertura. Nese aspecto non é un proxecto dependente 100% de estar en liña. Si é verdade que a divulgación pasiva, que aproveitamos para invitarvos a todos a que nos sigades en instragram en @smarterrae, necesitaríamos cobertura pero que na actualidad con conexión puntuáis poderíamos programar toda a actividade de divulgación pasiva.

– De cara ao futuro, pensan levar Smarterrae a outras zonas de España ou mesmo de Europa?

Rubén: Tal é como dixen antes, a limitación de SmarTerrae non é xeográfica se non é de bontade de colaboración. Polo pronto, actualmente eu encontrome en Salamanca como profesor axudante doutor na facultade de ciencias agrarias da Universidade de Salamanca dende fai 4 meses, e pouco a pouco estamos comezando a implementar SmarTerrae aquí, adaptado á realidade territorial e ambiental de Salamanca.

Lorena: Si, SmarTerrae naceu deseñado para non depender dun territorio específico, ao final todos os territorios necesitan xestión territorial e ambiental, e precisan profesionáis que o fagan. Somos persoal investigador e a nosa estabilidade xeográfica é limitada, sobre todo nos primeiros estadios; por iso fixemos un modelo portábel e reproducible que nos permita implantalos en calquera zona de España e, con adaptacións mínimas, en Europa (idioma, normativa e realidade local).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *