Últimos días para presentar candidaturas ao Premio Aresa

Para concorrer ao certame, é preciso presentar un traballo de investigación e desenvolvemento ou unha iniciativa empresarial innovadora nos ámbitos agrícola ou gandeiro

Momento da firma do convenio de colaboración entre Carlota López Pardo (Aresa) e Antonio López (USC)

Momento da firma do convenio de colaboración entre Carlota López Pardo (Aresa) e Antonio López (USC)


As persoas, entidades ou iniciativas interesadas en optar ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola USC e o Grupo Aresa, deberán rexistrar a documentación requirida nos rexistros xerais da USC, tanto en formato presencial como a través do rexistro electrónico, nos campus de Lugo ou Santiago de Compostela, antes do venres 16 de xaneiro. As bases da convocatoria poden consultarse en liña, e nelas tamén se detalla a documentación necesaria para formalizar a candidatura.

Estes galardóns buscan premiar aqueles proxectos que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego. O certame diríxese a empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outra entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega.

Para concorrer ao certame, é preciso presentar un traballo de investigación e desenvolvemento ou unha iniciativa empresarial innovadora nos ámbitos agrícola ou gandeiro, que se poderá encadrar en: proxecto de actividade empresarial; actividade empresarial innovadora ou traballos de I+D+i que serán orixinais e que teñan aplicación práctica nos sectores agrícola, gandeiro ou agroalimentario galegos, ou supoñer unha contribución notoria ao desenvolvemento rural. As candidaturas poderán ser propostas polos interesados, por institucións públicas ou privadas, ou por empresas.

O Premio Aresa, que acada este ano a súa vixésimo sexta edición, está dotado con 10.000 euros e un diploma de mérito, e ten como obxectivo recoñecer traxectorias, proxectos e achegas destacadas vinculadas ao desenvolvemento rural. O proceso de avaliación das candidaturas estará a cargo dun comité integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; a CEO de Granja Campomayor, María García Busto; e o catedrático de Química Analítica, Carlos Herrero Latorre.

Criterios de valoración
Na análise das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren postos de traballo e valor engadido. Por isto, valorarase principalmente a viabilidade económica; a creación de postos de traballo, especialmente no rural; a posta en valor dos produtos da terra; os proxectos que supoñan a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais que teñan potencial de desenvolvemento; e a innovación de produtos ou métodos produtivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *