Un grupo investigador do Campus Terra impulsa un proxecto de mellora de solos e xestión forestal no Barbanza

O grupo de investigación analizará a fertilidade das parcelas e novas fórmulas de xestión forestal dos montes veciñais para optimizar a resiliencia e a sustentabilidade do terreo


O grupo de investigación Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sustentable (UXAFORES) traballa para mellorar a fertilidade dos chans e a optimización da xestión forestal dos montes veciñais do Barbanza, ao amparo do proxecto impulsado desde o Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

O grupo da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC centrarase no estudo da fertilidade física, química e biolóxica dos chans, así como na suxestión de posibles emendas. Tamén traballará no deseño e implementación de medidas de xestión forestal acomodadas para favorecer a potencial comercialización de créditos de carbono, segundo indicou a coordinadora deste grupo de investigación, a catedrática da USC Esperanza Álvarez.

Partirase dos proxectos de Ordenación de Montes (POM) e dos documentos simples de xestión (DSG) existentes para coñecer a situación real das áreas obxecto de estudo. Esta primeira análise técnica servirá para elaborar a curva de crecemento media do monte en volume. Os resultados das diferentes simulacións desenvolvidas ao longo dos dous anos de duración do proxecto serán logo recompilados nun informe común que permitirá definir proxectos de mellora da xestión forestal.

A mellora da xestión forestal no territorio de referencia deste proxecto supón outro dos retos do estudo

Para cumprir cos obxectivos, o grupo de investigación realizará unha mostraxe en diversas parcelas de monte, para así coñecer a fertilidade física, química e biolóxica dos chans. Ensaiará ferramentas de xestión orientadas a previr incendios e buscar aproveitamentos alternativos, tal e como poden ser a introdución de gando ou a eliminación de especies como eucaliptos e acacias. A elaboración de emendas para os chans a partir de residuos agrícolas e forestais e a súa aplicación nos terreos menos fértiles constitúe outra das accións encomendada ao grupo UXAFORES. A mellora da xestión forestal no territorio de referencia deste proxecto, o fin de optimizar a súa sustentabilidade e a rendibilidade por parte dos propietarios, supón outro dos retos dun proxecto que botou a andar este mes coa ambición de contribuír a xerar emprego e oportunidades económicas, conservar a biodiversidade e previr incendios forestais na contorna.

O consorcio promotor do proxecto brotado do Laboratorio Ecosocial do Barbanza aspira a xerar novas capacidades a través dun programa de talleres formativos, accións educativas e voluntariado ambiental. Este abanico de ferramentas permitirá ademais avaliar as capacidades da xestión comunitaria do territorio, do aproveitamento enerxético colectivo e mesmo constatar as posibilidades en materia de rexeneración de chans.

No proxecto tamén participa o grupo HISTAGRA da USC, ademais doutras entidades públicas e persoais. De feito, alén da USC, a través do CISPAC, e os grupos antes citados, tamén forman parte deste proxecto a Fundación RI, a Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola. Este proxecto está financiado con dous millóns de euros procedentes de fondos Next Generation grazas ao apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea.

Comments are closed.