Unha investigadora do Campus Terra avanza no emprego da intelixencia artificial no manexo da viña
Marta Rodríguez desenvolve unha tese para establecer unha metodoloxía integral de zonificación de viñedos de variedade Albariño
A viticultura de precisión incorpora as prestacións da Intelixencia Artificial ao viñedo galego, coa finalidade de optimizar a súa xestión e favorecer a progresiva mellora da súa dixitalización. Así o desenvolve a enxeñeira agrónoma Marta Rodríguez Fernández na tese de doutoramento ‘Viticultura de precisión para a caracterización e xestión de viñedos nun contexto de cambio climático’, desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra. A tese está baixo a dirección dos profesores Javier J. Cancela, do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) e Xesús Pablo González, investigador do grupo AMGEO da USC.
Os resultados obtidos na investigación supoñen un avance crucial para a xestión do viñedo, dado que evitan abonados excesivos xestionando a auga de rega, ademais de achegar información precisa sobre as enfermidades que poden presentarse nos viñedos galegos, enmarcados nunha viticultura Atlántica.
Establecer unha metodoloxía integral de zonificación dos viñedos, especialmente os relacionados coa variedade Albariño, centra o principal cometido desta investigación de doutoramento. A información analizada por Rodríguez Fernández para a realización da súa tese de doutoramento obtívose en viñedos da Adega Mar de Frades localizadas nas subzonas Ribeiras do Ulla e do Salnés, da DO Rías Baixas. A metodoloxía busca a implementación da viticultura de precisión, motivo polo se empregaron imaxes de satélite (Sentinel 2) que permiten realizar un seguimento do viñedo cada 5-10 días. Do uso das capturas do satélite foi posible derivar a zonificacion do viñedo, segundo o aspecto a avaliar, e/ou ben de forma conxunta.
O emprego de técnicas de intelixencia artificial, empregando imaxes de satélite, variables fisiográficas e climáticas para predicir a produción do viñedo, constitúe outra das achegas salientables desta investigación. De feito, a predición da produción permite ás adegas xestionar as vendimas e os seus stocks en adega cunha gran antelación, o que mellora os procesos produtivos que enlazan a xestión de viñedo cos procesos en adega, explica.
Tamén destaca o excelente resultado referido á estimación do contido en materia orgánica, carbono e textura do chan. O uso de técnicas de espectroscopia na investigación permitiu o seguimento dos efectos do abonado aplicado nun curto período de tempo sen requirir das análises clásicas de solos. Esta ferramenta facilita tamén a estimación do Carbono almacenado na base dos viñedos e favorece a inclusión dos terreos destinados a este tipo de cultivo nos mercados de carbono no futuro.
No proxecto, a investigadora profunda no contexto climático das dúas zonas (Ulla e Salnés) co obxectivo de anticipar respostas ante a previsible irregularidade das precipitacións e o incremento das temperaturas nas rexións vitícolas galegas. Os resultados constatan a necesidade de incorporar un manexo eficiente do dosel vexetal, incluíndo o uso de sistemas de rega eficientes que maximicen a produtividade da auga. O uso das imaxes de satélite permite un manexo eficiente dos recursos a través de sistemas preditivos intelixentes, e indicadores de vexetación, tales como o NDVI e o NDWI.