A importancia das actividades agrícola-pastorais na prevención dos incendios
Nesta reportaxe abordamos o proxecto de investigación no que estivo inmerso o ecólogo e investigador galego do CTFC Adrián Regos, quen nos expón posibles solucións centradas na natureza para previr os incendios.
Debido ao abandono do rural e ao cambio climático, agárdase que nos vindeiros anos os incendios forestais extremos aumenten no sur de Europa. Actualmente, a xestión de incendios céntrase na extinción, o que acelera a transición cara a paisaxes inflamables. Porén, durante catro anos, o investigador galego Adrián Regos estivo coordinando o proxecto ‘Fire-smart’ financiado pola Fundación de Ciencia e Tecnoloxía de Portugal para abordar repostas aos grandes incendios que houbo en 2017, cuxos principais resultados se recollen no artigo publicado recentemente na revista internacional International Journal of Wildland Fire baixo o título “Solucións naturais aos incendios forestais nas paisaxes rurais do sur de Europa: sexamos intelixentes co fogo!”
O proxecto foi parcialmente desenvolto na Reserva Transfronteiriza da Biosfera Gerês-Xurés. Durante o proxecto recolleron as respostas dos actores locais de diferentes sectores (persoal das brigadas antiincendios, do sector forestal, do medio agrícola ou propietarios dos montes) para abordar como percibían o problema dos incendios a e as posibles solucións neste contexto. Os resultados foron publicados en Ecology and Society e coincidían cos investigadores en que unha das principais causas é o abandono do rural e polo tanto reverter esa tendencia sería o escenario a abordar.
Cun modelo matemático simulan diferentes escenarios e crean situacións de referencia cara ao futuro
Posteriormente, desenvolveron un modelo matemático para reproducir as dinámicas da paisaxe: como se crea un incendio, como se propaga e como se extingue. “Con este sistema podemos simular diferentes escenarios e crear situacións de referencia cara ao futuro”, expón Regos. A través de este estudo obtívose, sen ter en conta o cambio climático, que só polos cambios de uso do solo que está habendo na actualidade (máis zonas abandonada) se agarda un maior impacto dos incendios, é dicir, máis área queimada.
Unha das solucións que propoñen é que pasaría se houbese unha nova política na ordenación do territorio: “Unha nova PAC axudaría a integrar a volta a actividades pastorais que se facían antigamente. Traballamos con máis ou menos hectáreas empregadas para estas labores e valoramos que pasaba cos incendios, coa biodiversidade e co secuestro de carbono”.
Así mesmo, propuxeron a conversión das plantacións nesas áreas, introducindo máis carballo, coa finalidade de que os incendios tivesen unha menor propagación. “O interesante destes resultados é que os escenarios nos que se expuña unha volta ás actividades agrícolas e pastorais eran os que presentaban unha redución bastante significativa da área queimada e simplemente polo cambio na configuración da paisaxe”, destaca Regos. Ademais eran os “os mellores en termos de biodiversidade”. As especies de espazos abertos (mato ou zona agrícola) están en descenso de poboación a nivel europeo debido ao abandono. En contraposición o escenario de conversión cara a áreas de carballeira era o mellor para o secuestro de carbono. “As paisaxes en mosaico resultantes da combinación de máis zonas agrícolas e a conversión a carballeiras serían o mellor escenario en termos de biodiversidade para a prevención fronte aos grandes incendios e a regulación climática”.
Un valor económico para os escenarios
As paisaxes ofrecen servizos ecosistémicos aos que habitualmente non se lles asocia valor, aínda que si o teñen, como a regulación climática, o uso recreativo, ou a diminución de risco de incendio que ofrecen os rabaños de cabras e ovellas. En colaboración coa Facultade de Economía da USC, entre outras institucións, propuxeron cuantificar economicamente os diferentes escenarios. “As áreas de montaña están sendo abandonadas dende mediados do século pasado porque a produción agro-gandeira é pouco rendible economicamente, pero si se cuantifican os danos evitados noutros servizos ecosistémicos, tal é como o papel que xogan na prevención de grandes incendios; é dicir, ao evitar os incendios evitabamos outros danos de regulación climática ou de produción de madeira, así o resultado sería moi diferente”.
O estudo tamén recolle unha análise de coste-beneficio no que se mostra que as actividades agrícolas e pastorais proporcionaban servizos en termos de danos evitados nos incendios que non se estaban cuantificando e que deberían ter uns pagamentos. Están creando paisaxes máis resistentes ao fogo polo que “deberían recoñecer esas funcións que están tendo na paisaxe máis aló da produción alimentaria, é dicir, en termos doutros servizos ecosistémicos, que son fundamentais, pero que non se contabilizan economicamente”, apunta o investigador galego.
Cambios no Pacto Verde
O que se agarda do Pacto Verde é que abranga políticas cara a medidas máis sostibles, pero un dos erros que contiña era que fallaba na parte máis ambiental. A PAC actualmente outorga máis subvención as entidades que traballan de maneira máis intensiva e “isto vai en contra da biodiversidade” porque leva a monocultivos, agroquímicos, pesticidas… “A produción extensiva que existía antes nas nosas paisaxes favorece moito máis a biodiversidade, pero o reto está en como manter a esa poboación realizando estas actividades”, aclara o investigador.
Dentro do estudo salientaron a importancia dos incendios nestas políticas, porque a xestión actual dos montes determinará os réximes de incendios cara aos próximos anos. Para isto, a proposta é “que haxa recoñecemento aos servizos que outorgan os produtores en extensivo e se destaquen as funcións que fan, máis aló da parte produtiva”, conclúe Regos.