A UVigo prevé crear unha plataforma dixital de alfabetización ambiental arredor dos incendios

A universidade galega lidera o proxecto europeo que amosará a conexión entre o cambio climático e os incendios forestais e porase de relevo a riqueza dos ecosistemas forestais e o seu impacto ambiental

Equipo que desenvolverá o proxecto. Cedida

O proxecto europeo 5G: Stop Forest Fire For 5Green, coordinado desde a Universidade de Vigo, ten por obxectivo crear unha plataforma dixital de alfabetización ambiental. A través da mesma amosarase a conexión entre o cambio climático e os incendios forestais e porase de relevo a riqueza dos ecosistemas forestais e o seu impacto ambiental. O campus de Ourense acolle esta semana a xornada de lanzamento.

Na investigación participan tamén GBA UG (Alemaña); Eno Schoolnet ry (Finlandia); 1st Geniko Lykeio Pallinis “Pierre de Coubertin” (Grecia); Università Degli Studi di Padova (Italia) e Yavuz Selim Ortaokulu e Dunyayi Yasatma Dernegi (Turquía). Está financiado con 250.000 euros polo programa Erasmus+ no marco da convocatoria Cooperation partnerships in school education (KA220-SCH).

Na xornada de benvida aos socios celebrada este luns na Facultade de Ciencias, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou ás entidades participantes a pertinencia da temática elixida para este proxecto, tendo en conta que “na actualidade os incendios forestais e o cambio climático son temas moi relevantes e decisivos”. Pola súa banda, Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación (OPI) da UVigo, amosou a satisfacción da institución académica por participar nesta iniciativa internacional e o seu desexo de que sexa unha colaboración frutífera.

A plataforma incluirá módulos educativos, un xogo virtual, un folleto dixital sobre alfabetización ambiental e un mapa dixital

A UVigo lidera este proxecto da man de David Fernández Calviño, profesor e investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación desta institución académica. “Os traballos clave inclúen a xestión do proxecto, a análise dos impactos ambientais e climáticos nos incendios, a alfabetización en ecosistemas forestais e a avaliación e difusión dos resultados”, sinalan desde a organización.

Os socios da iniciativa desenvolverán a través de catro paquetes de traballo unha plataforma dixital 5G, especialmente pensada para rapazas e rapaces, con módulos educativos, un xogo virtual, un folleto dixital sobre alfabetización ambiental e un mapa dixital que amosará as características dos espazos forestais e as causas e consecuencias dos incendios.

Todos os integrantes apuntan o incremento de incendios forestais nos últimos anos e como en moitos estudos sobre eles “discutiuse a relación entre o lume e o clima e destacouse o impacto do cambio climático e o aumento das temperaturas”. As investigacións realizadas, detallan, “revelaron que condicións meteorolóxicas e climáticas como o aumento da temperatura, o incremento da seca e as ondas de calor continuas provocadas polo cambio climático causan un aumento significativo no número de incendios”. Porén, advirten, a pesar de que as “actividades humanas teñen un impacto significativo no cambio climático”, moitas persoas “non son conscientes disto”.

“Considerando que os efectos humanos da contaminación ambiental están á cabeza, comprendemos que necesitamos educar á poboación para previr o cambio climático”, afirman desde a iniciativa. Neste senso, sinalan que a Comisión Europea está “renovando o seu compromiso para afrontar os retos climáticos e ambientais” e “nós necesitamos asumir esta responsabilidade como educadores, porque a xeración humana do futuro está medrando nas nosas mans e debemos sensibilizar a mocidade desde idades temperás”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *