“É fundamental refortalecer a conexión do progreso científico co sector produtivo”
Rafael Zas Arregui foi nomeado no mes de xullo director do CSIC e nesta entrevista cóntanos como asume o reto e que aspectos deben mellorar nas investigacións do sector agrario e forestal en Galicia
A Misión Biolóxica de Galicia (MBG) creouse en 1921 pola Xunta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas (XAE) e en 1939 pasou a depender do CSIC. Situouse nos seus inicios en Santiago de Compostela e trasladouse a Pontevedra en 1927. En febreiro de 2022 o CSIC acordou, por Resolución do Consello Reitor, a integración do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG) na MBG. No mes de xullo de 2023, a dirección do CSIC renovouse e Rafael Zas Arregui foi nomeado director.
Rafael é enxeñeiro desde 1996 e doutor Enxeñeiro de montes desde 2001 pola Universidade Politécnica de Madrid. Realizou a súa tese doutoral entre esta Universidade e o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, onde iniciou a súa etapa posdoutoral, que continuou no SCION (Rotorua, Nova Zelandia). En 2008 incorporouse ao CSIC como científico titular na MBG, onde dende esa data dirixe o grupo Xenética e Ecoloxía Forestal.
Nesta entrevista cóntanos como asume o reto de dirixir o CSIC en Galicia, cales son os principais obxectivos, que aspectos deben mellorar nas investigacións do sector agrario e forestal en Galicia e en que está a enfocar a súa liña de investigación nestes momentos.
– Acabas de ser nomeado director da Misión Biolóxica de Galicia. Que supón para ti esta nova responsabilidade e cales son os retos que te marcas para o teu mandato?
Ser director dun Instituto do CSIC é para min un gran orgullo, pero á vez unha enorme responsabilidade. O CSIC é a principal institución de investigación de España. É enorme e complexa e descarga moita responsabilidade da xestión diaria e a toma de decisións nas direccións dos institutos (hai da orde de 120 Institutos no CSIC cubrindo todas as áreas de coñecemento). A Dirección dun Centro xoga, por tanto, un papel chave e pode ser determinante para o progreso dun determinado Centro.
Como director da MBG, o principal obxectivo de fondo é situar ao Instituto como centro de vangarda, líder e de referencia na investigación de ámbito agrario, forestal e ambiental, tanto a nivel autonómico como nacional e internacional. Hai que loitar por converter á MBG nun centro de investigación visible, atractivo e ilusionante para o persoal investigador mozo nacional e estranxeiro. Son, sen dúbida, retos ambiciosos e de alto calado, pero desde o meu punto de vista abordables, sobre todo tendo en conta a favorable evolución dos últimos anos.
Afronto esta etapa con moita ilusión e ganas, e espero poder axudar a que a Misión Biolóxica de Galicia e a investigación agroforestal na nosa comunidade prospere e contribúa a mellorar a delicada situación na que se atopan os nosos sistemas agrarios e forestais e o medio ambiente en xeral.
“Na MBG abórdanse aspectos chave e actuais relacionados coa sustentabilidade e o futuro dos nosos sistemas agrarios e forestais”
– Serás o primeiro director tanto da MBG coa integración do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG). Como avanza este proceso de integración e cales foron as razóns que motivaron a mesma?
A fusión da MBG co antigo Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG) ocorreu en decembro de 2021, cando ocupaba o posto de vicedirector. Foi unha decisión tomada unilateralmente dende a Organización Central de Madrid, que entendo se alarmou co envellecemento do persoal científico do Centro de Santiago e o escaso ritmo na renovación de persoal. Nese momento a MBG de Pontevedra mostraba moi boa proxección, con varias incorporacións recentes de científicos con liñas de investigación moi punteiras e activas e, en xeral, todos os indicadores científico-técnicos en alza. Desde o meu punto de vista, a fusión dos dous antigos institutos, aínda que un tanto traumática e atropelada, está a ser moi positiva para o conxunto. Tras a integración, agora somos un Centro moito máis robusto, amplo e diverso, o que mellora notablemente a nosa imaxe exterior favorecendo con iso a captación de talento e recursos financeiros tanto no sector público coma no privado. O aumento de masa crítica e a variedade de liñas de investigación son sen dúbida, importantes valores extra.
– Que destacarías dos proxectos de investigación que está a realizar a MBG neste momento? Cales son as liñas de traballo na que queredes centrarvos de cara ao futuro?
Na actualidade na MBG temos un total de 15 grupos de investigación centrados en liñas de traballo moi variadas que van dende aspectos máis básicos sobre o funcionamento e interaccións en ecosistemas agrarios e forestais, até orientacións máis aplicadas relacionadas coa mellora de cultivos agrarios específicos. Varios destes grupos focalizan os seus esforzos en aspectos relacionados coa xestión de recursos fitoxenéticos e a mellora xenética de cultivos agrícolas específicos (millo, brásicas, leguminosas, vide etc.) e especies de interese forestal (castiñeiros, aciñeiras, alcornoques, piñeiros etc.), buscando unha maior adaptación ao cambio global e en particular maior resistencia a estreses bióticos e abióticos.
Outros grupos traballan en aspectos relacionados coa sustentabilidade dos aproveitamentos agroforestais, a procura de ferramentas de xestión máis respectuosas co medio ambiente e a posta en valor de usos alternativos que melloren a socioeconomía dos nosos sistemas agroforestais. Tamén son importantes as liñas de investigación máis teóricas sobre ecoloxía evolutiva e interaccións planta-organismo, así como aquelas relacionadas coa fisioloxía, bioloxía do desenvolvemento e bioquímica de vexetais. Outras liñas de traballo céntranse nos ciclos bioxeoquímicos e na funcionalidade, biodiversidade e saúde de chans agrícolas e forestais, así como do sistema solo-planta. Finalmente, un grupo de investigación céntrase en bioloxía computacional, bioinformática e de sistemas en microorganismos e plantas.
En conxunto, pódese dicir que na MBG abórdanse aspectos crave e actuais relacionados coa sustentabilidade e o futuro dos nosos sistemas agrarios e forestais e que estes aspectos se aborden desde múltiple perspectivas (desenvolvemento, resistencia, biodiversidade, interaccións, cambio global etc) e cunha enorme variedade de obxectos de estudo (cultivos, especies forestais, chans, modelos teóricos etc.).
– Cales son as principais necesidades e tamén carencias que detectades no que é a investigación agroforestal en Galicia?
Na miña opinión, durante as últimas décadas, a investigación agroforestal a nivel nacional progresou de forma vertixinosa. Pero diría que este progreso non foi tan notable a nivel autonómico. Un dos motivos creo que pode estar relacionado coa captación de talento, sempre máis difícil en centros pequenos, dispersos, desconectados e periféricos, como son a maioría de centros, grupos ou departamentos onde se fai investigación agroforestal en Galicia. Con todo, isto parece que está a empezar a cambiar e a emerxencia dalgúns grupos de investigación punteiros xeran un efecto chamada, que retroalimentan o progreso da investigación. Desde o meu punto de vista, loitar por consolidar estes grupos e facilitar a emerxencia de novos grupos de investigadores novos e prometedores é clave. O programa Ramón e Cajal e as axudas ERC son sen dúbida un alicerce fundamental que hai que aproveitar e coidar.
“A idea de xerar sinerxías a través de centros mixtos é tentadora, pero creo que administrativamente excesivamente complexa e probablemente pouco funcional”
A nivel de liñas de traballo, non teño dúbida de que, co cambio global, estamos a enfrontarnos a unha situación nova e extremadamente perigosa. O proceso é altamente complexo e os nosos coñecementos aínda limitados. Ampliar o noso coñecemento científico sobre o impacto e a resposta dos nosos ecosistemas agrarios e forestais ao cambio global e sobre como mitigar os seus efectos creo que deben ser os nosos principais retos. Estou a pensar no cambio global con todos os seus compoñentes: emerxencia climática, invasións biolóxicas, estreses bióticos, incendios, éxodo rural etc.
– A investigación pública no sector primario en Galicia repártese entre a Xunta, a MBG -dependente do Goberno Central- e mesmo as deputacións provinciais. Como valora este ecosistema investigador e en que se podería mellorar a coordinación entre o mesmo, sobre todo para evitar duplicidades e competencia por acceder a financiamento?
Si, na miña opinión hai bastante dispersión, cunha gran cantidade de pequenos centros excesivamente orientados e de liñas de traballo moi específicas. Moitos destes centros atópanse, ademais, en situacións delicadas, con persoal con alta formación científico-técnica en situación laboral precaria. A indefinición nas funcións e obxectivos dalgúns destes centros e, sobre todo, a falta dunha escala propia de investigación para o persoal científico é, creo, unha espada de Damocles para o futuro destes centros. Eu mesmo desenvolvín a tese doutoral nun centro autonómico e sei que este é un hándicap verdadeiramente importante. Aínda que este diagnóstico téñoo máis ou menos claro, como mellorar esta situación véxoo moito máis difícil. A idea de xerar unións ou sinerxías a través de centros mixtos ou outro tipo de unidades é tentadora, pero creo que administrativamente excesivamente complexa e probablemente pouco funcional se os problemas basais non se solucionan previamente. Unha aposta máis decidida desde o goberno autonómico para apoiar a investigación agroforestal, coa posta en marcha dunha escala de investigación propia e a dotación de recursos aos centros sen dúbida axudaría. Pero esta aposta ten que ser seria, contundente, e continuada, e non como até agora, tímida, fluctuante e difusa.
“Moitos dos problemas de campo son tan complexos e descoñecidos que é impensable abordalos de forma directa e cortoplacista”
– A MBG finánciase case en exclusiva con fondos públicos. Que valor diferenciador achega isto de cara tanto aos investigadores como aos resultados dos traballos?
O orzamento para a execución da investigación que se desenvolve na MBG é fundamentalmente externo e conséguese en convocatorias públicas de concorrencia competitiva. Aínda que isto xera carga burocrática (só hai que pensar na gran cantidade de solicitudes e (tediosas) xustificacións que hai que manexar), tamén xera moitos aspectos positivos como son: a liberdade nas temáticas de estudo, a ausencia de presión que puidese xerar rumbos na investigación, o fomento da excelencia para manter niveis competitivos, a obrigación de estar ao día na estado da arte, a incentivación á creatividade e emerxencia de ideas disruptivas etc.
– Entre os produtores adoita ser común a crítica de que os traballos dos centros de investigación non dan resposta aos problemas reais do campo, ben porque non hai preocupación pola transferencia do coñecemento, ou porque moitas veces as investigacións dilátanse para non ter resultados concluíntes e así seguir podendo acceder a novas convocatorias de axudas para a investigación. Que opinión ten respecto diso? En que áreas cre que existe marxe de mellora?
Non comparto esta visión. Facer investigación agroforestal, contribuíndo para cubrir ocos de coñecemento, é necesariamente lento e tedioso. Eu creo que en absoluto se forza o ritmo da investigación para facelo máis lento. Na miña opinión, o que pasa é que cando se quere avanzar na fronteira do coñecemento hai que facelo pasiño a pasiño e moitas veces as contribucións son simplemente pequenos graniños de area practicamente insignificantes por si sós. Pero, en conxunto, todos estes graniños de area poden facer, eventualmente, unha enorme montaña e xerar saltos cualitativos que impacten notablemente no progreso da sociedade.
Dende o meu punto de vista, aínda que a investigación orientada é sen dúbida necesaria, non é de recibo pretender que todas as accións de investigación “dean resposta aos problemas reais do campo”. Moitos destes problemas son tan complexos e descoñecidos que é impensable abordalos de forma directa e cortoplacista. É máis, diría que, en moitas ocasións, as investigacións dirixidas para solucionar problemas concretos só xeran parches e resultados parciais, e mesmo chegan a conclusións que xa eran ben coñecidas. Eu vexo máis relevante fomentar a excelencia científica e xerar un corpo de investigación robusto e contundente que avance aos poucos, pero capaz de afrontar retos máis concretos e importantes.
“O cociente entre o soldo ou prestixio dun investigador e o que custa chegar a selo alcanza en España os valores máis baixos de todo o mundo”
Si vexo que é fundamental refortalecer a conexión do progreso científico coa sociedade e en particular co sector produtivo. O que non teño tan claro é que a responsabilidade desta débil conexión recaia exclusivamente nos investigadores. Moitas veces, o problema recae tamén nos usuarios que non buscan ou atopan a información que se transfire desde a investigación. Sen ganas de entrar en discusión, para solucionar isto eu creo que é fundamental xerar un corpo específico de especialistas en transferencia que fagan de nexo entre o avance do coñecemento e a sociedade, empresas, propietarios etc.
– Recentemente publicouse nos medios a noticia sobre a “compra” de firmas de investigadores occidentais para universidades de países do Golfo, así como o tráfico de traballos de investigación feitos á carta en países como a India. Como investigador e director da MBG, como valora esta polémica? O sistema de financiamento e de relacións laborais da investigación en España favorece estas prácticas?
Non coñezo en detalle este conflito. Son feitos moi grises que non fan ningún ben ao prestixio dos investigadores españois. Para facer investigación é fundamental ter sempre presentes uns principios éticos fundamentais que non se poden saltar baixo ningún concepto.
Sobre se o sistema de investigación en España favorece estas prácticas, é certo que o sistema de ciencia nacional é dos máis esixentes do mundo. O cociente entre o soldo ou prestixio dun investigador e o que custa chegar a selo alcanza en España os valores máis baixos de todo o mundo. Así queda tanto talento excelente no estranxeiro. Esta situación é bastante insustentable e hai que tentar revertela aos poucos. Pero por moita presión que haxa, nada xustifica saltarse as normas éticas máis básicas.
“A lección principal que aprendín en SCION é que só a través dunha investigación prolongada no tempo, con investimento continuado e suficiente estabilidade do persoal científico, se poden alcanzar resultados con impacto real no sector”
– A súa área de investigación na MBG centrouse no grupo Xenética e Ecoloxía Forestal, do que foi director. Cales son as principais necesidades de investigación que detecta nestas áreas en Galicia?
Nós traballamos nas interaccións das árbores cos seus inimigos naturais. Particularmente nas interaccións entre piñeiros e pragas e enfermidades. A idea de fondo é entender como especies tan antigas, aparentes e lonxevas son capaces de soportar a presión de organismos de ciclo de vida moito máis curto e por tanto con moitas vantaxes evolutivas. Sen dúbida, un forte e eficaz sistema de defensa está detrás da resposta a esta pregunta. Pero o que coñecemos sobre estes sistemas de defensa das árbores (por exemplo, a resina dos piñeiros) é aínda moi limitado e máis aínda a nivel de ecoloxía evolutiva. Investigar estes aspectos en árbores é moi difícil e iso xustifica o escaso coñecemento, pero, á vez, xera grandes oportunidades para abordar preguntas de alto interese científico.
– Realizou parte da súa investigación posdoctoral no SCION (Rotorua, Nova Zelandia). Que leccións poderiamos sacar da investigación forestal en Nova Zelandia para aplicalas en Galicia?
A miña estancia en NZ relacionábase cos programas de mellora xenética de coníferas, uns programas que alí estaban moi avanzados e xeraran grandes retornos á industria forestal. A lección principal que aprendín é que para conseguir éxito nun tema como este (a mellora xenética de especies forestais con orientación produtiva) é imprescindible constancia e perseveranza. Só a través dunha investigación prolongada no tempo, con investimento continuado e suficiente estabilidade do persoal científico, pódense alcanzar resultados con impacto real no sector.