Galicia participa nun proxecto de uso da intelixencia artificial para alerta temperá de incendios forestais
A Xunta forma parte desta iniciativa de cooperación para o desenvolvemento de infraestruturas dixitais de datos, nubes conxuntas e novos sistemas espaciais
O proxecto europeo Interreg está centrado na xestión conxunta de servizos relacionados coas novas tecnoloxías para a prevención, preparación e reposta fronte as catástrofes naturais e incendios forestais. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, participa nesta investigación. Trátase dun proxecto de cooperación para o desenvolvemento de infraestruturas dixitais transfronteirizas de datos, nubes conxuntas e novos sistemas espaciais.
‘Redes de alertas temperás para a teledetección de riscos derivados do cambio’ é o título da investigación na que participan, ademais da Xunta, a Dirección Xeral de Protección Civil de Castela e León, a Universidade de Estremadura, o Centro de Investigacións Científicas e Tecnolóxicas de Estremadura, Cruz Vermella, a Axencia Portuguesa do Ambiente (APA), a Universidade de Aveiro e a Xunta de Andalucía.
O beneficiario principal, que é Dirección Xeral de Emerxencias, Protección Civil e Interior de Estremadura, dispón dunha estación de descarga directa de datos dos satélites de observación da terra (Aqua, Terra, S-NPP e NOAA 20 da NASA e Copernicus da ESA). Con este sistema configurarán, desenvolverán e monitorizarán mediante intelixencia artificial diversos algoritmos (humidade, clorofila etc.) para modelos físicos que automaticen redes de alerta temperá. Estes datos servirán, entre outras finalidades, para a teledetección de incendios forestais.
Deste xeito, a Dirección Xeral de Defensa do Monte implementará o material informático necesario para recibir e analizar os datos e poder contar cunha rede de alerta temperá de detección de lumes transfronteirizos e da propia comunidade autónoma galega.