“Hai máis invertebrados do solo nas plantacións de eucalipto que nos prados ou terras agrarias, pero menos que nos piñeirais ou carballeiras”
A investigadora Raquel Juan Ovejero presenta a investigación sobre os efectos das plantacións de eucalipto sobre as comunidades de invertebrados do chan e a comparativa con outros usos de solo
Presentan novas evidencias sobre os efectos das plantacións de eucalipto no chan e, máis concretamente, nas comunidades de invertebrados, unha cuestión apenas analizada até o de agora, pero que resulta fundamental para o correcto funcionamento dos ecosistemas.
Estas conclusións extraéronse dun estudo liderado pola investigadora de posdoutoramento do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Raquel Juan Ovejero. Esta profesional descríbenos nesta entrevista como se desenvolveu a investigación, cales son as principais conclusións e en que outros traballos está inmersa.
– Presentaron novas evidencias sobre os efectos das plantacións de eucalipto no chan. Como foi o desenvolvemento da investigación?
Realizamos unha meta-análise, que é un estudo de síntese deseñado para compilar e analizar estudos previos sobre un mesmo tema. Este tipo de análise permite avaliar de maneira detallada a magnitude e a dirección dos efectos observados. No noso caso, centrámonos en estudar os efectos das plantacións de eucalipto sobre as comunidades de invertebrados do chan. Comparamos estes efectos con diferentes tipos de uso do chan, incluíndo bosques nativos, outras plantacións forestais, pastos, terras de cultivo, bosquetes invasores de acacias e sistemas integrados de produción que combinan xestión forestal, gandeira e agrícola.
– En que variedades de eucalipto se centrou o proxecto?
Recollemos información en xeral do xénero Eucalyptus que, por exemplo, inclúe especies que se plantan na Península Ibérica como Eucalyptus globulus ou Eucalyptus camaldulensis.
– Onde se desenvolveu a investigación?
Este estudo foi un traballo de síntese tendo en conta os resultados de estudos previos e, por tanto, non levou traballo de campo, senón que consistiu nunha compilación e análise de estudos existentes que compararon no seu día (eles si, con traballo de campo), o efecto das plantacións de eucalipto en comunidades de invertebrados do chan en comparación con outros tipos de uso do chan.
Na meta-análise non aparecen estudos realizados en Galicia, aínda que si se incluíron dous realizados en Portugal
Por outra banda, a compilación de estudos para a meta-análise fíxose a escala global, pero como os eucaliptos normalmente crecen en zonas tropicais e subtropicais, e tamén en zonas tépedas cálidas, a maioría de estudos que finalmente foron incluídos no estudo leváronse a cabo en Brasil, Portugal e Estados Unidos.
– Poderían ser as conclusións aplicables a zonas de Galicia onde a superficie de eucalipto sexa maior?
Na meta-análise non aparecen estudos realizados en Galicia, aínda que si se incluíron dous realizados en Portugal. Para coñecer o caso específico dos efectos das plantacións de eucalipto sobre os invertebrados do chan en Galicia e saber se as conclusións xerais da meta-análise son aplicables a esta rexión en concreto, sería necesario levar a cabo mostraxes de fauna do chan en diferentes zonas da rexión e comparar o que sucede nestas plantacións co que sucede baixo outros tipos de uso do solo como bosques de carballos e faias, bosquetes invasores de acacia, plantacións de piñeiros, ou zonas de pastos.
– A investigación comparouse con outros tipos de uso de chan. Con cales hai unha maior similitude nos resultados e con cales maiores diferenzas en canto á densidade de invertebrados?
En ecoloxía é importante diferenciar entre densidade e diversidade, pois a primeira fala do número de individuos, e a segunda do número de especies. Nós atopamos que as plantacións de eucaliptos teñen unha densidade menor de invertebrados do chan que outras plantacións forestais (coma, por exemplo, aquelas que conteñen piñeiros ou acacias), pero unha maior diversidade.
Ademais, observamos que as plantacións de eucaliptos teñen unha diversidade de invertebrados do chan menor que os bosques nativos, o que podería estar relacionado cunha menor heteroxeneidade de microhábitats e, en consecuencia, cunha menor dispoñibilidade de alimentos.
Tamén puidemos ver que a densidade de invertebrados do chan é menor en pastos e sistemas integrados de produción que en eucaliptos. Neste caso, este resultado podería estar relacionado co laboreo do chan, que poida que sexa máis agresivo en sistemas agroforestais que en eucaliptos porque nos primeiros faise de forma máis continuada que nos segundos. De todos os xeitos, para coñecer mellor os impactos destes resultados, necesitamos futuros estudos que investiguen en profundidade os efectos de diferentes prácticas de xestión sobre os invertebrados do chan.
Necesitamos coñecer os efectos das prácticas de xestión en plantacións de eucaliptos para poder favorecer unha maior presenza de invertebrados nos chans
– De que maneira poden mellorar a xestión forestal ante estes resultados para promover unha saúde do chan?
Os invertebrados que habitan no chan, como lombrigas, escaravellos e formigas, xogan un papel moi importante na descomposición da materia orgánica e no secuestro de carbono do chan. Isto, á súa vez, ten implicacións cruciais para a saúde do chan e para o benestar humano, pois o chan é unha fonte imprescindible para o cultivo de alimentos.
Por tanto, coñecer o estado dos organismos que habitan no chan fronte a diferentes tipos de xestións faise absolutamente necesario para poder garantir a conservación dos recursos a longo prazo.
– E para favorecer unha maior presenza de invertebrados nas plantacións de eucalipto?
Necesitamos coñecer máis en profundidade os efectos das diferentes prácticas de xestión que levan a cabo en plantacións de eucaliptos para poder favorecer unha maior presenza de invertebrados nos chans que hai baixo estas plantacións. Faise especialmente necesario coñecer cales son, por exemplo, os efectos da fertilización ou da frecuencia das cortas.
– A retirada de todas as polas despois dunha corta para o seu aproveitamento como biomasa é unha práctica que se está estendendo nos últimos anos en Galicia. Como inflúe na saúde do chan e na presenza de invertebrados?
A madeira morta que se deixa no chan é, en moitas ocasións, un recurso alimentario para os organismos do chan. Esta práctica de xestión de retirar todas as polas despois dunha corta, por tanto, podería alterar o hábitat natural dos invertebrados do chan, de forma que moitos deles talvez teñan que desprazarse a outras zonas con máis recursos alimentarios.
As turbeiras máis secas, con vexetación coma os queirugais teñen unha grande actividade biolóxica e producen máis fluxos de carbono que outras máis húmidas
– A súa tese doutoral centrouse no papel funcional da fauna e a vexetación do chan na sensibilidade das reservas de carbono aos cambios en factores abióticos. Poderías detallar cales foron as principais conclusións que obtiveches?
A miña tese doutoral, que concluín no ano 2020, foi unha investigación sobre a ecoloxía dos conxuntos de turbeiras da Serra do Xistral (localizada no norte da provincia de Lugo). As turbeiras son ecosistemas que necesitan moitas precipitacións e moita humidade, e adóitanse atopar en zonas situadas máis ao norte de Europa.
Ademais, teñen unha figura de protección ambiental a nivel europeo porque son un refuxio para unha gran diversidade de plantas e de organismos do chan. Eu estudei as interaccións entre invertebrados do chan e comunidades de plantas en diferentes hábitats destas turbeiras, e cales eran os efectos que estas interaccións poderían ter nas emisións de carbono.
En xeral, as turbeiras máis secas, con vexetación coma as queirugas eñen unha gran actividade biolóxica e producen máis fluxos de carbono que outras máis húmidas dominadas por brións e xuncos. Por tanto, nun contexto de cambio climático van ter máis problemas para resistir ao quecemento global e ao descenso das precipitacións.
– En que se centra a súa investigación posdoutoral?
Agora mesmo son beneficiaria dun contrato de apoio á formación posdoutoral da Xunta de Galicia e estou a estudar o impacto da expansión de eucaliptos e acacias sobre diferentes funcións dos ecosistemas forestais, como poden ser o secuestro de carbono ou a preservación da biodiversidade.
– En que outros proxectos está a traballar?
Nestes momentos tamén estou a colaborar en proxectos relacionados co estudo das respostas fisiolóxicas fronte ao cambio global de árbores icónicos da Península Ibérica, como os piñeiros e as aciñeiras. Ademais, tamén estou involucrada noutros proxectos relacionados co estudo das dinámicas post-incendio forestal tanto dos organismos de chan como das comunidades de plantas.